A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta palestina. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta palestina. Amosar todas as publicacións

martes, 6 de xuño de 2017

Crónica da roda de palestras con Fayez Badawi sobre a Palestina e o dereito á resistencia popular


Esta semana pasada, o Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes convidou o palestiniano Fayez Badawi a visitar Galiza para realizar unha roda de palestras-coloquio baixo o título Palestina. Resistencia, intifada, vitoria. Os actos, que tiveron lugar nas cidades de Lugo, Pontevedra e Ourense, e tamén nas vilas da Estrada, Redondela ou Sada, foron asistidos, no total, por máis de 200 persoas que puideron escoitar de viva voz os motivos do pobo palestiniano para resistir contra a ocupación israelita, para se negar a abandonar definitivamente as súas casas — moitas delas destruídas e substituídas por asentamentos ilegais de colonos —, e para continuar a loitar por un futuro sen apartheid e sen supremacismo, nun país do rio Xordán ao Mediterráneo. 

A presenza de Fayez Badawi, que padeceu e enfrentou directamente os horrores da ocupación e que actualmente é un dos representantes europeos da Fronte Popular para a Liberación da Palestina (FPLP), organización que continúa na listaxe da Unión Europea de «organizacións terroristas» desde 2002 por non aceptar a «solución de dous Estados», permitiu tamén profundizar nas raíces políticas do chamado conflito árabe-israelita, que é, na realidade, o conflito dun pobo contra a ocupación das súas terras e a usurpación dos seus recursos por parte de colonos europeos e americanos que usan a relixión como elemento aglutinador e base sobre a que asentar un pretendido «pobo» que poida reclamar dereitos territoriais. 

Contra estas falsas reclamacións, Fayez explicou tamén os motivos que levaron historicamente a esquerda palestiniana e árabe a rexeitar os Acordos de Oslo e calquera plano que prevea unha solución de dous Estados, e evidenciou que, mesmo que a dereita do seu país teña aceptado ese sistema de dobre raseiro, o resultado tampouco ten sido o fin das hostilidades e matanzas lanzadas desde Israel, nen a cancelación da súa política de asentamentos armados na Cisxordania, nen o derrubamento do muro da vergoña — a respeito do cal a comunidade internacional garda un silencio clamoroso. Outro dos puntos esenciais da exposición deste revolucionario palestiniano centrouse en desmontar o discurso que separa o sionismo da súa matriz racista e que criminaliza a resistencia palestiniana polo feito de se expresar non só, pero tamén, por medio da vía armada — unha vía, por certo, recollida no dereito internacional. 

Finalmente, os actos serviron tamén para deitar unha ollada sobre a situación xeral no Oriente Medio, con particular atención para a guerra imperialista na Siria e para as súas ligazóns co papel que as potencias occidentais xogaron e aínda xogan na Libia, no Iraque ou no Iemen. Lonxe do discurso mediático que asocia estes conflitos a guerras civís ou relixiosas, Fayez Badawi ofreceu unha leitura marxista da situación, asociando as razóns á loita de clases e á necesidade que o capital transnacional ten de ocupar territorios por toda a parte para someter os seus recursos e os seus pobos á súa propia cadea de lucro. 

Este ciclo de actos enmárcase, en primeiro lugar, no traballo de solidariedade que Mar de Lumes leva desenvolvendo desde 2012 contra o imperialismo e polo dereito dos pobos á súa soberanía, e, en segundo lugar, na campaña de boicote, desinvestimentos e sancións contra Israel que MdL está tamén a promover en Galiza.  



Subscrebe a nosa axenda solidaria!

xoves, 25 de febreiro de 2016

Palestina. Unha ollada ao conflito.

Onte, 24 de febreiro, o Comité de Mar de Lumes do Morrazo convidou Fayez Badawi a unha nova palestra sobre a situación da Palestina e, en xeral, do Oriente Próximo, nun acto baixo o título «Palestina. Unha ollada ao conflito». 

