A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta nacións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta nacións. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de febreiro de 2014

O Curdistán non esquece: Öcalan liberdade!

Milleiros de persoas manifestáronse a semana pasada en varias cidades, entre elas Amed, capital do Curdistán do Norte, Estambul e Estrasburgo para non deixaren esquecer o decimoquinto aniversario do encarceramento de Abdullah Öcalan, o líder do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) e principal preso político curdo nos cárceres da Turquía desde que lle fora conmutada a inicial pena de morte pola cadea perpetua en 1999.

O conflito turco-curdo, que desde hai dous anos decorre sen actividade da guerrilla do PKK, continúa hoxe particularmente estancado. As poucas medidas impulsionadas polo primeiro ministro turco, o islamita Recep Tayyip Erdogan, para tentar contentar o pobo curdo — como a recuperación da toponimia deturpada ou o permiso para ensinar curdo nas escolas privadas — foron cualificadas como absolutamente insuficientes polo movemento curdo e de oportunistas polo propio Öcalan, que reclamou, máis unha vez, a abertura dun proceso de negociación en profundidade.

A paralisación por parte da Turquía das negociacións co PKK contrasta coa abertura de novos tempos no Curdistán Occidental e no Curdistán Oriental, cuxos territorios fan parte, respectivamente, da Siria e do Iraque, e onde o pobo curdo está a avanzar de forma máis clara no camiño da soberanía.

+ info

luns, 1 de xullo de 2013

Un achegamento á cuestión nacional andaluza

Un novo acto de Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista tivo lugar a pasada sexta-feira en Vigo, no Local Social Faísca. Desta volta o obxectivo foi achegármonos á loita de Andalucía pola liberación nacional e social, un pobo moi pouco coñecido na Galiza máis alá dos tópicos e cuxos sinais de identidade foron historicamente terxiversados, manipulados e mesmo apropiados polo proxecto imperial español.



O compañeiro Francisco J. R. León, membro do Comité Nacional do SAT e militante da esquerda soberanista andaluza (nas organizacións Jaleo!!! e Andalucía Comunista), debullou o proceso de conformación da nación andaluza ao longo dos séculos, a historia de loitas e resistencia do pobo andaluz en favor da súa identidade agredida e da súa soberanía negada, así como a atual situación de sometemento e dependencia derivados dunha transición que supuxo unha enorme fraude ás aspiracións do pobos a se autogobernaren.



Por último, achegou algunhas claves sobre a actual realidade social e política daquela nación e as loitas que se están a dar hoxe en día en favor dos dereitos nacionais e sociais, con especial protagonismo do sindicalismo combativo encarnado polo SAT e un incipente proceso de reorganización e fortalecemento da esquerda soberanista andaluza, tamén no plano político. Estas cuestión deron lugar a un interesante debate posterior cos asistentes, que se interesaron por diversas cuestións do presente e do pasado.

A seguir podes ver un vídeo da charla e do coloquio posterior:


sábado, 4 de maio de 2013

Desde a Galiza: soberanía para os pobos do mundo

Vídeo-resumo do acto en solidariedade cos pobos en loita pola súa soberanía, celebrado en Pontevedra onte, 3 de maio de 2013.

Solidariedade con todos os pobos en loita pola súa soberanía

Onte, 3 de maio, MAR DE LUMES — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista celebrou o seu primeiro acto público na cidade de Pontevedra. Un acto simbólico que procuraba apenas apresentar a iniciativa solidaria da organización, e chamar a atención para o modo como os direitos colectivos de autodeterminación e de exercicio da soberanía nacional son violados non só no caso galego, como tamén no caso doutros pobos do mundo, aquí representados através das bandeiras despregadas por membros e simpatizantes da organización. Velaquí o manifesto lido, baixo o título Solidariedade con todos os pobos en loita pola súa soberanía:


Nacemos na longa noite dos 500 anos. Así o dicía Emiliano Zapata, mais é perfeitamente aplicábel a nós, na nosa loita por saírmos deste Estado pseudocolonial e por nos xuntarmos ao resto de Estados do mundo, os que xa hai e os que nos próximos anos deben ser proclamados, en xustiza.

Asístenos un dereito colectivo: o direito dos pobos á súa libre determinación, a decidiren —a decidirmos— como nos definir, como nos organizar internamente, como nos relacionar co resto da humanidade. Asístennos a razón e a lóxica. Outros teñen a forza, ás veces impondo leis alienantes e supremacismo cultural, outras veces polas armas, amiúdo combinando ambas fórmulas, mais sempre, sempre, criando e dando carta de natureza a unidades santificadas, mais imposíbeis, barbaramente deseñadas de cima para abaixo, para maior aproveitamento das oligarquías do capital e do seu requisito: o imperio.

Existe, como nós ben sabemos, unha ligazón íntima entre o imperio e o capitalismo. O primeiro é sempre beneficioso para o segundo. Tanto é, que nunca o capitalismo se privou de expandir o seu patio, o seu quintal, primeiro nos territorios veciños, despois polos mares, hoxe através dos mercados desregulados. Son fases diferentes, correspondense con sistemas diferentes, mais responden, sempre, ao mesmo obxectivo: a dominación acumulativa. Levámolo vendo toda a historia e o século XXI non será diferente se nós, os pobos do mundo, non forzarmos o recoñecemento do noso direito colectivo, se non exercermos a nosa soberanía.

Niso estamos. Nesa loita, exactamente. E connosco camiñan outras nacións. Mesmo que non todas estexan á procura dun Estado proprio. Existen diferentes estratexias e diferentes arelas: desde autonomías prácticas no caso de Estados altamente centralizados, até á independencia nacional, no caso de moitos outros e de nós mesmos.

Hoxe, neste acto simbólico, recoñecemos este obxectivo común. Recoñecemos a compaña doutras nacións, de Irlanda, Euskal Herria, de Cataluña, de Escocia, de Córsega, do Saara, de Palestina, do Curdistán, do pobo mapuche, do Quebec, e de tantos outros. Canda eles, aquí estamos.

Viva a solidariedade entre os pobos!
Viva a Galiza ceive!