A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta actividades. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta actividades. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de novembro de 2014

Dous meses despois, Kobanê resiste!

A pesar da intensa choiva, máis de 60 persoas concentráronse onte, 12 de novembro en Vigo, convocadas por Mar de Lumes para se solidarizar co povo curdo, cando se cumpren dous meses do continuo ataque que está a sofrer na cidade rojavana de Kobanê.

Alén de darse leitura a un comunicado de apoio onde se lembrou que a situación de guerra e caos nesa área do Oriente atopa as súas causas principais na acción do Imperialismo occidental, que alimentou as forzas do ISIS, entoáronse diversas palabras de orde como "Galiza-Curdistán, solidariedade", "Erdogan, cómplice da Otan", "Kobanê resiste, Curdistán libre", "Imperialismo, fóra da Siria" ou "Estado islamista, axente imperialista". Tamén se amosaron diversos cartaces con referencias á resistencia en Kobane, á liberdade para o dirixente do PKK preso por Turquía, Abdullah Öcalan e bandeiras do KCK e do PKK. Aínda, agradeceuse a asistencia e apoio das 15 organizacións e colectivos aderentes.

Viva o Curdistán libre!










* Fotos de Ilkerman Iker.

mércores, 13 de agosto de 2014

A Cuba revolucionaria continúa a cumprir anos

A Cuba revolucionaria continúa a cumprir anos. Os 88 que hoxe, 13 de agosto, cumpre Fidel Castro, o seu principal ideólogo e artífice. Ademais, cumpren tamén anos nestes días tres dos catro presos cubanos que aínda continúan retidos nos Estados Unidos após a saída de René González coa pena cumprida.



Para celebrar a data, a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e o Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes realizamos unha fotografía simbólica conxunta para a enviarmos á campaña internacional Free The Five e animamos a todas as persoas solidarias a que envíen as súas felicitacións a info@freethefive.org, onde llas farán chegar aos presos e a Fidel.

domingo, 10 de agosto de 2014

Israel volve matar: a solidariedade coa Palestina continúa.

Nos últimos días continúan a producirse mostras de solidariedade desde a Galiza para Palestina. O horizonte de negociacións e a posíbel retirada das tropas israelitas de Gaza era aínda un escenario pouco claro que, en todo caso, non impediu continuidade do problema, que é a ocupación criminal do territorio palestiniano, nen que esta madrugada do 10 de agosto, Israel teña decidido, de novo de xeito unilateral, reiniciar os ataques, causando máis morte e mais dor.

Máis de 2.000 persoas mortas e máis de 10.000 feridas, milleiros de predios e moradas destruídas, infraestruturas vitais estragadas e ruínas por toda a parte é o saldo provisional da salvaxe operación Bordo Protector que o Estado sionista practica contra Gaza desde o 8 de xullo en represalia polo acordo político entre Hamas e Fatah para atinxir un goberno de unidade nacional na Palestina

Á concentración de solidariedade galego-portuguesa que ocupou a ponte entre Monção e Salvaterra o día 4 de agosto, convocada por organizacións solidarias galegas e portuguesas, e ás ás concentracións simbólicas que a comunidade palestiniana organizou o día 7 simultaneamente en Vigo, Ourense e Compostela, onde Sami Ashour leu algúns dos nomes das máis de 400 crianzas asasinadas, somáronse outros actos como a concentración de Moaña organizada polas Asociacións de Amizade e Solidariedade e por Mar de Lumes, coa participación de membros da Xudeus antisionistas, que caracterizaron o sionismo como unha ideoloxía racista. 

sábado, 26 de xullo de 2014

Galiza con Escocia: un si á independencia dos pobos!

O 25 de xullo, a data en que a Galiza celebra o seu Día da Patria, un grupo de militantes de Mar de Lumes en colaboración coa delegación da Solidarity with Scotland International Campaign deslocada á Galiza e contando tamén coa presenza de Tasmina Sheikh, deputada do SNP (Partido Nacionalista Escocés), organizamos unha grande fotografía colectiva de apoio ao "si" no referendo escocés de independencia que se celebrará o 18 de setembro.




Quen quer a independencia do seu pobo non pode querer outra cousa para os outros. E en Mar de Lumes somos firmes defensores do dereito de cada pobo á súa autodeterminación e, evidentemente, á súa plena independencia de poderes e intereses alleos. Saor Alba Gu Brath!

mércores, 23 de xullo de 2014

Continúan mostras solidarias coa Palestina

Mentres a ocupación continúe, a solidariedade galega coa Palestina está asegurada. Na secuencia da entrada por terra das tropas asasinas sionistas en Gaza, e cando as persoas asasinadas xa ultrapasan sobradamente o medio milleiro e se dirixen rápida e criminalmente a camiño da seguinte centena, na Galiza as organizacións solidarias continúan a multiplicar a súa actividade.

Nesta semana, foi Vigo, coa súa manifestación da segunda feira, na que congregou máis de 2.000 persoas, a que deixou a análise máis lúcida. Fayez Badawi, delegado da Frente Popular para a Liberación da Palestina no Estado español aseguraba: "Queremos unha negociación que non estexa baseada nos postulados norteamericanos e europeos. Mentres o direito internacional estexa secuestrado, temos direito á resistencia en todas as súas formas, encabezada pola resistencia armada".

Tamén Ourense celebrou máis unha concentración o mesmo luns, coa participación do colectivo Corpo a Terra e encabezada pola faixa "Israel Stop Impunidade".



