Mentres os bombardeos en Gaza non cesan e as vítimas mortais ultrapasan xa as 160, e mentres Israel continúa anunciando ataques aéreos e, segundo todo indica, se prepara para a invasión terrestre da faixa de Gaza, a solidariedade continúa a crecer por toda Galiza. Vigo, Ourense, Ferrol e Compostela viviron hoxe, 14 de xullo, senllas mobilizacións convocadas todas elas para as 20h00 por diversas organizacións sociais e de solidariedade, entre elas Mar de Lumes, BDS Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-Árabe Jenin.
![]() |
| Manifestación de Compostela |
![]() |
| Concentración de Vigo |
Stop xenocidio en Palestina
![]() |
| Ourense, antes de comezar a manifestación |
Desde que desapareceran 3 adolescentes israelitas que posteriormente foron encontrados mortos (un crime que o estado sionista se nega a esclarecer), a poboación palestina sofre un cruel castigo colectivo programado moito antes do asesinato dos tres colonos hebreus:
- Vítima en Cisxordania de detencións masivas, batidas policiais, secuestro, tortura e asasinatos – entre eles 15 de adolecentes.
- Vítima en Gaza do continuo ataque aéreo que provoca decenas de mortes (… crianzas), a destrución de casas e infraestruturas penosamente reconstruídas, a contaminación da terra e a auga,…
- Vítimas no interior do estado de Israel de raids xenófobos organizados por fundamentalistas hebreus que actúan alentados pola indiferenza da cidadania e a complicidade das autoridades.
![]() |
| Unha imaxe da concentración de Ferrol |
Marxe Protectora chama o estado de Israel a esta operación de castigo colectivo e limpeza étnica para a que xa foron convocados 40.000 reservistas en medio a unha onda de exaltación sionista. Un crime de lesa humanidade que pola intención supremacista e despiadada, a mortífera capacidade bélica, a cobiza expansionista e as potenciais consecuencias, trae á memoria aqueles raids nazis e aquela reclamación de fronteiras seguras e espazo vital para a superior raza aria que, coa indiferenza cómplice de amplos sectores cidadáns e numerosos países ocidentais, converteron a Alemaña de 1933 no estado canalla e xenocida que provocou unha das piores catástrofes históricas.
Desde Galiza non podemos permanecer impasíbeis diante deste novo crime. Non se trata só dun problema ético. Trátase tamén dun delito à luz de todos os conceitos do dereito internacional. A situación da nosa nación aproxímanos necesariamente máis á dor da Palestina e a necesidade de os pobos poderen exercer a súa autodeterminación, posuíren un territorio que non sexa constantemente violado e se desenvolveren economicamente en función dos seus proprios intereses colectivos e non en base a intereses alleos de carácter imperialista. É por todo isto que facemos un chamado á solidariedade activa e a apoiar a campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións contra Israel.
Non aos bombardeos sionistas contra Gaza
Non á ocupación criminal da Palestina
Liberdade para os Povos!
Palestina Vencerá!
+ VER GALERÍA COMPLETA DE IMAXES