A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta palestras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta palestras. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de febreiro de 2016

Palestina. Unha ollada ao conflito.

Onte, 24 de febreiro, o Comité de Mar de Lumes do Morrazo convidou Fayez Badawi a unha nova palestra sobre a situación da Palestina e, en xeral, do Oriente Próximo, nun acto baixo o título «Palestina. Unha ollada ao conflito». 

O compañeiro Fayez, representante na Europa da Frente Popular para a Liberación da Palestina (FPLP) explicou de novo a orixe do conflito en 1947, coa decisión das Nacións Unidas de criar da nada un «estado xudeu» en territorio árabe e repasou a longa lista de crimes e barbarie que desde aquel momento ten impulsado o racismo sionista, obrigando millóns e palestinianos e palestinianas a fuxiren a campos de refuxiados na Siria e no Líbano.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

martes, 8 de setembro de 2015

Celebrada palestra sobre o Curdistán como chave no Oriente Medio

Este 7 de setembro, no Centro Social A Galleira de Ourense, celebramos unha palestra pública a cargo do compañeiro Óscar Valadares sobre a situación do povo curdo e, en particular, sobre o duplo conflito que enfrenta: por unha parte, o conflito cos Estados en que ficou dividido o territorio histórico do Curdistán, co fin de estabelecer un espazo de liberdade e democracia proprio e soberano; e por outra parte, o conflito contra os intereses imperialistas nunha rexión de imensos recursos enerxéticos e pola que atravesan algúns dos oleodutos e gasodutos fundamentais para o consumo europeo.

Deste modo, en Mar de Lumes comezamos unha colaboración coa Galleira que nos próximos meses continuará desenvolvéndose nunha programación estábel de actividades e, ao mesmo tempo.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

sábado, 8 de novembro de 2014

Galiza con Catalunya, pola independencia!

A só unhas horas de que o povo catalán sexa chamado a se expresar democraticamente contra a negativa do Estado español de recoñecer os dereitos colectivos, desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista organizamos ou participamos en varias das iniciativas que se levaron a cabo en Galiza en apoio á xornada histórica do vindeiro 9 de novembro.

| Un momento do coloquio en Lugo

Esta "semana catalá" comezou o día 4, poucas horas despois de o Tribunal Constitucional español suspender a consulta cidadá que tiñan convocado a ANC e Òmnium Cultural após a suspensión da primeira consulta que ia organizar o goberno catalán. O videoforo de Lugo, no que foi proxectado o documentario Adeu, Espanya?, e que contou coa participación da ANC en Galiza, serviu para reunir unhas corenta persoas en apoio ao proceso.

O segundo acto tivo lugar ao día seguinte e co mesmo formato en Moaña, coa mesma proxección e a participación de Xavier Coma, da ANC-Galiza, que respondeu tamén preguntas dunha trintena de asistentes.

| Algunhas das persoas que asistiron ao acto de Moaña


Por último, este día 7 fomos tamén convidados como organización de solidariedade a un coloquio na Gentelha do Pichel de Compostela xunto con membros da ANC-Galiza, con preguntas sobre o proceso catalán e as súas ligazóns con outros procesos de independencia europeos e que tivo tamén un interesante desenvolvemento no coloquio coa reflexión colectiva sobre a necesidade de que Galiza sexa capaz de pór en marcha un proceso de independencia en termos semellantes aos de Catalunya.

| O momento do coloquio na Gentalha do Pichel, que precedeu á festa catalá

domingo, 12 de outubro de 2014

Roger Castellanos: "O proceso catalán non o lideran as elites, senón o povo. É unha aposta popular"

| Un momento da intervención do Roger Castellanos no Silveira Casa de Xantar

Onte, 11 de outubro, un mes despois da histórica demostración do V catalán en Barcelona e do V simbólico realizado en Compostela pola Plataforma Galiza con Catalunya, organizamos unha palestra en Compostela para que Roger Castellanos, do Moviment Defensa de la Terra (MDT) e das Candidatures d'Unitat Popular (CUP) explicase de onde parte a situación actual en Catalunya, a onde quer chegar o independentismo e o modo como o pensa facer.

Diante dunha vintena de asistentes, Roger Castellanos fixo un breve repaso do movimento de resistencia protonacional e nacional catalán ao dominio español e tamén sobre a transformación desa fase de resistencia nunha fase de avance, de maneira moi clara após o recorte do Estatut e a sistemática negación dos últimos gobernos españois a calquera avance no autogoberno e na soberanía catalá.

Ademais, ilustrou como a situación en Catalunya hoxe non depende xa das elites económicas nen dos seus correlatos políticos (principalmente CiU), senón que de maneira cada vez máis clara, ten sido o pobo, a través de organizacións civís como Òmnium Cultural ou como a Assemblea Nacional Catalana ás que os partidos se teñen acoplado e teñen apoiado despois, o que ten liderado o avance independentista unha vez verificado que o Estado español non está interesado en calquera tipo de acoplamento catalán, senón na súa asimilación e uniformización plena. Sen dúbida, unha importante lección tamén para Galiza.


xoves, 1 de maio de 2014

Duran Clemente: "o inimigo era o governo português, não os povos africanos"

Nesta semana, na tarde do día 29, decorreu en Pontevedra a palestra Un capitán galego en Abril conducida polo noso compañeiro Xosé Collazo e protagonizada polo coronel Manuel Duran Clemente, que en 25 de Abril de 1974 foi un dos capitáns máis destacados da Revolução dos Cravos.