Os actos solidarios continuaron en Compostela, onde as organizacións solidarias promoveron un encontro artístico na praza do Toural con presenza de Pista4, Pallasos en Rebeldía, o Coro da Rá ou Circo9, que realizaron unha demostración acompañada do manifesto no que se lía "a humanidade que non quere ser cómplice deste holocausto despreza Israel como estado racista e canalla, reclama o fin do xenocidio e apoia a loita do pobo palestino por recuperar a paz, a terra e a soberanía".

A actividade solidaria aínda se ha completar nos próximos días cunha nova concentración na Coruña, ás 20h00 na praza do Obelisco.

Velaquí a galería completa da manifestación de Vigo (GzFoto)




luns, 14 de xullo de 2014

Máis un paso na solidariedade galega coa Palestina



Mentres os bombardeos en Gaza non cesan e as vítimas mortais ultrapasan xa as 160, e mentres Israel continúa anunciando ataques aéreos e, segundo todo indica, se prepara para a invasión terrestre da faixa de Gaza, a solidariedade continúa a crecer por toda Galiza. Vigo, Ourense, Ferrol e Compostela viviron hoxe, 14 de xullo, senllas mobilizacións convocadas todas elas para as 20h00 por diversas organizacións sociais e de solidariedade, entre elas Mar de Lumes, BDS Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-Árabe Jenin.

| Manifestación de Compostela
En Compostela, a manifestación saiu da praza do Toural con arredor de 400 persoas, percorrendo varias rúas da cidade e voltando á praza para a leitura dun manifesto que se leu tamén no resto de cidades, e a información de novas actividades solidarias programadas. En Vigo, unhas 300 persoas ocuparon a farola da r/ Urzaiz baixo o lema "Solidariedade co pobo Palestino" e concertaron xa novas mobilizacións para a próxima semana. En Ourense, a afluencia de 150 persoas convertiu o que inicialmente había ser unha concentración na praza do Ferro nunha manifestación con consignas contra o imperialismo. Por último, en Ferrol, a concentración convocada na praza de Amada García baixo as mesmas premisas xuntou unhas 30 persoas.

| Concentración de Vigo
En total, unha maré solidaria que quer rachar o bloqueo informativo e contraporse ao relato falsamente neutral dos grandes medios, espallando a idea de que as agresións de Israel sobre a Palestina non fan parte de guerra ningunha, senón dun xenocidio lento que dura xa 66 anos. A continuación, o manifesto lido nesta xornada solidaria.


Stop xenocidio en Palestina

A faixa de Gaza é un estreito territorio de 40 km. de lonxitude e 6 a 12 de largura, onde residen 1,7 millóns de persoas. É, a todos os efectos, un campo de concentración administrado polo rexime sionista de Israel, onde as persoas non teñen permitida a liberdade de movementos e son sometidas a unha situación de pobreza imposta desde o exterior.

| Ourense, antes de comezar a manifestación

Desde que desapareceran 3 adolescentes israelitas que posteriormente foron encontrados mortos (un crime que o estado sionista se nega a esclarecer), a poboación palestina sofre un cruel castigo colectivo programado moito antes do asesinato dos tres colonos hebreus:

  • Vítima en Cisxordania de detencións masivas, batidas policiais, secuestro, tortura e asasinatos – entre eles 15 de adolecentes.
  • Vítima en Gaza do continuo ataque aéreo que provoca decenas de mortes (… crianzas), a destrución de casas e infraestruturas penosamente reconstruídas, a contaminación da terra e a auga,…
  • Vítimas no interior do estado de Israel de raids xenófobos organizados por fundamentalistas hebreus que actúan alentados pola indiferenza da cidadania e a complicidade das autoridades.
Os medios internacionais de comunicación, en mans de oligarquías pró-sionistas, apresentan o masacre como un escenario bélico. Mais nen Gaza nen o conxunto da Palestina posúe exército, mariña nen forza aérea, mentres que Israel, armado polos Estados Unidos e con axuda da Unión Europea, é hoxe a cuarta potencia militar mundial.

| Unha imaxe da concentración de Ferrol

Marxe Protectora chama o estado de Israel a esta operación de castigo colectivo e limpeza étnica para a que xa foron convocados 40.000 reservistas en medio a unha onda de exaltación sionista. Un crime de lesa humanidade que pola intención supremacista e despiadada, a mortífera capacidade bélica, a cobiza expansionista e as potenciais consecuencias, trae á memoria aqueles raids nazis e aquela reclamación de fronteiras seguras e espazo vital para a superior raza aria que, coa indiferenza cómplice de amplos sectores cidadáns e numerosos países ocidentais, converteron a Alemaña de 1933 no estado canalla e xenocida que provocou unha das piores catástrofes históricas.

Desde Galiza non podemos permanecer impasíbeis diante deste novo crime. Non se trata só dun problema ético. Trátase tamén dun delito à luz de todos os conceitos do dereito internacional. A situación da nosa nación aproxímanos necesariamente máis á dor da Palestina e a necesidade de os pobos poderen exercer a súa autodeterminación, posuíren un territorio que non sexa constantemente violado e se desenvolveren economicamente en función dos seus proprios intereses colectivos e non en base a intereses alleos de carácter imperialista. É por todo isto que facemos un chamado á solidariedade activa e a apoiar a campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións contra Israel.