O compañeiro Fayez, representante na Europa da Frente Popular para a Liberación da Palestina (FPLP) explicou de novo a orixe do conflito en 1947, coa decisión das Nacións Unidas de criar da nada un «estado xudeu» en territorio árabe e repasou a longa lista de crimes e barbarie que desde aquel momento ten impulsado o racismo sionista, obrigando millóns e palestinianos e palestinianas a fuxiren a campos de refuxiados na Siria e no Líbano.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

xoves, 29 de outubro de 2015

Galiza con Palestina, contra a barbarie, contra a ocupación

Na noite de hoxe, 29 de outubro, o comité compostelán de Mar de Lumes, xunto coa campaña BDS Galiza e a asociación Galiza por Palestina celebraron unha concentración pública contra a intoxicación mediática a respeito da situación da Palestina e contra a ocupación como orixe de todos os crimes cometidos contra este povo irmán. Na concentración deuse lectura ao manifesto de solidariedade, asinado polas tres organizacións, e escoitouse a voz palestiniana da man de Sami Ashour, da asociación galego-árabe Jenin, que asegurou que, ainda que Israel poida matar milleiros de persoas, non é capaz de matar o povo palestiniano. A continuación, reproducimos o manifesto:

CONTRA A MANIPULACIÓN MEDIÁTICA SOBRE A PALESTINA

Vivemos, outra vez, momentos de grande intoxicación mediática a respeito das novas sobre a Palestina. Os grandes corporacións da comunicación e en xeral aqueles medios que están ao servizo do imperialismo e desa mitoloxía racista que é o sionismo, espallan a idea de que as mozas e mozos da Cisxordania e de Xerusalén Leste entoleceron de súpeto e saen á rúa armados con coitelos para asasinar xudeus.

Estes medios, maioritarios en occidente, falan de Cisxordania e de Xerusalén Leste; falan de xudeus e musulmáns; pero non falan de Territorios Ocupados, nen de colonos, e todo para non falar da ocupación. A ocupación, porén, é a verdadeira orixe de todos os atropelos, abusos e crimes que a Palestina sofre cada día desde hai case sete décadas. Estes medios atópanse cómodos na redución simplista e maniquea, apresentando o conflito como unha cuestión puramente relixiosa, misturando o concepto de árabe co de musulmán e o de xudaísmo co de nación. Contribúen así, de xeito decisivo, á enorme confusión que, pola súa vez, axuda a disipar a solidariedade.

A insurrección violenta da mocidade palestiniana — e non só da mocidade — non ten nada a ver coa loucura nen co odio relixioso. Na Palestina viven persoas de todas as confesións relixiosas. Pola contra, é Israel o que discrimina por razón de crenzas e de razas, estabelecendo un estado teocrático e de apartheid que viola de maneira sistemática todos e cada un dos dereitos civís e humanos. A insurrección palestiniana ten a ver, pola contra, co deterioro continuado das condicións materiais de vida. Un deterioro que deriva da ocupación cada vez máis intensa e extensa do territorio palestiniano, da guetización dos bairros árabes, dos despexos forzados de familias inteiras, do roubo de terras, do bloqueo económico, da prohibición de facto (cando non directamente de iure) da maioría das actividades económicas e da libre circulación.


A continuidade no tempo destas situacións, e os continuos episodios de encarceramentos, execucións extraxudiciais e desaparicións, así como a constatación do fracaso absoluto dos acordos de Oslo (que prometían a resolución do conflito) urxen hoxe a poboación palestiniana a responder por todas as vías á ocupación. É a excepcional situación de opresión e represión a que, portanto, lexitima este povo a empregar todas as vías da resistencia, incluída a resistencia armada. Tamén se esta se realiza por medio de pedras, paus, coqueteis molotov ou coitelos.

As organizacións asinantes deste manifesto, (Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, a Campanha BDS Galiza e Galiza por Palestina) así como as innúmeras persoas de ben que na Galiza senten o chamado urxente do povo palestiniano, manifestamos o noso apoio sen condicións á causa da liberación total da Palestina, e unimos a nosa voz á maré de voces que por todo o planeta exixen xa, sen medias palabras, o fin da ocupación e dos seus crimes, o fin do Estado terrorista de Israel, a devolución dos Territorios Ocupados ao povo palestiniano e o regreso das persoas exiliadas e refuxiadas, desde 1948 até hoxe.

Viva a Palestina libre!
Palestina vencerá!

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

luns, 29 de xuño de 2015

Galiza contra o ataque á III Flotilla da Liberdade, e contra a impunidade de Israel



Este serán, 29 de xuño, centos de persoas saímos ás rúas das principais cidades galegas e de todo o mundo en rexime de autoconvocatoria urxente. Fixémolo cun único obxectivo: denunciarmos a impunidade de Israel, a brutalidade do sionismo e a complicidade da Unión Europea perante os gravísimos feitos que viñan de acontecer na madrugada anterior: o asalto armado por parte da mariña de guerra sionista á III Flotilla da Liberdade e o secuestro do buque Marianne, no que viaxaban activistas de diversos países, co obxecto de rachar simbólicamente o bloqueo contra a Faixa de Gaza.

