A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta referendum. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta referendum. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de decembro de 2014

Euskal Herria e Catalunya: vías para a independencia

O día 11 de decembro Mar de Lumes-Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, organizou dous actos paralelos coa soberanía como ponto en común, nos que se falou da imposibilidade de reformar do Estado español e da necesidade de os pobos se autogobernaren e decidiren por si propios, sen limites impostos desde o exterior ou en función de intereses alleos.

Na Facultade de Historia de Compostela, Xabier Mikel Errekondo (membro de Sortu e Portavoz de Amaiur no Congreso dos Deputados) explicou diante de case cen persoas o proceso social polo que está a apostar a esquerda patriótica basca e a maioría social naquel país, debullando as dificultades de ter un país dividido en dous estados e con níveis de poder institucional tan díspares, así como a política de inmobilismo dos Estados español e francés ao respeito do proceso de paz en Euskal Herria. Explicou así a aposta da esquerda abertzale por continuar avanzando na folla de rota de Aiete, mesmo que sexa de forma unilateral, e como isto está a posibilitar que, após anos de ilegalizacións e de estado de excepción política, a aposta confluente das organizacións independentistas bascas estexa a dar grandes resultados no plano social e eleitoral.

Ao mesmo tempo, na Fundación Alexandre Bóveda da Coruña, Roger Castellanos (membro de Poble Lliure e concelleiro da CUP de Tagamanent) falaba sobre o imparábel proceso de independencia de Catalunya, sobre a política de negación sistemática por parte do Estado español e sobre algunhas das súas estratexias, como o intento de socializar a idea de que a independencia é un interese das elites burguesas de CiU e ERC, en lugar dun fenómeno popular en grande medida irreversíbel. Ademais, partillou a análise feita pola esquerda independentista catalá a respeito das estruturas imperialistas como a UE, tamén identificada como tal polo soberanismo galego e por Mar de Lumes.

Ambas as intervencións enmárcanse no traballo de apoio e difusión aos procesos de emancipación nacional que Mar de Lumes vén realizando desde a súa fundación como un dos seus eixos programáticos centrais, co obxectivo de recoller experiencias — como a basca ou a catalá — que poidan ser aplicadas a Galiza.

sábado, 8 de novembro de 2014

Galiza con Catalunya, pola independencia!

A só unhas horas de que o povo catalán sexa chamado a se expresar democraticamente contra a negativa do Estado español de recoñecer os dereitos colectivos, desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista organizamos ou participamos en varias das iniciativas que se levaron a cabo en Galiza en apoio á xornada histórica do vindeiro 9 de novembro.

| Un momento do coloquio en Lugo

Esta "semana catalá" comezou o día 4, poucas horas despois de o Tribunal Constitucional español suspender a consulta cidadá que tiñan convocado a ANC e Òmnium Cultural após a suspensión da primeira consulta que ia organizar o goberno catalán. O videoforo de Lugo, no que foi proxectado o documentario Adeu, Espanya?, e que contou coa participación da ANC en Galiza, serviu para reunir unhas corenta persoas en apoio ao proceso.

O segundo acto tivo lugar ao día seguinte e co mesmo formato en Moaña, coa mesma proxección e a participación de Xavier Coma, da ANC-Galiza, que respondeu tamén preguntas dunha trintena de asistentes.

| Algunhas das persoas que asistiron ao acto de Moaña


Por último, este día 7 fomos tamén convidados como organización de solidariedade a un coloquio na Gentelha do Pichel de Compostela xunto con membros da ANC-Galiza, con preguntas sobre o proceso catalán e as súas ligazóns con outros procesos de independencia europeos e que tivo tamén un interesante desenvolvemento no coloquio coa reflexión colectiva sobre a necesidade de que Galiza sexa capaz de pór en marcha un proceso de independencia en termos semellantes aos de Catalunya.

| O momento do coloquio na Gentalha do Pichel, que precedeu á festa catalá

xoves, 11 de setembro de 2014

Galiza con Catalunya, pola independencia

Como cada 11 de setembro, en diversas partes do mundo celébrase a Diada de Catalunya, o dia nacional catalán, en lembranza da queda de Barcelona e a abolición da Generalitat após meses de asedio durante a guerra que en 1714 enfrentaba as dinastías dos Borbóns e dos Austrias polo control da coroa española. A vitoria dos Borbóns deu paso a unha vaga uniformizadora e recentralizadora que está no cerne da cuestión catalá e do actual procés, negado sistematicamente polo actual Estado español, cuxa descentralización administrativa após a ditadura franquista non oculta nen por acaso un centralismo político que produce dependencia e nega os dereitos colectivos dos pobos, entre eles o de autodeterminación. Contra isto, hoxe en Catalunya centos de milleiros de persoas saíron á rúa a conformar un V xigante (V de votar e de vitoria) contra a negación da vontade colectiva, nun auténtico record histórico de mobilización.

Para acompañar esta imparábel demostración popular, para conmemorar a Diada de 2014 e tamén para expresar o apoio de centos de galegas e galegos á consulta democrática prevista para o 9 de novembro — e que España se nega a aceptar —, desde a Plataforma Galiza con Catalunya, da que Mar de Lumes fai parte xunto con outras organizacións sociais galegas, organizamos unha acción de solidariedade cun V simbólico formado por perto de 500 persoas e coa leitura do manifesto Galiza con Catalunya. Pola democracia e o dereito a decidir, que continúa a colleitar apoios individuais e colectivos a través da internet.

A constitución da Plataforma Galiza con Catalunya representa unha oportunidade para mostrar a implicación do pobo galego co proceso de soberanía catalán — e tamén escocés —, polo que isto podería supor para outros pobos que hoxe fan parte do Estado español.

Desde Mar de Lumes, como organización que non só defende o dereito á autodeterminación, como tamén a transformación radical da sociedade por medio do derrubamento do capitalismo, consideramos que en Catalunya, como en Galiza e noutros países sen Estado, calquera mudanza social de raíz pasa necesariamente por romper o marco de dependencia que impide tomar decisións soberanas en función dos intereses do pobo. Porque non se pode defender o dereito a un Estado propio no caso de Palestina, Curdistán ou o Saara e non para Catalunya, Euskal Herria e Galiza.

» Vídeo de GzVideos.

sábado, 26 de xullo de 2014

Galiza con Escocia: un si á independencia dos pobos!

O 25 de xullo, a data en que a Galiza celebra o seu Día da Patria, un grupo de militantes de Mar de Lumes en colaboración coa delegación da Solidarity with Scotland International Campaign deslocada á Galiza e contando tamén coa presenza de Tasmina Sheikh, deputada do SNP (Partido Nacionalista Escocés), organizamos unha grande fotografía colectiva de apoio ao "si" no referendo escocés de independencia que se celebrará o 18 de setembro.




Quen quer a independencia do seu pobo non pode querer outra cousa para os outros. E en Mar de Lumes somos firmes defensores do dereito de cada pobo á súa autodeterminación e, evidentemente, á súa plena independencia de poderes e intereses alleos. Saor Alba Gu Brath!