Non aos bombardeos sionistas contra Gaza
Non á ocupación criminal da Palestina
Liberdade para os Povos!
Palestina Vencerá!

+ VER GALERÍA COMPLETA  DE IMAXES

venres, 11 de xullo de 2014

Concentracións solidarias coa Palestina

A solidariedade galega coa Palestina reuniuse máis unha vez en diversos puntos do país para condenar os bombardeamentos do exército de Israel e reclamar a liberdade para o pobo palestiniano. Convocados por diversas organizacións, entre as cales Mar de Lumes, celebráronse senllas concentracións en Compostela, A Coruña e Lugo.



A de Compostela, que chegou case ás 200 persoas, contou, alén de con Mar de Lumes, coa participación de outras organizacións de solidariedade coa Palestina, entre elas Galiza Por Palestina e BDS Galiza e a Asociación Galaico-Árabe Jenin, que dirixiu unhas palabras por medio do seu portavoz Sami Ashour. Ademais, acordouse nela convocar unha nova manifestación de solidariedade coa Palestina para o luns 14, con saída ás 20h00 da praza do Toural de Compostela.


Non á ocupación criminal da Palestina
Liberdade para os Povos!


MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS

Estas son as mobilizacións convocadas (en actualización):

  • Compostela: luns 14, 20h00, Praza do Toural.
  • Ferrol: luns, 20h00, Praza de Armas.
  • Ourense: luns 14, 20h00, Praza do Ferro.
  • Vigo: luns 14, 20h00, farola de Urzáiz.

domingo, 29 de xuño de 2014

Non ao fascismo na Ucraína! Non pasarán!


Foto de GzFoto - Ver a galería completa
Na Ucraína están a ser violados todos os limites da lóxica política após unha revolución que non era tal, a mudanza dun goberno pola forza, unha persecución sádica e criminal de calquera opositor e das minorías, e o uso de calquera medio — incluído os bombardeamentos con fósforo branco sobre poboación civil — para castigar as novas repúblicas populares que se teñen formado como única maneira de sobrevivir ao avanzo do fascismo. E todo financiado, xa ninguén o nega, pola UE e polos Estados Unidos.


O último episodio, vivido onte mesmo, 27 de xuño de 2014, marca o punto de non retorno na deriva criminal da UE: porque onte, após meses de violencia neonazi, Durão Barroso e van Rompuy asinaban con Petro Poroshenko — o actual presidente títere na Ucraína — un acordo de libre comercio preferente que, en pouco tempo, pode terminar introducindo o país eslavo na UE. O imperialismo dá, desta maneira, máis un paso: xa non derruba gobernos lonxe de sí, senón que pasa xa á fase de os integrar nas súas estruturas oligárquicas centrais.


Contra esta evolución, contra os crimes fascistas na Ucraína e contra a agresión ininterrompida ás Repúblicas Populares de Donetsk e Lugansk, desde Mar de Lumes organizamos unha xornada antifascista que tiña como obxectivo non só visibilizar a situación, senón tamén explicala e, en todo caso, enviar a nosa solidariedade desde a Galiza para quen sofre a persecución deste novo surto fascista e paramilitar. Militantes antifascistas e antiimperialistas e simpatizantes denunciamos en Pontevedra esta situación cunha concentración pública, realizamos un xantar de confraternidade en Moaña e asistimos a unha palestra sobre a situación actual, as súas orixes e as súas derivadas no complexo taboleiro da xeoestratexia nesa parte do mundo. A conclusión á que chegamos non podía ser outra:

Non ao fascismo na Ucraína!
Non pasarán!


»» Ver a galería de GzFoto sobre a concentración antifascista de Pontevedra

sábado, 17 de maio de 2014

Pola Nakba, máis solidariedade desde a Galiza

Este ano en que continuou a construción do muro da vergoña en Palestina, en que a Arca de Gaza foi bombardeada covardemente, en que o embaixador de Israel no Estado Español declarou o Parlamento Galego "entre os piores inimigos de Israel", neste ano en que continuaron os masacres indiscriminados na faixa de Gaza e na Cisxordania, en Mar de Lumes quixemos sumarnos á vaga de solidariedade que cada 15 de maio se celebra en todo o planeta en conmemoración da Nakba, a catástrofe da expulsión de 700.000 persoas na Palestina ocupada por Israel.


Este ano, o 66° desde que comezou un dos conflitos humanos máis sistemáticos e longos, organizamos en Compostela e na Coruña dúas actividades nos días 14 e 16, co obxectivo de achegar a situación da Palestina e explicar o ataque sionista a máis xente, conscientes de que apenas a solidariedade internacionalista, conducida através da campaña de boicote, desinvestimentos e sancións, pode contribuir a un fin con xustiza do apartheid sionista.



Para o acto de Compostela, celebrado o día 14, contamos coa participación de Mohamed Safa, que explicou o significado da Nakba e da chave que el, como tantos outros palestinianos expulsados, aínda conserva. Tamén coa achega de Elvira Souto, que falou sobre o modo como Israel introduce contidos nos nosos sistemas educativos como forma de profesionalizar o vitimismo do Holocausto nazista.

No acto da Coruña, de novo Elvira Souto e Dani R. Cao, ambos de BDS-Galiza, explicaron o que desde aqui, a milleiros de quilómetros, podemos facer para pormos fin á agresión diaria do sionismo. Ademais, en ambos os eventos puidemos exibir un fragmento do documentario Peace, Propaganda and The Promised Land e do videoclip Rap News 24, que incluímos a continuación.



xoves, 1 de maio de 2014

Duran Clemente: "o inimigo era o governo português, não os povos africanos"

Nesta semana, na tarde do día 29, decorreu en Pontevedra a palestra Un capitán galego en Abril conducida polo noso compañeiro Xosé Collazo e protagonizada polo coronel Manuel Duran Clemente, que en 25 de Abril de 1974 foi un dos capitáns máis destacados da Revolução dos Cravos.

Durán Clemente explicou os motivos que levaron os militares ao golpe de estado contra o Estado Novo como continuador da ditadura de Salazar e o porqué de o povo portugués ter acompañado aquel levante, converténdoo en revolucionario. Explicou tamén que a denominada «guerra de ultramar» polo decadente goberno de Portugal non era outra cousa que unha guerra pola liberación nacional na Angola, na Guiné Bissau, en Mozambique e noutros territorios ocupados. E, aínda, as razóns que levaron ao fin do Movimento das Forzas Armadas (MFA) e á clausura do Período Revolucionário Em Curso (PREC),coa consecuente reinstalación de forzas falsamente progresistas no país e a entrada de Portugal para o bloque ultraliberalista.

Na palestra aprendemos que as conquistas da Revolución que ficaron consagradas na Constitución continúan vixentes en grande medida, e iso malia a traizón sistemática dos últimos gobernos portugueses e tamén a pesar da vontade manifesta dos partidos actualmente no poder de terminar con eles.

O acto, finalizado polo Grândola, vila morena interpretado polo cantautor Xosé Constenla, á que seguiu unha cea de confraternidade para continuar coa celebración.

Para ouvirmos o capitán a falar destas cousas e de outras, a continuación, ofrecemos o vídeo da intervención de Manuel Duran Clemente, grazas ao traballo de GzVideos.



xoves, 24 de abril de 2014

40 anos da Revolução dos Cravos: Abril continúa en Pontevedra o día 29

O 25 de abril de 1974, na secuencia da profunda crise institucional e política que derivaba da chamada «guerra colonial» e da propria corrupción gobernamental, o Movimento das Forças Armadas puña o ponto e final ao Estado Novo, que aferrollaba o país após a ditadura de Salazar. Este 25 de abril de 2014 cúmprense nada menos que 40 anos daquela empreitada democrática que tivo os seus protagonistas, entre outros, nos denominados Capitães de Abril.

Desde Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista consideramos que é de xustiza recoñecer e conmemorar o paso adiante do povo portugués naquela altura e é para iso que temos preparado a nosa propria celebración. Nela, contaremos cun daqueles capitáns revolucionarios, o Coronel Manuel Duran Clemente, de orixe galega, que tivo un papel protagónico nos acontecementos do 25 de abril ao e tamén no 25 de novembro de 1975, cando era o encarregado de explicar, a través da Radio Televisão de Portugal, os motivos que levaron o MFA á insurrección e a posición das forzas armadas a respeito da traizón que se estaba a cometer. Naquela altura, a emisión foi cortada por axentes adeptos ás forzas da direita e as explicacións quedaron interrompidas. Este 29 de abril, 40 anos máis tarde, Duran Clemente explicará os motivos, o desenvolvemento e as conclusións da Revolução dos Cravos.

O acto de conmemoración do 40 aniversario será o 29 de abril, ás 19h30, na aula 16 da Faculdade de Belas Artes de Pontevedra, coa palestra Un capitán galego en Abril de Duran Clemente, e continuará cunha cea-convivio no Restaurante Rúas na que participará o propio Coronel e tamén o cantautor Xosé Constenla.

+ Evento en Facebook.
+ Difunde en Twitter.

PS: Para acudires á cea de confraternidade (16 euros) é necesario realizar reserva no enderezo electrónico de Mar de Lumes (mardelumes@gmail.com) ou no telefone 659 260 485, dado que as prazas son limitadas.
 
https://www.facebook.com/events/733346386710404/declines/?ref=notif&notif_t=plan_mall_activity

martes, 15 de abril de 2014

A cuestión nacional andaluza, con Antonio Torres

Esta pasada fin de semana, en Mar de Lumes organizamos unha palestra informativa sobre a cuestión nacional andaluza con Antonio Torres, membro da Dirección Nacional do SAT e Secretario Xeral de Andalucía Comunista.



Con el aprendemos que a conceptualización de Andalucía como nación colonizada polo Estado español non é un invento recente e que, ao contrario, os nosos povos — o andaluz e o galego — se teñen movido en moitas ocasións en sentidos moi similares. Soubemos tamén que figuras como Blas Infante e Castelao están máis próximas do que parece e que hoxe a sensación de pertenza nacional crece naquel país de forma esperanzadora, aínda que lentamente.

Como a intervención deu para moito, incluímos a continuación o vídeo da palestra celebrada na Adega Grândola de Compostela, este 12 de abril:



Desde Mar de Lumes non é a primeira vez que organizamos actividades sobre Andalucía. Anteriormente, tíñamos contado xa con Fran León, de Jaleo!!!, para unha charla-coloquio no C. S. Faísca de Vigo. Facémolo porque o proxecto uniformizador que España representa non só nos agrede ás nacións do norte — Galiza, Euskal Herria, Cataluña — senón a todas as que conforman a súa imposíbel «integridade territorial».

sábado, 22 de marzo de 2014

Newroz pîroz be!

