A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta soberanía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta soberanía. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de febreiro de 2018

República Catalá en construción.
— Conversas con Albert Botran


A situación no proceso político catalán encóntrase nun claro impasse no que todas as opcións están abertas. Despois da proclamación da República en resposta ao referendo de 1 de Outubro, e despois da aplicación do artigo 155 da constitución española por parte do Estado, que se cursou coa suspensión do goberno catalán e coa persecución e, en varios casos, encarceramento de cargos políticos eleitos, estamos diante dun momento en que resulta particularmente importante acceder a información máis alá da axenda manipulada dalgúns medios. 

Para isto, desde Mar de Lumes convidamos Albert Botran, historiador e deputado da CUP no Parlament de Catalunya na lexislatura anterior, a visitar o noso país entre o 28 de febreiro e o 2 de marzo para para participar en diversos actos onde poderá achegar de primeira man cal é a situación actual e as perspectivas do proceso político catalán.

Nestas xornadas pretendemos achegar a realidade catalá desde a perspectiva de quen foi un dos protagonistas diretos dos momentos mais intensos da historia moderna de Catalunya e que máis teñen condicionado a dinámica estatal, tensando as costuras do réxime político inaugurado coa constitución de 1978. Trátase, tamén, de analisar as perspectivas de futuro para efectivizar esa República e tamén as consecuencias para o resto de pobos no estado español ante a posibilidade dunha mudanza desa importancia.

Eis os actos previstos:

  • Día 28, ás 20h00, Compostela: palestra a cargo de Albert Botran na Facultade de Ciencias Políticas da USC, Salón de Actos. 
  • Día 1, ás 12h00, A Coruña: encontro de Albert Botran co estudantado na Universidade da Coruña, Facultade de Socioloxía, Salón de Graos. 
  • Día 1, ás 20h00, Ourense: palestra a cargo de Albert Botran en Ourense, no centro social A Galleira (Pza. San Cosmede, s/n). 
  • Día 2, ás 10h30, Compostela: encontro con medios de comunicación e roda de prensa a cargo de Albert Botran, Oscar Valadares e Olaia Chaves (portavoces de Mar de Lumes) na Sala Circular do Auditorio de Galiza.


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

sábado, 13 de decembro de 2014

Euskal Herria e Catalunya: vías para a independencia

O día 11 de decembro Mar de Lumes-Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, organizou dous actos paralelos coa soberanía como ponto en común, nos que se falou da imposibilidade de reformar do Estado español e da necesidade de os pobos se autogobernaren e decidiren por si propios, sen limites impostos desde o exterior ou en función de intereses alleos.

Na Facultade de Historia de Compostela, Xabier Mikel Errekondo (membro de Sortu e Portavoz de Amaiur no Congreso dos Deputados) explicou diante de case cen persoas o proceso social polo que está a apostar a esquerda patriótica basca e a maioría social naquel país, debullando as dificultades de ter un país dividido en dous estados e con níveis de poder institucional tan díspares, así como a política de inmobilismo dos Estados español e francés ao respeito do proceso de paz en Euskal Herria. Explicou así a aposta da esquerda abertzale por continuar avanzando na folla de rota de Aiete, mesmo que sexa de forma unilateral, e como isto está a posibilitar que, após anos de ilegalizacións e de estado de excepción política, a aposta confluente das organizacións independentistas bascas estexa a dar grandes resultados no plano social e eleitoral.

Ao mesmo tempo, na Fundación Alexandre Bóveda da Coruña, Roger Castellanos (membro de Poble Lliure e concelleiro da CUP de Tagamanent) falaba sobre o imparábel proceso de independencia de Catalunya, sobre a política de negación sistemática por parte do Estado español e sobre algunhas das súas estratexias, como o intento de socializar a idea de que a independencia é un interese das elites burguesas de CiU e ERC, en lugar dun fenómeno popular en grande medida irreversíbel. Ademais, partillou a análise feita pola esquerda independentista catalá a respeito das estruturas imperialistas como a UE, tamén identificada como tal polo soberanismo galego e por Mar de Lumes.

Ambas as intervencións enmárcanse no traballo de apoio e difusión aos procesos de emancipación nacional que Mar de Lumes vén realizando desde a súa fundación como un dos seus eixos programáticos centrais, co obxectivo de recoller experiencias — como a basca ou a catalá — que poidan ser aplicadas a Galiza.

domingo, 6 de xullo de 2014

203 anos de independencia venezuelana: avante!

Onte, 5 de xullo, cumpríronse 203 anos da independencia da Venezuela. A data, que en calquera outra antiga colonia sería unha efeméride para probar a posibilidade de subverter a orde dos Estados e até a súa forma territorial, nada menos, ten no caso venezuelano unha importancia adicional. Porque a Venezuela, nos últimos quince anos desa independencia conquistada por Simón Bolívar, ten loitado máis do que nunca por exercela: por transformar unha soberanía formal (que na práctica era máis un sometemento económico e político ao imperio) nunha soberanía real, plena, só posíbel desde un sistema antiimperialista, anticapitalista, e coa vontade firme de arrincar os recursos e as forzas produtivas das mans dos poderosos e entregalas ao pobo.