A acción armada de Israel non só constitúe un grave caso de pirataría internacional coa connivencia dos grandes poderes europeos, mais preocupados por continuar a estrangular o digno povo grego do que pola violación dos máis elementares dereitos humanos na Palestina. É, ademais, un acto de extensión desa mesma violación contra o propio activismo polos dereitos humanos, deixando claramente exposto o proxecto xenocida de Israel.

En todo caso, o ataque á Flotilla da Liberade, do mesmo xeito que aconteceu coas dúas anteriores, ás que tamén impediran pola forza chegaren ao seu destino, non nos debe impedir ver o verdadeiro problema de fondo, que non é o outro que a ocupación criminal da Palestina por parte do Estado sionista de Israel, en particular na Faixa de Gaza através dun bloqueo delirante que dura xa oito anos.

As persoas que hoxe nos manifestamos na Coruña, en Ourense, en Vigo, en Compostela, en Pontevedra, en Moaña ou en Ribeira fixémolo sendo claramente conscientes desta situación, renunciando a calquera eurocentrismo e partillando a dor coa ampla comunidade árabe no noso país, e singularmente coa palestiniana. E o feito de que nesta ocasión a impunidade israelita teña atinxido unha compatriota nosa, a eurodeputada do BNG Ana Miranda, non fai mais que chamar a nosa atención para o feito de que o imperialismo non terá fronteiras nen limites se non somos as persoas e os povos organizados as que llos poñamos.

Neste momento, a tripulación do Marianne encóntrase privada de liberdade na base militar de Ashdod, onde se lle nega calquera tipo de asistencia consular, e desde a que esperamos que cada unha das activistas sexa deportada en próximas horas para poder regresar a casa e continuar combatendo o terrorismo sionista.

Para iso, desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, animamos a todas as persoas a aderiren á campaña internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel, que ten unha organización operativa no noso país e que se revela, neste momento, como a vía máis eficaz para loitar contra Israel.



Concentración de Vigo ás portas do MARCO


Concentración en Ourense. 


Compostela, onde a concentración terminou en manifestación.



Pontevedra, na praza da Peregrina



Concentración no Obelisco na Coruña


Moaña, dainte da porta do concello. 

Concentración en Ribeira

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

luns, 22 de decembro de 2014

Contra o asasinato do ministro Abu Ein e contra o rexime de terror sionista


Ziad Abu Ein, Presidente da Comisión da Autoridade Palestiniana contra o Muro de Separación e contra os Colonatos, foi asasinado o día 10 de decembro, mentres participaba na vila palestiniana de Turmusaya nun acto simbólico e pacífico contra a confiscación de terras palestinianas: unha plantación de oliveiras, símbolo universal da paz. Ziad Abu Ein resultou morto despois de ter sido golpeado salvaxemente por policías israelitas e inhalar gases lacrimóxenos, tras o que se lle denegou a atención médica inmediata que necesitaba para sobreviver.

Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista quer manifestar, máis unha vez, a súa solidariedade co povo palestiniano agredido permanentemente por Israel e facer a máis enérxica das condenas contra o rexime racista e de apartheid que os grandes intereses oligopólicos teñen instalado na Palestina en forma de Estado sionista. Queremos, do mesmo modo, reafirmar a aposta da solidariedade galega organizada en Mar de Lumes por unha solución que inclúa o fin da ocupación da Palestina e a devolución das terras roubadas para que sexan reintegradas aos milleiros de exiliados e exiliadas desde a Nakba, e que constitúa o fin da existencia do proxecto sionista.

Somos conscientes de que Israel é apenas a denominación do proxecto imperialista na rexión do Oriente próximo, e que portanto ningún apelo á súa pretendida "boa vontade" vai servir para paralisar as agresións diarias e a violencia practicada de maneira sistemática polas súas forzas armadas e polos seus colonos contra a poboación palestiniana. Sabemos tamén que só a repulsa activa a esta barbarie, exercida no plano internacional por medio da campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións, pode colocar ese proxecto imperialista nunha situación de debilidade suficiente como para que calquera negociación vaia alén do puro simulacro. O noso papel, como organización de solidariedade, non pode ser outro que apoiar esta campaña e, ao mesmo tempo, toda a resistencia que o povo palestiniano estexa en disposición de exercer, por calquera das vías posíbeis.

Con esta nova agresión, personificada no ministro Abu Ein mais que na realidade é contra toda a Palestina, Mar de Lumes reafírmase nos seus compromisos co povo palestiniano:

1. Divulgar e socializar en Galiza a barbarie da ocupación da Palestina, dos seus métodos e dos fins que persegue o imperialismo occidental con este proxecto declaradamente fascista.

2. Reclamar a condena internacional do Estado de Israel polos crimes inherentes á ocupación que practica, particularmente aqueles crimes de guerra e aquelas violacións dos máis elementares direitos humanos.

3. Promover todas cantas accións de boicote, desinvestimentos e sancións sexan posíbeis en Galiza, en colaboración con outras entidades antisionistas e polos direitos humanos, particularmente coa campaña BDS-Galiza.

4. Denunciar os acordos comerciais e a colaboración económica entre os oligopolios e as oligarquías sionistas e da Unión Europea, así como a limpeza de imaxe de Israel feita diariamente polas institucións da UE.

5. Exixir a inmediata liberación das e dos prisioneiros políticos palestinianos en cárceres sionistas, como Ahmad Sa'adat ou Marwan Barghouti, entre tantas e tantos outros.

Palestina vencerá!

Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Compostela, 22 de decembro de 2014.

xoves, 23 de outubro de 2014

Liberdade para os presos políticos palestinianos!


Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista quer aderir á campaña internacional que exixe ao goberno sionista de Israel a liberación do Secretario Xeral da FPLP, Ahmad Sa'adat, e a do resto das máis de 5.200 persoas secuestradas e encarceradas en Israel baixo o mesmo tipo de escusas que o sionismo usa para estabelecer check-points, toques de recoller, zonas de exclusión ou calquera outra das postas en escena do apartheid.

Ahmad Sa'adat, como tantas outras persoas do seu país, representa un exemplo da dignidade con que día tras día o povo palestiniano enfrenta a ocupación, os bombardeamentos, as agresións e a asfixia económica e social tanto na faixa de Gaza como na Cisxordania e en Xerusalén-Leste. Unha dignidade que é tamén a contraparte evidente da covardía do ocupante e, ao mesmo tempo, a continuación lóxica dun compromiso co propio país. No caso de Ahmad Sa'adat, dun compromiso revolucionario.

Desde Mar de Lumes somos conscientes das torturas e dos abusos que Israel comete ao amparo dos seus cárceres, e tamén da impunidade que lle outorgan os Estados Unidos e a Unión Europea á que nós, como galegas e galegos, estamos tamén suxeitos pola forza. Sabemos, tamén, que o povo árabe e, concretamente, o povo da Palestina, é indestrutíbel, e que a razón non pode ser recluída en prisións nen con cadeas de tipo ningún. Nen sequer polas pesadas cadeas de terror do rexime sionista. Por iso:

Exiximos a liberación de Ahmad Sa'adat e das máis de 5.200 persoas presas.
Exiximos o fin da ocupación e das agresións.
Palestina Vencerá!


Mar de Lumes
Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Compostela (Galiza), 21 de outubro de 2014.

______________

Freedom for the Palestinian political prisoners!



Sea of Fires – Galizan Committee for Internationalist Solidarity wants to adhere to the international campaign demanding the Zionist government of Israel to release the PFLP General Secretary Ahmad Sa'adat, and the rest of the more than 5,200 people kidnapped and imprisoned in Israel under the same kind of excuses that Zionism uses to establish check-points, curfews, exclusion zones and other stagings of apartheid policy.

Ahmad Sa'adat, like so many other people of his country, represents an example of dignity with which the Palestinian people is day after day facing occupation, bombings, assaults and economic and social strangling, both in Gaza and in the West Bank and East-Jerusalem. This dignity is the obvious counterpart of the cowardice of the occupier and, at the same time, the logical continuation of a commitment with the Palestinian people. In the case of Ahmad Sa'adat, a revolutionary commitment.

From Sea of Fires, we are aware of the torture and abuses committed in Israeli prisons, and also of the impunity granted to Zionism by the United States and the European Union, to which we as Galizans are also subject by force. We are aware that the determination of the Arab people and, specifically, the people of Palestine, is unbreakable, and that reason cannot be confined to prisons nor bound by chains of any kind. Not even by the heavy chains of the Zionist regime of terror. Therefore:

We demand the release of Ahmad Sa'adat and of the more than 5,200 imprisoned.
We demand an end to the occupation and the aggressions.
Palestine shall overcome!

Sea of Fires
Galizan Committee for internationalist solidarity
Compostela (Galiza), 21st of October 2014

venres, 26 de setembro de 2014

Despois do masacre en Gaza, a ocupación continúa



O fin do ataque brutal contra a Faixa de Gaza non é o fin do problema da Palestina. A ocupación continúa e o pobo enfrenta novos problemas, tanto internos como externos, coa negativa de Israel a cumprir os acordos da tregua, non por esperábel menos catastrófica para a poboación gazea.