Na tarde de onte, na Adega Grândola de Compostela, celebramos xunto coa Liga Estudantil Galega unha intensa xornada sobre o Curdistán co gallo do ano novo e día nacional curdo, o Newroz. Palestras, coloquio, poesia, gastronomía e música serviron para unir Galiza, por primeira vez, co resto de países solidarios co Curdistán.

Na primeira das palestras, Suleiman Hassani, curdo da zona ocupada polo Iraque e que antes de se exiliar no Estado español tiña sido encarcerado polo goberno iraquiano, explicou a orixe do Newroz, a diversidade interna do povo curdo e a división do Curdistán en catro Estados hostís aos intereses populares da maior minoría étnica e cultural de Oriente próximo: un povo cunha poboación entre 40 e 60 millóns de persoas privadas dos máis elementares direitos democráticos. Hassani tamén explicou as motivacións imperialistas, que se teñen a ver coa na disponibilidade de petróleo e de auga en territorio curdo e coa cobiza dos Estados da zona e das súas oligarquías económicas, que sistematicamente se negan a permitir a autodeterminación do Curdistán.

Na segunda intervención, da man de Pepa Baamonde, repasamos a situación cultural do Curdistán nos diferentes territorios ocupados pola Turquía, o Iraque, o Irán e a Siria. A través dos usos públicos da lingua e da actividade literaria, aprendemos que, do mesmo modo que o galego hai só uns anos, a lingua curda estivo ou aínda está prohibido nos seus usos públicos, dependendo de quen ocupe a zona. E soubemos tamén que, por trás da pretensa abertura cultural e legal levada adiante polo goberno turco de Erdogan, continúan producíndose os mesmos abusos, con presos e presas políticas inclusive.

No coloquio, no que tamén contamos coa participación de Arazu Hassani, houbo tamén a posibilidade de falar sobre o papel da relixión como recurso utilizado para producir loitas intestinas no Curdistán (maioría sunita) e sobre como os diferentes dialectos curdos non impeden a relación entre curdos curmanxís, suranís, etc.

POEMAS POLO CURDISTÁN

A celebración non parou aí. Porque onte, ademais do ano novo curdo, tamén se celebraba no mundo enteiro o Día Internacional da Poesía. Unindo as dúas datas, contamos coa axuda de Zêrya Alan, que recitou en curdo o Adeus ríos adeus fontes de Rosalía de Castro, e de novo con Pepa Baamonde, que nos trouxo varios poemas de Yaşar Kemal e outros poetas recitados simultaneamente en curdo e galego. A solidariedade de ida e volta, en forma de poemas, completouse cos textos recitados por María N. Soutelo, Rosa Enríquez e Xosé Mª Vila Ribadomar.

En total, unhas setenta persoas asistiron ás dúas palestras, ao coloquio e ao recital, e tamén puideron degustar os postres curdos preparados para a ocasión e mesmo adquirir o libro Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas de Séchu Sende e a adaptación da grande epopea curda Mem e Zîn, de Ehmedê Xanî, traducida para o galego por Pepa Baamonde.

Por último,  incluímos tamén aquí os dous micro-documentários que tiñamos programado exibir, e que por motivoa técnicos non puidemos pasar. O primeiro, intitulado Cada casa, umha escola, realizado por Séchu Sende, conta a situación do idioma curdo por medio de testemuños in situ, de persoas que sofreron a represión por falaren a súa lingua e de persoas que hoxe traballan para que non se perda nos ambientes urbanos. O segundo, Un povo invisíbel, do xornalista basco Borja Portuondo, narra a experiencia do exilio dunha familia curda que pasa do seu fogar ocupado por un Estado (Siria) a outro fogar ocupado por outro Estado (Turquía), sen sair do seu país.



Un pueblo invisible from Borja Portuondo on Vimeo.

mércores, 19 de marzo de 2014

O 21 celebramos o Newroz en Compostela

Esta sexta, 21 de marzo, ás 19h30, Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista e a Liga Estudantil Galega organizan na adega Grândola de Compostela (r/ Cardeal Payá) unha xornada festiva e reivindicativa con motivo do Newroz, o ano novo curdo que se celebra por todo o planeta debido á diáspora desta nación sen Estado.

O acto solidario, que se fai extensivo a toda a comunidade curda de Compostela e comarca, consistirá en dúas breves charlas, impartidas por Suleiman Hassani, Óscar Valadares e Pepa Baamonde, seguidas de coloquio, no que se tratará a situación política e cultural dun pobo de máis de 50 millóns de persoas, que carece de Estado propio, cuxos membros son encarcerados por falaren a súa lingua propia e que, para máis dificultades, se encontra dividido entre a Turquía, a Siria, o Iraque e o Irán nunha das zonas máis ricas do oriente próximo, e portanto cobizada por todas as potencias occidentais.

Para rematar, Zêrya Alan, María N. Soutelo, Xosé Mª Vila Ribadomar e Rosa Enríquez intercambiarán Poemas por Curdistán, e os asistentes poderán desfrutar dalgún petisco e da música curda e mesmo adquirir o libro Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas de Séchu Sende ou a tradución para o galego da grande epopea curda: Mem e Zîn de Ehmedê Xanî.

Newroz pîroz be!




martes, 18 de marzo de 2014

Chávez Sempre!