Celebrar o aniversario da independencia, na Venezuela, significa hoxe exactamente celebrar a Revolución Bolivariana, que non por acaso recolle o nome do Libertador e o converte no pulso de novas fronteiras de liberación social. Aquela mudanza fundamental, soberanista, bolivariana no sentido máis amplo do termo, que afastaba a burguesía venezuelana e os seus parceiros imperialistas do poder político e situaba o pobo como protagonista, ten ademais a característica de non ter perdido forza co paso dos anos, senón todo o contrario. A autocrítica como arma fundamental da revolución multiplicou os efectos e permitiu un aprofundamento de base aos principios do socialismo, ao punto de cuñar o concepto de socialismo do século XXI e tornar Venezuela o principal referente da nova fase política na América Latina e no resto do mundo.

Hoxe, após o falecemento do presidente Hugo Chávez, a Revolución Bolivariana e a mesma independencia de Venezuela reconquistada nos últimos tempos atópase nunha fase de grande perigo, atacada como nunca antes desde o exterior polo imperio dos Estados Unidos e polas súas sucursais, empregando ademais as fórmulas máis retorcidas e covardes. O financiamento de guarimbeiros e o desabastecemento programado son dúas caras da mesma moeda: a que o capital transnacional emprega nos xogos de casino en que sempre gañan as mesmas oligarquías e onde sempre son os pobos os que perden.

Por iso, desde a Galiza que tamén combate ese imperialismo, desde a Galiza colonizada que loita pola súa propia soberanía e pola superación do sistema de dominación capitalista, como Venezuela, Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista quer somarse á denuncia das agresión constantes e á exixencia do cese inmediato das inxerencias imperialistas.

Viva a Revolución Bolivariana!
Viva o pobo da Venezuela!

+ Descarga o Golpe de Leme de Chávez editado por Mar de Lumes e Contrapoder.info

martes, 25 de febreiro de 2014

O Curdistán non esquece: Öcalan liberdade!

Milleiros de persoas manifestáronse a semana pasada en varias cidades, entre elas Amed, capital do Curdistán do Norte, Estambul e Estrasburgo para non deixaren esquecer o decimoquinto aniversario do encarceramento de Abdullah Öcalan, o líder do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) e principal preso político curdo nos cárceres da Turquía desde que lle fora conmutada a inicial pena de morte pola cadea perpetua en 1999.

O conflito turco-curdo, que desde hai dous anos decorre sen actividade da guerrilla do PKK, continúa hoxe particularmente estancado. As poucas medidas impulsionadas polo primeiro ministro turco, o islamita Recep Tayyip Erdogan, para tentar contentar o pobo curdo — como a recuperación da toponimia deturpada ou o permiso para ensinar curdo nas escolas privadas — foron cualificadas como absolutamente insuficientes polo movemento curdo e de oportunistas polo propio Öcalan, que reclamou, máis unha vez, a abertura dun proceso de negociación en profundidade.

A paralisación por parte da Turquía das negociacións co PKK contrasta coa abertura de novos tempos no Curdistán Occidental e no Curdistán Oriental, cuxos territorios fan parte, respectivamente, da Siria e do Iraque, e onde o pobo curdo está a avanzar de forma máis clara no camiño da soberanía.

+ info

luns, 28 de outubro de 2013

Suceso das xornadas de amizade Galiza-Cataluña

A semana pasada, en colaboración coas asociacións culturais A Revira e Cultura do País, celebramos en Pontevedra e Lugo tres xornadas de amizade e solidariedade co pobo catalán.

As actividades comezaron polo serán en Lugo co pase do documentario Del roig al blau (Do vermello para o azul) que mostra os anos da chamada Transición no Païs Valencià, o fenómeno do blaverismo e o seu uso por parte do centrismo español para fomentar o anti-catalanismo que continúa padecendo hoxe unha parte importante desa faixa sul dos Països Catalans.



Despois do documentario e dun interesante debate posterior, asistimos ao concerto de Cesk Freixas, que tiña tamén participado no debate, achegando a súa posición de proximidade ao conflito.

Simultaneamente, o mesmo día 25 en Pontevedra tiña lugar un seminario sobre historia de Cataluña a cargo do profesor José E. Vicente, membro de Mar de Lumes, que serviu para pór de manifesto a falacia da historiografía española.

E xa o día 26, puido verse o novo pase do documentario Del roig al blau, degustar produtos cataláns e asistir ao concerto de Cesk Freixas.

Desde a Galiza, o auxe do sentimento soberanista e o proceso en que o pobo catalán está inmerso son seguidos con profundo interese. Frente á intoxicación constante e á catalanofobia sementada polos gobernos unionistas de Madrid e polo goberno galego controlado polo Partido Popular, desde Mar de Lumes  queremos insistir na solidariedade e acompañar a situación doutro ponto de vista: o das persoas que o están a protagonizar, cada día.

mércores, 11 de setembro de 2013

11 de setembro. O pobo catalán cara á independencia.