Para falar da situación non só en Gaza como tamén en Xerusalén Leste e na Cisxordania, así como da campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións contra Israel, Mar de Lumes e a Liga Estudantil Galega organizamos en Pontevedra unha nova palestra explicativa, que correu a cargo de Elvira Souto (BDS-Galiza) e de Sami Ashour (presidente da Asociación Galaico-Árabe Jenin).

A continuación, un vídeo con algúns momentos das intervencións:

domingo, 10 de agosto de 2014

Israel volve matar: a solidariedade coa Palestina continúa.

Nos últimos días continúan a producirse mostras de solidariedade desde a Galiza para Palestina. O horizonte de negociacións e a posíbel retirada das tropas israelitas de Gaza era aínda un escenario pouco claro que, en todo caso, non impediu continuidade do problema, que é a ocupación criminal do territorio palestiniano, nen que esta madrugada do 10 de agosto, Israel teña decidido, de novo de xeito unilateral, reiniciar os ataques, causando máis morte e mais dor.

Máis de 2.000 persoas mortas e máis de 10.000 feridas, milleiros de predios e moradas destruídas, infraestruturas vitais estragadas e ruínas por toda a parte é o saldo provisional da salvaxe operación Bordo Protector que o Estado sionista practica contra Gaza desde o 8 de xullo en represalia polo acordo político entre Hamas e Fatah para atinxir un goberno de unidade nacional na Palestina

Á concentración de solidariedade galego-portuguesa que ocupou a ponte entre Monção e Salvaterra o día 4 de agosto, convocada por organizacións solidarias galegas e portuguesas, e ás ás concentracións simbólicas que a comunidade palestiniana organizou o día 7 simultaneamente en Vigo, Ourense e Compostela, onde Sami Ashour leu algúns dos nomes das máis de 400 crianzas asasinadas, somáronse outros actos como a concentración de Moaña organizada polas Asociacións de Amizade e Solidariedade e por Mar de Lumes, coa participación de membros da Xudeus antisionistas, que caracterizaron o sionismo como unha ideoloxía racista. 

mércores, 23 de xullo de 2014

Continúan mostras solidarias coa Palestina

Mentres a ocupación continúe, a solidariedade galega coa Palestina está asegurada. Na secuencia da entrada por terra das tropas asasinas sionistas en Gaza, e cando as persoas asasinadas xa ultrapasan sobradamente o medio milleiro e se dirixen rápida e criminalmente a camiño da seguinte centena, na Galiza as organizacións solidarias continúan a multiplicar a súa actividade.

Nesta semana, foi Vigo, coa súa manifestación da segunda feira, na que congregou máis de 2.000 persoas, a que deixou a análise máis lúcida. Fayez Badawi, delegado da Frente Popular para a Liberación da Palestina no Estado español aseguraba: "Queremos unha negociación que non estexa baseada nos postulados norteamericanos e europeos. Mentres o direito internacional estexa secuestrado, temos direito á resistencia en todas as súas formas, encabezada pola resistencia armada".

Tamén Ourense celebrou máis unha concentración o mesmo luns, coa participación do colectivo Corpo a Terra e encabezada pola faixa "Israel Stop Impunidade".



Os actos solidarios continuaron en Compostela, onde as organizacións solidarias promoveron un encontro artístico na praza do Toural con presenza de Pista4, Pallasos en Rebeldía, o Coro da Rá ou Circo9, que realizaron unha demostración acompañada do manifesto no que se lía "a humanidade que non quere ser cómplice deste holocausto despreza Israel como estado racista e canalla, reclama o fin do xenocidio e apoia a loita do pobo palestino por recuperar a paz, a terra e a soberanía".

A actividade solidaria aínda se ha completar nos próximos días cunha nova concentración na Coruña, ás 20h00 na praza do Obelisco.

Velaquí a galería completa da manifestación de Vigo (GzFoto)




luns, 14 de xullo de 2014

Máis un paso na solidariedade galega coa Palestina



Mentres os bombardeos en Gaza non cesan e as vítimas mortais ultrapasan xa as 160, e mentres Israel continúa anunciando ataques aéreos e, segundo todo indica, se prepara para a invasión terrestre da faixa de Gaza, a solidariedade continúa a crecer por toda Galiza. Vigo, Ourense, Ferrol e Compostela viviron hoxe, 14 de xullo, senllas mobilizacións convocadas todas elas para as 20h00 por diversas organizacións sociais e de solidariedade, entre elas Mar de Lumes, BDS Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-Árabe Jenin.

| Manifestación de Compostela
En Compostela, a manifestación saiu da praza do Toural con arredor de 400 persoas, percorrendo varias rúas da cidade e voltando á praza para a leitura dun manifesto que se leu tamén no resto de cidades, e a información de novas actividades solidarias programadas. En Vigo, unhas 300 persoas ocuparon a farola da r/ Urzaiz baixo o lema "Solidariedade co pobo Palestino" e concertaron xa novas mobilizacións para a próxima semana. En Ourense, a afluencia de 150 persoas convertiu o que inicialmente había ser unha concentración na praza do Ferro nunha manifestación con consignas contra o imperialismo. Por último, en Ferrol, a concentración convocada na praza de Amada García baixo as mesmas premisas xuntou unhas 30 persoas.

| Concentración de Vigo
En total, unha maré solidaria que quer rachar o bloqueo informativo e contraporse ao relato falsamente neutral dos grandes medios, espallando a idea de que as agresións de Israel sobre a Palestina non fan parte de guerra ningunha, senón dun xenocidio lento que dura xa 66 anos. A continuación, o manifesto lido nesta xornada solidaria.


Stop xenocidio en Palestina

A faixa de Gaza é un estreito territorio de 40 km. de lonxitude e 6 a 12 de largura, onde residen 1,7 millóns de persoas. É, a todos os efectos, un campo de concentración administrado polo rexime sionista de Israel, onde as persoas non teñen permitida a liberdade de movementos e son sometidas a unha situación de pobreza imposta desde o exterior.

| Ourense, antes de comezar a manifestación

Desde que desapareceran 3 adolescentes israelitas que posteriormente foron encontrados mortos (un crime que o estado sionista se nega a esclarecer), a poboación palestina sofre un cruel castigo colectivo programado moito antes do asesinato dos tres colonos hebreus:

  • Vítima en Cisxordania de detencións masivas, batidas policiais, secuestro, tortura e asasinatos – entre eles 15 de adolecentes.
  • Vítima en Gaza do continuo ataque aéreo que provoca decenas de mortes (… crianzas), a destrución de casas e infraestruturas penosamente reconstruídas, a contaminación da terra e a auga,…
  • Vítimas no interior do estado de Israel de raids xenófobos organizados por fundamentalistas hebreus que actúan alentados pola indiferenza da cidadania e a complicidade das autoridades.
Os medios internacionais de comunicación, en mans de oligarquías pró-sionistas, apresentan o masacre como un escenario bélico. Mais nen Gaza nen o conxunto da Palestina posúe exército, mariña nen forza aérea, mentres que Israel, armado polos Estados Unidos e con axuda da Unión Europea, é hoxe a cuarta potencia militar mundial.

| Unha imaxe da concentración de Ferrol

Marxe Protectora chama o estado de Israel a esta operación de castigo colectivo e limpeza étnica para a que xa foron convocados 40.000 reservistas en medio a unha onda de exaltación sionista. Un crime de lesa humanidade que pola intención supremacista e despiadada, a mortífera capacidade bélica, a cobiza expansionista e as potenciais consecuencias, trae á memoria aqueles raids nazis e aquela reclamación de fronteiras seguras e espazo vital para a superior raza aria que, coa indiferenza cómplice de amplos sectores cidadáns e numerosos países ocidentais, converteron a Alemaña de 1933 no estado canalla e xenocida que provocou unha das piores catástrofes históricas.

Desde Galiza non podemos permanecer impasíbeis diante deste novo crime. Non se trata só dun problema ético. Trátase tamén dun delito à luz de todos os conceitos do dereito internacional. A situación da nosa nación aproxímanos necesariamente máis á dor da Palestina e a necesidade de os pobos poderen exercer a súa autodeterminación, posuíren un territorio que non sexa constantemente violado e se desenvolveren economicamente en función dos seus proprios intereses colectivos e non en base a intereses alleos de carácter imperialista. É por todo isto que facemos un chamado á solidariedade activa e a apoiar a campaña internacional de boicote, desinvestimentos e sancións contra Israel.

Non aos bombardeos sionistas contra Gaza
Non á ocupación criminal da Palestina
Liberdade para os Povos!
Palestina Vencerá!

+ VER GALERÍA COMPLETA  DE IMAXES

venres, 11 de xullo de 2014

Concentracións solidarias coa Palestina

A solidariedade galega coa Palestina reuniuse máis unha vez en diversos puntos do país para condenar os bombardeamentos do exército de Israel e reclamar a liberdade para o pobo palestiniano. Convocados por diversas organizacións, entre as cales Mar de Lumes, celebráronse senllas concentracións en Compostela, A Coruña e Lugo.



A de Compostela, que chegou case ás 200 persoas, contou, alén de con Mar de Lumes, coa participación de outras organizacións de solidariedade coa Palestina, entre elas Galiza Por Palestina e BDS Galiza e a Asociación Galaico-Árabe Jenin, que dirixiu unhas palabras por medio do seu portavoz Sami Ashour. Ademais, acordouse nela convocar unha nova manifestación de solidariedade coa Palestina para o luns 14, con saída ás 20h00 da praza do Toural de Compostela.


Non á ocupación criminal da Palestina
Liberdade para os Povos!


MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS

Estas son as mobilizacións convocadas (en actualización):

  • Compostela: luns 14, 20h00, Praza do Toural.
  • Ferrol: luns, 20h00, Praza de Armas.
  • Ourense: luns 14, 20h00, Praza do Ferro.
  • Vigo: luns 14, 20h00, farola de Urzáiz.

mércores, 2 de xullo de 2014

Nova vaga represiva contra a Palestina


A nova vaga represiva contra Palestina ordenada por Israel xa está aquí. Desta volta, tomando como pretexto o pretenso rapto de tres mozos na Cisxordania, o exército de Israel procede a novos bombardeamentos sobre poboación civil e, após asegurar ter identificado os suspeitosos daquel rapto, destrúe as súas casas e desata un novo terrorismo institucionalizado.

Amer Aby Aysa e Marwan Kawasme, acusados de estaren ausentes da súa casa desde o mesmo día que desapareceron os tres mozos xudeus, son desta volta o pretexto de Israel para desatar esta nova campaña represiva, que como sempre non se centra nos sospeitosos — que aínda non foron xulgados, ademais — senón contra todo o pobo.

O resultado desta nova vaga de castigo colectivo, con escusa ou sen ela, é varios palestinianos mortos, centos de detidos — que continúan detidos despois de Israel ter pretensamente identificado os suspeitosos — e varios predios e vivendas destruídas.

Nada muda en Palestina, portanto: Israel continúa exercendo o imperio da forza bruta con calquera escusa; a comunidade internacional continúa asistindo silenciosamente ao masacre lento e sistemático do pobo palestiniano; e os principais medios de comunicación continúan mostrando propositadamente un relato maniqueo e simplificado no que os bos son sempre os civilizados israelitas e o terrorismo vén sempre do lado palestiniano, no que de Israel nunca se mostran as matanzas senón os funerais de Estado, a compostura, as declaracións institucionais, e da Palestina nunca se mostra calquera estrutura social, senón apenas xente de cara cuberta lanzando pedras como se en lugar dun pobo agredido o único que houbese fose unha turba irracional de salvaxes.

Do que non cabe dúbida é de que a aposta de Fatah e Hamas pola reconciliación e polo necesario goberno de unidade nacional é unha causa de preocupación para Israel. E tampouco cabe dúbida de que Israel fará canto sexa capaz para impedir que a situación na Palestina se consolide — incluída unha nova campaña de terror.

»» Ler máis: Especial Palestina | Solidariedade coa Palestina

sábado, 17 de maio de 2014

Pola Nakba, máis solidariedade desde a Galiza

Este ano en que continuou a construción do muro da vergoña en Palestina, en que a Arca de Gaza foi bombardeada covardemente, en que o embaixador de Israel no Estado Español declarou o Parlamento Galego "entre os piores inimigos de Israel", neste ano en que continuaron os masacres indiscriminados na faixa de Gaza e na Cisxordania, en Mar de Lumes quixemos sumarnos á vaga de solidariedade que cada 15 de maio se celebra en todo o planeta en conmemoración da Nakba, a catástrofe da expulsión de 700.000 persoas na Palestina ocupada por Israel.


Este ano, o 66° desde que comezou un dos conflitos humanos máis sistemáticos e longos, organizamos en Compostela e na Coruña dúas actividades nos días 14 e 16, co obxectivo de achegar a situación da Palestina e explicar o ataque sionista a máis xente, conscientes de que apenas a solidariedade internacionalista, conducida através da campaña de boicote, desinvestimentos e sancións, pode contribuir a un fin con xustiza do apartheid sionista.