Nun acto repleto de grandes momentos no interior do Auditorio García Barbón de Vigo, o pasado día 15 de marzo, Mar de Lumes participou, xunto con outras, como organización colaboradora na Homenaxe Nacional a Hugo Chávez organizada pola Associaçom Galega de Amizade com a Revoluçom Bolivariana (AGARB) e o Consulado de Venezuela en Galiza.

En conmemoración do primeiro ano da morte do Comandante Hugo Chávez, o acto tornouse nunha afirmación emotiva que foi alén da solidariedade obrigada entre os povos, até á amizade e o recoñecemento profundo das achegas que a Revolución Bolivariana está a traer para a humanidade toda, e non só para Venezuela.  

Eis unha selección de fotografías da homenaxe, cortesía de GzFoto.


O cantautor Xosé Constenla


Uxía Senlle e Sérgio Tannus


Sés


Serafín González, en nome da CIG


Os tres trebóns


Zurrumalla


Liska!


A Cónsul Xeral da Venezuela,  Luisana Sánchez Cohen


O coordenador da AGARB, Xavier Moreda

venres, 7 de marzo de 2014

Celebrado coloquio sobre o sistema educativo cubano

Onte, nunha xornada organizada pola Liga Estudantil Galega e na que Mar de Lumes colaboramos xunto coa Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e a A.C. A Revira, puidemos escoitar o Cónsul Xeral de Cuba, José Antonio Solana, falando sobre o sistema educativo cubano diante dun auditorio de máis de 70 persoas congregadas nas aulas da Faculdade de Belas Artes da UVigo.

O Cónsul explicou a estrutura do sistema formativo e outros aspectos técnicos, ademais de explicar o enorme esforzo do goberno revolucionario para reducir a taxa de analfabetismo (Cuba foi o primeiro país da América do Sul a se declarar territorio libre de analfabetismo), para estender a educación ás zonas máis remotas da illa cun corpo de mestres voluntarios, ou para expandir o sistema universitario non só por toda a illa, como tamén con especial atención aos colectivos máis desfavorecidos, incluída a poboación carceraria, que pode reintegrarse á vida comunitaria cunha carreira universitaria. Inclusive, foron referidos datos de informes da varias organizacións internacionais, vinculadas á ONU, que sistematicamente teñen recoñecido a altísima calidade do sistema educativo en Cuba. Unha das ouvintes mesmo manifestou: "a miña avoa era analfabeta, a miña nai foi alfabetizadora, eu son xornalista".

José Antonio Solana falou tamén de como o ensino en Cuba se convertiu nun dos focos de máxima atención do goberno e inclusive fixo autocrítica a respeito da imposibilidade de manter un país onde todas as persoas posúan titulación universitaria, na medida en que son necesarios tamén traballadores e traballadoras cualificadas para atender os oficios produtivos. Unha autocrítica que, segundo explicou, é asumida polo goberno da República de Cuba, que xa ten implementado planos destinados a favorecer o ingreso de novos estudantes en ciclos formativos similares á Formación Profesional do sistema educativo galego.

A preguntas do público, que se extenderon por máis de unha hora, tamén se falou das dificuldades que algúns países poñen á convalidación de títulos universitarios obtidos en Cuba, sobre as misións científicas da illa en diversas partes do mundo, notadamente América Latina e África e sobre como o bloqueo económico que os Estados Unidos mantén ano após ano condiciona os aspectos materiais, non só no educativo, como no resto das tarefas diarias.

luns, 28 de outubro de 2013

Suceso das xornadas de amizade Galiza-Cataluña

A semana pasada, en colaboración coas asociacións culturais A Revira e Cultura do País, celebramos en Pontevedra e Lugo tres xornadas de amizade e solidariedade co pobo catalán.

As actividades comezaron polo serán en Lugo co pase do documentario Del roig al blau (Do vermello para o azul) que mostra os anos da chamada Transición no Païs Valencià, o fenómeno do blaverismo e o seu uso por parte do centrismo español para fomentar o anti-catalanismo que continúa padecendo hoxe unha parte importante desa faixa sul dos Països Catalans.



Despois do documentario e dun interesante debate posterior, asistimos ao concerto de Cesk Freixas, que tiña tamén participado no debate, achegando a súa posición de proximidade ao conflito.

Simultaneamente, o mesmo día 25 en Pontevedra tiña lugar un seminario sobre historia de Cataluña a cargo do profesor José E. Vicente, membro de Mar de Lumes, que serviu para pór de manifesto a falacia da historiografía española.

E xa o día 26, puido verse o novo pase do documentario Del roig al blau, degustar produtos cataláns e asistir ao concerto de Cesk Freixas.

Desde a Galiza, o auxe do sentimento soberanista e o proceso en que o pobo catalán está inmerso son seguidos con profundo interese. Frente á intoxicación constante e á catalanofobia sementada polos gobernos unionistas de Madrid e polo goberno galego controlado polo Partido Popular, desde Mar de Lumes  queremos insistir na solidariedade e acompañar a situación doutro ponto de vista: o das persoas que o están a protagonizar, cada día.

martes, 1 de outubro de 2013

Apresentada en Compostela Cubainformacion.tv

Na tarde de onte, 30 de setembro, foi apresentado en Compostela o portal informativo Cubainformación.tv nun acto celebrado na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, organizado pola Liga Estudantil Galega e por Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista.

A apresentación foi realizada por Luisa Cuevas, correspondente e colaboradora do medio e militante internacionalista, que explicou con varios exemplos a política comunicativa do mundo capitalista a respeito de Cuba, baseada na magnificación dos problemas e no silencio absoluto a respeito dos avanzos da Revolución, así como a práctica de utilizar sempre fontes antigobernamentais.

A trintena de asistentes, entre os que tamén se encontraba o cónsul xeral de Cuba, José Antonio Solana, puideron coñecer de primeira man a orixe do proxecto, a súa filosofía comunicativa e a función social que cumpre unha web que, na actualidade, serve como un dos principais pólos aglutinadores da diáspora cubana.

Ademais, Luisa Cuevas explicou a importancia dos medios de comunicación no caso cubano, debido ao bloqueo mediático tamén imposto polos Estados Unidos e os seus aliados e á presenza doutros medios publicados por opositores e financiados por multitude de institucións e organizacións anticubanas, como o famoso Nuevo Herald.

Houbo tempo tamén para un breve coloquio onde as asistentes se interesaron pola situación dos medios de comunicación en Cuba e sobre as acusacións de dogmatismo vertidas contra o goberno popular, o que permitiu departir brevemente sobre a existencia dunha nutrida rede de blogueiros cubanos que vai moito alén da publicitada Yoani Sánchez, tamén financiada polos Estados Unidos e outros lobbies anticubanos.


venres, 6 de setembro de 2013

Unha semana de concentracións frente o ataque imperialista contra Siria

Ao longo desta semana, un conxunto de organizacións galegas unidas nas súas posicións antiimperialistas e de defensa da soberanía dos pobos, entre elas Mar de Lumes, convocamos concentracións nas cidades de Compostela, a Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo e a vila de Foz, denunciando a política militarista e criminal que no conflito sirio teñen levado a cabo os Estados Unidos, a Franza e a Gran Bretaña e tamén os seus aliados na rexión, notadamente Israel, Arabia Saudita e Catar.

Na suma de todas elas, perto de mil galegas e galegos amosaron na rúa o seu rexeitamento a esta nova agresión contra un estado soberano. A diferenza do conflito libio, onde a resposta foi morna e cativa, nesta ocasión a suma de vontades das diferentes organizacións en cada localidade fixeron posíbel que esta primeira resposta frutifique nos vindeiros días en acordos mais amplos para unha resposta mais contundente de seguir a escalada bélica.

Imaxe da concentración en Compostela
Non contentos con armar e apoiar no plano loxístico unha oposición artificialmente inflada e mobilizada, eses gobernos anuncian agora o seu desexo de invadir o país coa escusa ridícula de levar e implantar a democracia e a paz. Guerra para impor a paz: iso é o que nos queren vender.

Imaxe da concorrida concentración de Vigo
Frente ás súas mentiras, as organizacións convocantes destes actos de repulsa, así como a cidadanía que se congregou nos actos xa celebrados e nos que en vindeiros días se han producir, evidenciamos que o mundo non é tan unipolar como queren facernos crer e que na Galiza hai cidadanía crítica quen de protestar publicamente e exixir que as agresións imperialistas terminen dunha vez, que o capitalismo armado abandone a súa política de patio traseiro e que sexa respeitada, como principio básico das relacións internacionais, a soberanía política de cada povo.

De Mar de Lumes, o pasado mes de maio, xa denunciamos nun acto simbólico em Compostela a inxerencia estranxeira e a hipocrisia de denominar guerra civil, a secas, ao conflito sirio.

Eis o manifesto lido nas cidades galegas.

Imperialismo fóra da Siria!

Pola paz e a soberanía dos pobos.

A barbarie vén de ser anunciada por medio de novas ameazas de guerra. Resoan de novo os tambores, mais os Estados Unidos, Franza e Gran Bretaña xa levan moito tempo intervindo militarmente en Siria, por medio da entrega de armamento, apoio loxístico, adestramento e envío de milicias armadas desde o exterior. Este conflito, que desde hai dos anos é presentado nos medios de comunicación como un enfrontamento civil, é unha guerra encoberta creada, financiada e dirixida en todo o momento desde o exterior.

Imaxe da faixa despregada en Ourense

Non é mais que unha operación desas potencias polo control dunha zona -e dos seus recursos- e que tivo os seus episodios anteriores nas guerras de Iraq, Afganistán ou Libia. Primeiro arman e promoven os ataques terroristas contra o pobo sirio, e despois utilizan a situación creada como escusa para invadir o país. Agora mesmo, ante a constatación dos avances do goberno sirio, os Estados Unidos e os seus aliados veñen de propor a intervención militar directa, o que terá consecuencias dramáticas para a poboación e para a paz internacional.

A propaganda de guerra recorrerá a todas as escusas necesarias para xustificar un salto cualitativo na súa ofensiva militar, que non ten máis obxetivo que defender os intereses estratéxicos das potencias imperialistas. Repiten o procedemento aplicado en moitos outros países, afirmando que é necesario bombardear á poboación civil para defendela. Os resultados deste imperialismo revestido de humanitarismo están á vista en todos os países nos que se aplicou: millóns de mortos e desprazados, aumento xeneralizado da violencia, a pobreza e a corrupción, reforzamento das posturas máis sectarias e regresivas, e entrega dos recursos ao servizo de intereses foráneos, por medio de oligarquías mafiosas involucradas en tráfico de armas, drogas e persoas.

