A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta Diada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diada. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de setembro de 2014

Galiza con Catalunya, pola independencia

Como cada 11 de setembro, en diversas partes do mundo celébrase a Diada de Catalunya, o dia nacional catalán, en lembranza da queda de Barcelona e a abolición da Generalitat após meses de asedio durante a guerra que en 1714 enfrentaba as dinastías dos Borbóns e dos Austrias polo control da coroa española. A vitoria dos Borbóns deu paso a unha vaga uniformizadora e recentralizadora que está no cerne da cuestión catalá e do actual procés, negado sistematicamente polo actual Estado español, cuxa descentralización administrativa após a ditadura franquista non oculta nen por acaso un centralismo político que produce dependencia e nega os dereitos colectivos dos pobos, entre eles o de autodeterminación. Contra isto, hoxe en Catalunya centos de milleiros de persoas saíron á rúa a conformar un V xigante (V de votar e de vitoria) contra a negación da vontade colectiva, nun auténtico record histórico de mobilización.

Para acompañar esta imparábel demostración popular, para conmemorar a Diada de 2014 e tamén para expresar o apoio de centos de galegas e galegos á consulta democrática prevista para o 9 de novembro — e que España se nega a aceptar —, desde a Plataforma Galiza con Catalunya, da que Mar de Lumes fai parte xunto con outras organizacións sociais galegas, organizamos unha acción de solidariedade cun V simbólico formado por perto de 500 persoas e coa leitura do manifesto Galiza con Catalunya. Pola democracia e o dereito a decidir, que continúa a colleitar apoios individuais e colectivos a través da internet.

A constitución da Plataforma Galiza con Catalunya representa unha oportunidade para mostrar a implicación do pobo galego co proceso de soberanía catalán — e tamén escocés —, polo que isto podería supor para outros pobos que hoxe fan parte do Estado español.

Desde Mar de Lumes, como organización que non só defende o dereito á autodeterminación, como tamén a transformación radical da sociedade por medio do derrubamento do capitalismo, consideramos que en Catalunya, como en Galiza e noutros países sen Estado, calquera mudanza social de raíz pasa necesariamente por romper o marco de dependencia que impide tomar decisións soberanas en función dos intereses do pobo. Porque non se pode defender o dereito a un Estado propio no caso de Palestina, Curdistán ou o Saara e non para Catalunya, Euskal Herria e Galiza.

» Vídeo de GzVideos.