Para o acto de Compostela, celebrado o día 14, contamos coa participación de Mohamed Safa, que explicou o significado da Nakba e da chave que el, como tantos outros palestinianos expulsados, aínda conserva. Tamén coa achega de Elvira Souto, que falou sobre o modo como Israel introduce contidos nos nosos sistemas educativos como forma de profesionalizar o vitimismo do Holocausto nazista.

No acto da Coruña, de novo Elvira Souto e Dani R. Cao, ambos de BDS-Galiza, explicaron o que desde aqui, a milleiros de quilómetros, podemos facer para pormos fin á agresión diaria do sionismo. Ademais, en ambos os eventos puidemos exibir un fragmento do documentario Peace, Propaganda and The Promised Land e do videoclip Rap News 24, que incluímos a continuación.



xoves, 15 de maio de 2014

Israel declara Galiza "inimiga"

É certo que a solidariedade internacional serve e ten consecuencias directas. A última, a protesta desproporcionada do embaixador de Israel no Estado español, Alon Bar (na foto), após o Parlamento de Galiza, soberanamente, ter feita pública unha declaración institucional en que insta o propio Israel a cumprir as resolucións das Nacións Unidas, precisamente co gallo do chamado "día da independencia" de Israel.

A declaración, favorecida polo traballo da campaña BDS-Galiza, de cuxo traballo non só o internacionalismo senón todas as persoas deberíamos orgullarnos, fixo que Israel declarase Galiza como "un dos piores e máis extremistas inimigos de Israel".

A resposta de Israel, alén de ridícula, podería parecer ousada. Na realidade, o que fai e transparecer o verdadeiro carácter do sionismo, que non admite críticas e que ao mesmo tempo que executa unha longa estratexia de limpeza étnica contra o pobo da Palestina se permite o luxo de ir declarando inimigos á toa e de se entrometer na política interna doutras nacións — exactamente igual que fai coa vida das persoas que se declaran anti-sionistas — tal como exixe a súa concepción instrumental e profesionalizada do vitimismo.

Provabelmente o Parlamento de Galiza sexa o primeiro en toda a Europa a facer declaracións semellantes. E xa non é a primeira vez. Demostra que, no simbólico, tamén a solidariedade ofrece camiño para percorrer.

+ Declaración institucional do Parlamento de Galiza.
+ Carta de reprobación do embaixador de Israel no EE.
+ Especial Palestina de Mar de Lumes.

martes, 29 de abril de 2014

O sionismo ataca a Arca de Gaza

Hai unhas horas, a Arca de Gaza, o barco que pretendía saír de Gaza con produtos palestinianos para quebrar o bloqueo e evidenciar ao mundo a política xenocida do sionismo israelita, foi atacado e afundido parcialmente pola parte da popa.

Con este ataque á bomba, Israel pretende demostrar a inviolabilidade do bloqueo económico que impón sobre Palestina e, ao mesmo tempo, paralisar a reclamación popular a favor do fin dese bloqueo que ía ser enviada ás Nacións Unidas por iniciativa da Coalición da Flota da Liberade, da que fan parte intelectuais e activistas sociais de todo o planeta, tamén da Galiza.

A posición do povo palestiniano, porén, continúa inamobíbel. "Nen este nen calquera outro ataque ha deter os nosos esforzos por desafiar o bloqueo de Gaza até que termine", sinalaba David Heap, do comité directivo do proxecto. "Pódese afundir un barco, mais non unha acción civil", completa Ehab Lotayef.

Desde a Galiza, diversas organizacións sociais que tiñan realizado pedidos de produtos manufaturados en Gaza cun sentido simbólico, entre as cales BDS-Galiza, CIG, CNT, EsCULcA, FRUGA e STEG, están xa a valorar a posibilidade de efectuar reclamacións coordenadamente con outras organizacións solidarias internacionais.

martes, 14 de maio de 2013

Celebrada a palestra "Palestina, un pobo permanentemente agredido"


Hoxe, 14 de maio, véspera do día da Nakba, Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista e BDS-Galiza celebramos unha palestra conxunta na Universidade de Santiago de Compostela baixo o título "Palestina, un pobo permanentemente agredido", no que ficou claro que os boicotes non son unha novidade histórica, senón un método de loita utilizado desde hai máis dun século para loitar contra as inxustizas sociais. Puidemos, ademais, coñecer datos sobre a situación da Palestina e o modo como o sionismo manipulou e continúa a manipular a historia, apresentándose como ideoloxía dun Estado democrático e aberto cando, na realidade, oculta toda unha serie de crimes contra o povo palestiniano. Coa Palestina, desde a Galiza, a nosa solidariedade.