Non podemos agardar algo diferente para a Siria. Cando falen de armamento ilegal, teremos que lembrar que son os mesmos que ían destruir as armas de destrución masiva en Iraq, o que se demostrou como unha mentira deliberdada. Cando falen de axudar a poboación, teremos que sinalar que o mesmo pretendían en Libia, cando bombardearon o país para dar a volta ao conflito e chegar hoxe a se apoderar do seu petróleo. Cando falen de democratización, pensemos no goberno titere imposto en Afganistán pola OTAN e na ocupación militar que aínda padece. Cando argumenten a necesidade de responder ante a utilización de armamento prohibido, podemos repasar o historial dos que se proclaman xendarmes mundiais: os únicos que se atreveron a utilizar armamento atómico dúas veces, os que devastaron o Vietnam con axente naranxa, os que empregaron armas de uranio empobrecido contra a Xugoslavia, os que si utilizaron armamento químico en masa na toma de Fallujah no Iraque. Só o máximo cinismo permite ás potencias imperialistas apresentarse agora indignadas ante un ataque sem demostrar, que só beneficia ao chamado bando "rebelde" -con indicios de que foi este o que empregou as armas químicas- e no momento no que os inspectores da ONU aínda examinan os feitos.

Panorámica da concentración de Compostela
En realidade, os obxetivos dos Estados Unidos e os seus aliados son outros, e inscríbense nunha estratexia de guerra interminábel que non ten ningunha relación coas lexítimas aspiracións de liberdade, independencia e xustiza dos pobos da rexión. A historia demostra que as potencias imperialistas non promoven intervencións militares inocentes nin humanitarias, senón operacións de saqueo e dominio, agravadas na actual etapa de crise estrutural do capitalismo. Controlar militarmente o país e apoderarse dos seus recursos é un vello obxetivo dos planos estadounidenses, que pretenden reforzar o seu dominio na rexión, preparando e anunciando xa os vindeiros ataques contra o Líbano ou Irán, e prolongando a súa alianza cos réximes máis reaccionarios e inxustos, os da Arabia Saudí e Catar, así como co terrorismo de Estado israelí que mantén a ocupación e o apartheid da Palestina.

A agresión en curso contra Siria tería gravísimas consecuencias para unha rexión xa torturada, empobrecida e agredida, e constituiría unha nova violación do Dereito Internacional en virtude da lei do maís forte. É urxente que todos os pobos do mundo actuemos en contra do imperialismo, en defensa da paz, a liberdade e o soberanía dos pobos.

As organizacións presentes denunciamos, desde Galiza, a complicidade do goberno español nestes novos planos agresivos e esiximos que se respete o dereito de cada país a resolver os seus problemas internos desde a negociación e o diálogo, a partir do respeito da independencia e soberanía do pobo sirio, e contando tamén cos dereitos do esquecido pobo curdo. Comprometémonos a continuar a mobilización e resistencia frente a guerra e o imperialismo.

Na Galiza, agosto de 2013

***

Podes ver aquí imaxes das concentracións na Galiza.

Podes ver aquí imaxes de mobilizacións no mundo .

domingo, 1 de setembro de 2013

Contra o imperialismo, Galiza co pobo sirio!

As últimas informacións sobre o ataque imperialista contra Siria non deberían enganarnos. A negativa do Parlamento británico a apoiar a loucura promovida polo primeiro ministro David Cameron non parecen ser freo de ningún tipo para Franza, que xa anunciou o seu apoio incondicional á intervención, nen para os Estados Unidos, cuxo presidente, o ridículo Nobel da Paz Barack Obama anunciou a súa decisión de intervir militarmente.

O que falta por saber é cal será o momento en que a maquinaria de guerra occidental entrará definitivamente en funcionamento, despois de meses apoiando loxisticamente os autoproclamados «rebeldes» en connivencia con Israel, Arabia Saudita e Catar. Do que non cabe dúbida é de que a decisión está tomada e que salvo que a presión no sentido contrario sexa a suficiente, ese ataque imperialista se producirá máis cedo que tarde. Non hai mais que ver a tomada de posicións que están realizando



Por iso, de Mar de Lumes, entendemos fundamental manter con mais razón aínda as convocatorias de concentracións solidarias co pobo sirio e de repulsa ao imperialismo que están xa convocadas na Coruña, Compostela e Pontevedra e participar con mais intensidade nas asembleas que se están organizando de cara a concretar os actos de repulsa en Vigo, Lugo e outras cidades do país.

Estas son, polo momento, as accións programadas.
  • A Coruña. Luns 2, 20h30. Praza de Ourense. Concentración
  • Compostela. Luns 2, 20h30. Praza do Toural. Concentración
  • Foz. Luns 2, 20h30. Praza do Concello. Concentración. 
  • Pontevedra. Luns 2, 20h30. Praza da Peregrina. Concentración.
Agárdase que, para vindeiros días se produzan tamén concentracións de repulsa en Vigo, Lugo, Ferrol e Ourense, aínda non confirmadas, mais onde tanto Mar de Lumes como outras organizacións convocantes están xa en contacto. 

Estas accións han de vir somarse ás condenas que noutros países están facendo públicas outras organizacións de solidariedade, países como os membros da ALBA e movementos sociais diversos, mais convencidos de que sexa cal sexa o momento escollido, un ataque imperialista non é mais que unha criminal demostración da barbarie do sistema. 

Imperialismo fóra de Siria! 
Pola paz e a soberanía dos pobos.