A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta escocia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta escocia. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de marzo de 2015

Aprendendo de Cataluña e Escocia


O sábado 7 celebramos, xunto co grupo de Galiza pola Soberanía do Morrazo unha intensa xornada de camaradaría e aprendizaxe coas experiencias catalá e escocesa, da man de Pilar Fernández (da Solidarity with Scotland International Campaign) e Susana Montesinos (da Assemblea Nacional Catalana).

Na primeira parte, á que seguiría unha festa de convivio internacionalista, coñecemos algúns pormenores sobre a situación actual de Escocia após a vitoria do Non no referendo de independencia e sobre o modo como a campaña Better Together conseguiu imporse a base de promesas dunha descentralización aínda maior que finalmente se verificaron falsas.

Moi interesante tamén foi a intervención de Susana Montesinos, que achegou datos sobre a situación en Cataluña após as impresionantes manifestacións de vontade popular de novembro pasado, cando desde todas as partes do planeta, tamén a desde Galiza, se apoiou a aposta do povo catalán pola independencia e por realizar un referendo vencellante. 

As experiencias de Escocia e de Cataluña son, sen dúbida, dunha importancia incontestábel para todo o diverso movemento de liberación nacional galego, mais tamén para toda persoa que acredite nos principios esenciais da democracia. Son, portanto, fórmulas que inspiran o traballo á procura dunha estratexia axeitada e adaptada á Galiza, do mesmo modo que en Cataluña ou Escocia cada un tiña peculiaridades proprias. 

sábado, 23 de agosto de 2014

De Galiza para Escocia: un si ao referendo pola independencia do 18 setembro!

O 22 de agosto, conxuntamente coa Solidarity with Scotland International Campaign, desde Mar de Lumes organizamos unha nova acción simbólica e colectiva de apoio ao proceso escocés de independencia, que se concretará o vindeiro 18 de setembro cun referendo vinculante pactado entre os representantes da opción indepedentista e os unionistas británicos. Desta vez foi en Pontevedra, onde realizamos unha fotografía colectiva e outras varias que se somarán ao fluxo interminábel de apoios internacionais que Escocia está a receber nestes últimos meses.

Pilar Fernández, coordenadora da campaña internacional, realizou unha pequena intervención explicando a necesidade de que os povos poidan decidir o que queren facer de sí mesmos, dunha óptica autocentrada, cos intereses populares como principio elementar, e portanto lonxe do control alleo. Tamén interveu James Douglas Naismith, representante dos escoceses e as escocesas na diáspora — que non teñen permitido votar no referendo — que agradeceu os apoios chegados de todas as partes do planeta, entre eles os galegos, expresando o desexo de que no futuro Galiza viva un proceso semellante.


sábado, 26 de xullo de 2014

Galiza con Escocia: un si á independencia dos pobos!

O 25 de xullo, a data en que a Galiza celebra o seu Día da Patria, un grupo de militantes de Mar de Lumes en colaboración coa delegación da Solidarity with Scotland International Campaign deslocada á Galiza e contando tamén coa presenza de Tasmina Sheikh, deputada do SNP (Partido Nacionalista Escocés), organizamos unha grande fotografía colectiva de apoio ao "si" no referendo escocés de independencia que se celebrará o 18 de setembro.




Quen quer a independencia do seu pobo non pode querer outra cousa para os outros. E en Mar de Lumes somos firmes defensores do dereito de cada pobo á súa autodeterminación e, evidentemente, á súa plena independencia de poderes e intereses alleos. Saor Alba Gu Brath!