Mar de Lumes, como organización que apoia e difunde os procesos de liberación nacional dos pobos sen Estado en función do dereito dos pobos á autodeterminación e ao exercicio da súa soberanía, quere expresar, neste 11 de setembro de 2013, o seu mais firme convencimento de que, en próximas datas, o pobo catalán atinxirá aquilo que nós, galegas e galegos, tamén queremos para o noso país: a plena capacidade de decidir sobre todos asuntos que lle afecten e a plena responsabilidade polas decisións tomadas, sen máis limite que a convivencia pacífica entre os pobos e sen que un Estado alleo decida por si o que só compete a cada unha das nosas nacións.

Os Países Cataláns, do mesmo modo que a Galiza, teñen loitado durante séculos para reverter unha situación herdada do devir histórico completamente indesexada e inxusta: o seu sometemento aos intereses centralistas da coroa de Castela, mais tarde asimilada ao goberno centralista español, e aos intereses da monarquía e despois República xacobina francesa. Unha dependencia plenamente funcional aos intereses do capitalismo español e francés que con todos os seus medios se esforza por impedir os procesos de emancipación nacional.

A última época, a diferenza do que acontece na Galiza, ten dado para o pobo catalán fantásticos froitos que agora madurecen á espera do mellor momento para a súa colleita, e que han producir o esperado momento da proclamación dunha República Catalana, feito que sen dúbida catalizará o proceso de liberación nacional nos demais territorios que conforman a nación.

Á espera de que ese momento chegue e conscientes do grande paso adiante que para ese fin suporá a Diada de hoxe, vai a nosa solidariedade, desde a certeza de que a independencia non é un ponto de chegada senón a partida cara a un horizonte de plena xustiza social e a ruptura con todas as formas de dominación, internas e externas, que someten as clases populares. Así o entenden os sectores mais consecuentes do soberanismo catalán e así o entendemos tamén nós, desde a outra beira da península, desde un pobo con problemas, nalgúns pontos, idénticos e cuxa solución pasa polo mesmo obxectivo: a independencia.

sábado, 4 de maio de 2013

Desde a Galiza: soberanía para os pobos do mundo

Vídeo-resumo do acto en solidariedade cos pobos en loita pola súa soberanía, celebrado en Pontevedra onte, 3 de maio de 2013.

Solidariedade con todos os pobos en loita pola súa soberanía

Onte, 3 de maio, MAR DE LUMES — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista celebrou o seu primeiro acto público na cidade de Pontevedra. Un acto simbólico que procuraba apenas apresentar a iniciativa solidaria da organización, e chamar a atención para o modo como os direitos colectivos de autodeterminación e de exercicio da soberanía nacional son violados non só no caso galego, como tamén no caso doutros pobos do mundo, aquí representados através das bandeiras despregadas por membros e simpatizantes da organización. Velaquí o manifesto lido, baixo o título Solidariedade con todos os pobos en loita pola súa soberanía:


Nacemos na longa noite dos 500 anos. Así o dicía Emiliano Zapata, mais é perfeitamente aplicábel a nós, na nosa loita por saírmos deste Estado pseudocolonial e por nos xuntarmos ao resto de Estados do mundo, os que xa hai e os que nos próximos anos deben ser proclamados, en xustiza.

Asístenos un dereito colectivo: o direito dos pobos á súa libre determinación, a decidiren —a decidirmos— como nos definir, como nos organizar internamente, como nos relacionar co resto da humanidade. Asístennos a razón e a lóxica. Outros teñen a forza, ás veces impondo leis alienantes e supremacismo cultural, outras veces polas armas, amiúdo combinando ambas fórmulas, mais sempre, sempre, criando e dando carta de natureza a unidades santificadas, mais imposíbeis, barbaramente deseñadas de cima para abaixo, para maior aproveitamento das oligarquías do capital e do seu requisito: o imperio.

Existe, como nós ben sabemos, unha ligazón íntima entre o imperio e o capitalismo. O primeiro é sempre beneficioso para o segundo. Tanto é, que nunca o capitalismo se privou de expandir o seu patio, o seu quintal, primeiro nos territorios veciños, despois polos mares, hoxe através dos mercados desregulados. Son fases diferentes, correspondense con sistemas diferentes, mais responden, sempre, ao mesmo obxectivo: a dominación acumulativa. Levámolo vendo toda a historia e o século XXI non será diferente se nós, os pobos do mundo, non forzarmos o recoñecemento do noso direito colectivo, se non exercermos a nosa soberanía.

Niso estamos. Nesa loita, exactamente. E connosco camiñan outras nacións. Mesmo que non todas estexan á procura dun Estado proprio. Existen diferentes estratexias e diferentes arelas: desde autonomías prácticas no caso de Estados altamente centralizados, até á independencia nacional, no caso de moitos outros e de nós mesmos.

Hoxe, neste acto simbólico, recoñecemos este obxectivo común. Recoñecemos a compaña doutras nacións, de Irlanda, Euskal Herria, de Cataluña, de Escocia, de Córsega, do Saara, de Palestina, do Curdistán, do pobo mapuche, do Quebec, e de tantos outros. Canda eles, aquí estamos.

Viva a solidariedade entre os pobos!
Viva a Galiza ceive!