Durán Clemente explicou os motivos que levaron os militares ao golpe de estado contra o Estado Novo como continuador da ditadura de Salazar e o porqué de o povo portugués ter acompañado aquel levante, converténdoo en revolucionario. Explicou tamén que a denominada «guerra de ultramar» polo decadente goberno de Portugal non era outra cousa que unha guerra pola liberación nacional na Angola, na Guiné Bissau, en Mozambique e noutros territorios ocupados. E, aínda, as razóns que levaron ao fin do Movimento das Forzas Armadas (MFA) e á clausura do Período Revolucionário Em Curso (PREC),coa consecuente reinstalación de forzas falsamente progresistas no país e a entrada de Portugal para o bloque ultraliberalista.

Na palestra aprendemos que as conquistas da Revolución que ficaron consagradas na Constitución continúan vixentes en grande medida, e iso malia a traizón sistemática dos últimos gobernos portugueses e tamén a pesar da vontade manifesta dos partidos actualmente no poder de terminar con eles.

O acto, finalizado polo Grândola, vila morena interpretado polo cantautor Xosé Constenla, á que seguiu unha cea de confraternidade para continuar coa celebración.

Para ouvirmos o capitán a falar destas cousas e de outras, a continuación, ofrecemos o vídeo da intervención de Manuel Duran Clemente, grazas ao traballo de GzVideos.



martes, 15 de abril de 2014

A cuestión nacional andaluza, con Antonio Torres

Esta pasada fin de semana, en Mar de Lumes organizamos unha palestra informativa sobre a cuestión nacional andaluza con Antonio Torres, membro da Dirección Nacional do SAT e Secretario Xeral de Andalucía Comunista.



Con el aprendemos que a conceptualización de Andalucía como nación colonizada polo Estado español non é un invento recente e que, ao contrario, os nosos povos — o andaluz e o galego — se teñen movido en moitas ocasións en sentidos moi similares. Soubemos tamén que figuras como Blas Infante e Castelao están máis próximas do que parece e que hoxe a sensación de pertenza nacional crece naquel país de forma esperanzadora, aínda que lentamente.

Como a intervención deu para moito, incluímos a continuación o vídeo da palestra celebrada na Adega Grândola de Compostela, este 12 de abril:



Desde Mar de Lumes non é a primeira vez que organizamos actividades sobre Andalucía. Anteriormente, tíñamos contado xa con Fran León, de Jaleo!!!, para unha charla-coloquio no C. S. Faísca de Vigo. Facémolo porque o proxecto uniformizador que España representa non só nos agrede ás nacións do norte — Galiza, Euskal Herria, Cataluña — senón a todas as que conforman a súa imposíbel «integridade territorial».

mércores, 19 de marzo de 2014

O 21 celebramos o Newroz en Compostela

Esta sexta, 21 de marzo, ás 19h30, Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista e a Liga Estudantil Galega organizan na adega Grândola de Compostela (r/ Cardeal Payá) unha xornada festiva e reivindicativa con motivo do Newroz, o ano novo curdo que se celebra por todo o planeta debido á diáspora desta nación sen Estado.

O acto solidario, que se fai extensivo a toda a comunidade curda de Compostela e comarca, consistirá en dúas breves charlas, impartidas por Suleiman Hassani, Óscar Valadares e Pepa Baamonde, seguidas de coloquio, no que se tratará a situación política e cultural dun pobo de máis de 50 millóns de persoas, que carece de Estado propio, cuxos membros son encarcerados por falaren a súa lingua propia e que, para máis dificultades, se encontra dividido entre a Turquía, a Siria, o Iraque e o Irán nunha das zonas máis ricas do oriente próximo, e portanto cobizada por todas as potencias occidentais.

Para rematar, Zêrya Alan, María N. Soutelo, Xosé Mª Vila Ribadomar e Rosa Enríquez intercambiarán Poemas por Curdistán, e os asistentes poderán desfrutar dalgún petisco e da música curda e mesmo adquirir o libro Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas de Séchu Sende ou a tradución para o galego da grande epopea curda: Mem e Zîn de Ehmedê Xanî.

Newroz pîroz be!




mércores, 11 de decembro de 2013

Curdistán: un pobo, varios conflitos

Hoxe, 11 de decembro, convidados pola Liga Estudantil Galega da Faculdade de Filoloxía, celebramos unha palestra-coloquio con Séchu Sende, autor de Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas, e com o noso compañeiro Óscar Valadares, e coa presenza de varias persoas de orixe curda entre as asistentes que permitiron un coloquio posterior interesante e dinámico. 

Na palestra foi exposta a realidade política dos últimos anos do Curdistán, dividido entre cinco Estados (Turquía, Iraque, Irán, Siria e Armenia) e con estratexias de supervivencia diferentes. Falamos dos tratados imperialistas de Sykes-Picot e Sèvres, das repúblicas curdas temporarias do Ararat e de Mahabad, de como foron arrasadas por Turquía e Irán. Falamos tamén da fundación do PKK, do papel activo da muller na loita do pobo curdo pola súa soberanía, do veto sirio á concesión do estatus de cidadanía para a comunidade do Curdistán Occidental, e doutras cuestións políticas, nun repaso do último século. 

Mais tamén falamos da realidade social actual, da publicación de libros, das 7.000 crianzas encarceradas na Turquía por chamaren pola sua mai en curdo, de como a bandeira turca tapa as xanelas dos infantarios ou da prohibición da palabra Curdistán, o país negado que hoxe funciona de facto como Estado no Iraque após a invasión dos Estados Unidos e que na Siria en guerra está acedendo cotas de autodeterminación nunca antes atinxidas. 

De Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista agradecemos a oportunidade dada pola Liga Estudantil Galega e a participación do Séchu Sende e das curdas que, entre o público, fixeron posíbel unha presentación reducida, mais intensa, da realidade do Curdistán, que en tantas cousas corre parella á nosa propia realidade nacional.

Máis información: