A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta andalucía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta andalucía. Amosar todas as publicacións

mércores, 6 de abril de 2016

Andrés Bódalo e a incómoda realidade andaluza

Andrés Bódalo, sindicalista do Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT), leva xa varios días en prisión. As acusacións que o levaron ao cárcere, como xa se tratou en varios artigos de opinión e noticias, non se sosteñen, desde as declaracións dos gardas civís presentes aquel día 27 de setembro de 2012 en Jódar nas que negan que houbese violencia física de calquera tipo, até un vídeo amplamente difundido no que se pode facilmente comprobar como Bódalo, lonxe de agredir a ninguén, o que fai é tranquilizar os ánimos das persoas que asisten á protesta. É fácil deducir que Andrés Bódalo estaba previamente condenado, pero non só iso, senón que indo un paso máis aló, podemos afirmar que houbo unha clara intención, previa ao xuízo, de encerrar a Bódalo.

Os motivos, segundo apuntan diversos artigos publicados ultimamente nos que se analiza o caso de Andrés Bódalo, van desde impor dunha vez por todas un escarmento ao SAT, até motivos que teñen que ver coa actividade política de Bódalo: concelleiro pola candidatura Xaén en Común, e o seu encabezado da candidatura de Podemos ao Congreso dos Deputados por Xaén nas pasadas eleccións do 20 de decembro. O Estado non pode consentir que o SAT veña a perturbar coas súas protestas e accións simbólicas de grande difusión mediática a orde imposta polo seu partido en Andalucía -o PSOE- e contribúa a concienciar sobre a situación de marxinación, dependencia e subdesenvolvemento de Andalucía, concretamente entre quen máis sofre esa realidade de miseria e opresión: a clase obreira. Doutra banda, dá a sensación de que Bódalo é nestes momentos un refén que pode ser utilizado polo Estado contra Podemos, incidindo nas súas xa notorias contradicións internas e no escenario político xerado tras as eleccións xerais do pasado 20 de decembro en xeral.

Estando estas cuestións, tanto sociais como políticas, sobre a mesa, e sendo estas de suma importancia, non podemos deixar de lado outras reflexións que subxacen, como o tratamento dado polos grandes medios de comunicación ao caso de Bódalo. Non se trata soamente dunha brutal campaña de criminalización, ligada a todos os casos de represión política e social do Estado, vai máis aló diso e ten que ver con que Andrés Bódalo e a súa loita sindical e política representan unha realidade incómoda para o Estado español. Unha incomodidade, que unida á criminalización da protesta, incita ao desprezo, a burla e ao morbo, descontextualizando e, sobre todo, despolitizando o caso concreto.

A verdade pouco importa e coñecela menos aínda para un nacionalismo de Estado que é incapaz de analizar e comprender o que pasa en Andalucía e por qué, e que é incapaz de comprender persoas como Andrés Bódalo ou organizacións sindicais como o SAT. E non, non se trata soamente dun nacionalismo español rancio e de dereitas, non, trátase tamén dese nacionalismo español que por máis que tenta ser progresista non sabe ou non pode ou non quere escapar dos clichés impostos historicamente pola grande oligarquía española. O nacionalismo español iguala a aspirantes a progresistas e a reaccionarios confesos na súa visión de Andalucía e do pobo traballador andaluz.

España, ou mellor dito, a grande oligarquía española culpa ao pobo traballador andaluz dos problemas históricos que ela mesma provocou en Andalucía. Ao Estado español incomódao a realidade andaluza — unha realidade que el mesmo provocou de paro, miseria e marxinación — pero cando o pobo traballador protesta e reivindica os seus dereitos e se pon en marcha para solucionar politicamente eses problemas, molesta e incomoda, igual que molesta tamén cando cala e aguanta estoicamente. Dicía nos seus versos Antonio Machado aquilo de «Castilla miserable, ayer dominadora, envuelta en sus andrajos desprecia cuanto ignora»; precisando que a primeira vítima do nacionalismo español foi e é Castela e o seu pobo, se substituímos Castela por España, ou pola oligarquía española cosmopaleta - si, dixen ben, cosmopaleta - a do Ibex 35, e se tamén substituímos o deprezo pola represión e o encarceramento, todo o asunto de Andrés Bódalo e o tratamento mediático do seu caso adquire máis sentido. España non só despreza senón que reprime e encarcera canto ignora.

O caso de Andrés Bódalo exemplifica todo o que estamos a falar, é un caso de manual. Os programas matinais de televisión compiten os uns cos outros en presentaren Andrés Bódalo e o SAT como unha cuadrilla de matóns sen escrúpulos, un froito non desexado e incorrixible desa Andalucía que eles mesmos crearon e recrearon. Mentres, a cadea televisiva supostamente progresista do nacionalismo español, La Sexta, mófase, búrlase e rise de Andrés Bódalo e do SAT, recorrendo ao chiste fácil, ao primeiro que ven e teñen a man, e fano non soamente porque non teñen argumentos ou sinxelamente non dan para máis, ou non só por ese repugnante clasismo meritocrático que fomenta o nacionalismo pequenoburgués español, senón porque é política de Estado, porque detrás do Gran Wyoming, de Dani Mateo e de todos os bufóns da Corte de Felipe VI hai uns guionistas que reciben ordes precisas de facer o que fan.

Todo isto hai que comprendelo dunha vez, porque non se trata de renunciar a facer declaracións ou a intervir diante de determinados medios ou programas televisivos, pero si de non se deixar utilizar por eles e de cortocircuitar de raíz todos os intentos de manipulación. Somos nós quen debemos utilizalos a eles, e non ao revés. A batalla é comunicativa, e estas cuestións deben ser tidas en conta: ou utilizamos os medios para difundir que se cometeu unha inxustiza grave por motivos sociais e políticos, ou pola contra estaremos a alimentar os argumentos, baseados en mentiras e en estereotipos, do inimigo. Non é fácil, pero ese é o problema a resolver.

Andrés Bódalo foi encarcerado e con el esa incomoda realidade andaluza, esa realidade que molesta tanto ao Estado español. Na realidade, nese cárcere de Xaén II entrou todo un pobo, e sempre por diante, a clase obreira, especialmente a xornaleira. A nosa liberdade, a de cada un e cada unha de nós está en xogo e está en cuestión cada minuto que Andrés Bódalo permaneza en prisión. Isto é unha batalla que forma parte dunha guerra global: a loita de clases, no marco dunha nación oprimida: Andalucía: isto é unha batalla pola nosa liberdade.

ANDRÉS BÓDALO, LIBERDADE!

Antonio Torres (Antón) é membro da Comisión Permanente Nacional do SAT


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

martes, 15 de abril de 2014

A cuestión nacional andaluza, con Antonio Torres

Esta pasada fin de semana, en Mar de Lumes organizamos unha palestra informativa sobre a cuestión nacional andaluza con Antonio Torres, membro da Dirección Nacional do SAT e Secretario Xeral de Andalucía Comunista.



Con el aprendemos que a conceptualización de Andalucía como nación colonizada polo Estado español non é un invento recente e que, ao contrario, os nosos povos — o andaluz e o galego — se teñen movido en moitas ocasións en sentidos moi similares. Soubemos tamén que figuras como Blas Infante e Castelao están máis próximas do que parece e que hoxe a sensación de pertenza nacional crece naquel país de forma esperanzadora, aínda que lentamente.

Como a intervención deu para moito, incluímos a continuación o vídeo da palestra celebrada na Adega Grândola de Compostela, este 12 de abril:



Desde Mar de Lumes non é a primeira vez que organizamos actividades sobre Andalucía. Anteriormente, tíñamos contado xa con Fran León, de Jaleo!!!, para unha charla-coloquio no C. S. Faísca de Vigo. Facémolo porque o proxecto uniformizador que España representa non só nos agrede ás nacións do norte — Galiza, Euskal Herria, Cataluña — senón a todas as que conforman a súa imposíbel «integridade territorial».

luns, 1 de xullo de 2013

Un achegamento á cuestión nacional andaluza

Un novo acto de Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista tivo lugar a pasada sexta-feira en Vigo, no Local Social Faísca. Desta volta o obxectivo foi achegármonos á loita de Andalucía pola liberación nacional e social, un pobo moi pouco coñecido na Galiza máis alá dos tópicos e cuxos sinais de identidade foron historicamente terxiversados, manipulados e mesmo apropiados polo proxecto imperial español.



O compañeiro Francisco J. R. León, membro do Comité Nacional do SAT e militante da esquerda soberanista andaluza (nas organizacións Jaleo!!! e Andalucía Comunista), debullou o proceso de conformación da nación andaluza ao longo dos séculos, a historia de loitas e resistencia do pobo andaluz en favor da súa identidade agredida e da súa soberanía negada, así como a atual situación de sometemento e dependencia derivados dunha transición que supuxo unha enorme fraude ás aspiracións do pobos a se autogobernaren.



Por último, achegou algunhas claves sobre a actual realidade social e política daquela nación e as loitas que se están a dar hoxe en día en favor dos dereitos nacionais e sociais, con especial protagonismo do sindicalismo combativo encarnado polo SAT e un incipente proceso de reorganización e fortalecemento da esquerda soberanista andaluza, tamén no plano político. Estas cuestión deron lugar a un interesante debate posterior cos asistentes, que se interesaron por diversas cuestións do presente e do pasado.

A seguir podes ver un vídeo da charla e do coloquio posterior: