A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta revolución. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta revolución. Amosar todas as publicacións

sábado, 29 de novembro de 2014

Homenaxe xusta a Pedro Trigo, heroe galego-cubano


Onte, 28 de novembro, a Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil e Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista realizamos unha xornada de homenaxe nacional ao heroe galego-cubano do asalto ao cuartel Moncada onde se inicia, como ponto de partida emblemático, a Revolución Cubana.

Un momento da recepción no concello de Pontevedra |
A xornada comezou coa recepción na alcaldía de Pontevedra de Pedro Trigo, xunto co Cónsul Xeral da República de Cuba, José Antonio Solana, e parte da equipa consular, nunha reunión que serviu para comentar a historia concreta de varios participantes galegos no episodio do Moncada, así como noutras fases da Revolución, como os irmáns Ameixeiras, Frank País ou Xulio Trigo, irmán do propio Pedro Trigo, que morreu na acción.

Perto dun cento de persoas acudiron á palestra-coloquio con Pedro Trigo na Faculdade de Belas Artes |
Pola tarde, a homenaxe continuou cos actos públicos na facultade de Belas Artes de Pontevedra, cunha participación dunhas 100 persoas, a partir da actuación dos músicos Carme Penin e Mauricio Polsinelli, da proxección do documental Fuimos el inicio – Recuerdos del asalto al Moncada, e inmediatamente coa introdución do Cónsul Xeral e coa palestra e posterior coloquio arredor das experiencias de Pedro Trigo, que explicou a situación previa á Revolución — coa ditadura de Fulgencio Batista dirixida polos Estados Unidos —, a necesidade urxente de concretar unha acción revolucionaria e o modo como aquilo finalmente se verificou no asalto ao Moncada — falido militarmente, pero de grande importancia política, como se comprovou posteriormente. "No Moncada comezou de novo a loita pola independencia e soberanía de Cuba", afirmou Pedro Trigo.

A xornada terminou á noite cunha cea de confraternización con case 50 persoas, e coa entrega dun presente en nome das organizacións convocantes.

A entrega do presente das organizacións convocantes a Pedro Trigo |

Unha homenaxe para moitos e moitas máis

Homenaxear Pedro Trigo é a forma que desde Mar de Lumes, en colaboración coa AAGC Francisco Villamil, temos de homenaxear, en sentido máis amplo e abranxente, o resto de combatentes do Moncada — galegos e non galegos. Facelo pon de relevo a importancia histórica da nosa emigración, tal como destacou o Cónsul Xeral na súa intervención, e afasta de nós a idea de sermos un povo apoucado que viaxaba polo mundo á procura de fortuna, tal como tanto nos ten repetido a historiografía e o discurso político español nas escasas ocasións en que se refere á historia de Galiza.

Exemplos como os de Pedro e Xulio Trigo, e non só, afirman a idea de que os galegos e as galegas non marchaban, senón que eran expulsados do seu país por un sistema colonial que lles impedía viveren nas súas casas, e que unha vez fóra, se imbricaron fortemente nos povos que os receberon, participando intensamente nas súas sociedades de acollida, ao ponto de teren papeis destacados en episodios históricos como o do asalto ao Moncada. Pedro Trigo, fillo da emigración galega forzada, é unha evidencia viva desta conclusión.

luns, 24 de novembro de 2014

Homenaxe nacional a Pedro Trigo, 28 Nov.


Pedro Trigo, un dos heroes destacados na Revolución Cubana, é un fillo da emigración galega á América. El e o seu irmán, o tamén revolucionario Xulio Trigo — que morreu durante o combate do asalto ao cuartel Moncada — abandonaron Galiza xunto coa súa nai en 1936, cando o levante fascista no Estado español comezou a producir as primeiras vítimas da represión en Galiza. Desde Cuba, a súa familia levou a cabo unha intensa actividade de apoio á República até o fin da guerra en 1939 e, a partir de 1944, con apenas dezaseis anos, Pedro Trigo participará tamén en varias loitas sindicais dentro da propia Cuba, vencelladas ao sector téxtil.

Ligado aos traballos de criazón dun partido revolucionario en Cuba, en 1951 entra en contacto con Fidel Castro e comeza a traballar na preparación organizativa dun movemento armado insurreccional co obxectivo de terminar coa ditadura de Fulgencio Batista a través da cal o imperialismo norteamericano operaba en Cuba. O 26 de xullo de 1953, tanto el como o seu irmán Xulio farán parte das columnas de 150 insurxentes que tratan de tomar sen éxito o cuartel Moncada. O asalto non tivo o éxito esperado, porque o cuartel non chegou a ser tomado polas forzas revolucionarias e durante o combate foron mortos, ou detidos e despois executados máis de cincuenta militantes, entre eles Xulio Trigo, con apenas 28 anos. Mesmo así, con Fidel e outros revolucionarios detidos, o asalto ao Moncada tornouse fundamental para a historia de Cuba, porque é naquel episodio que se orixina a loita guerrilleira que protagonizará a historia do país nos seguintes meses.

Pedro Trigo terá nesa conformación un papel destacado. Dirixente dunha das células do Movemento 26 de Xullo, a policía de Batista chega a detelo en varias ocasións, polo que pasa á clandestinidade e acaba exiliándose uns meses en Galiza, de onde regresa en 1958. O 31 de decembro daquel ano, coa ditadura derrotada militar e politicamente, Fulgencio Batista abandona Cuba polo avanzo da guerrilla, que entra na Habana o 1 de xaneiro de 1959 liderada por Fidel Castro.

Desde o triunfo da Revolución, Pedro Trigo participará en varios cargos de responsabilidade do goberno revolucionario. Foi xefe nacional de compras de Cubana de Aviación, Director de relacións internacionais do Instituto de Aeronáutica Civil de Cuba, Vicedirector de relacións internacionais do Ministerio da Minaría, e posteriormente, membro do corpo diplomático. Segundo secretario da embaixada cubana en Praga, primeiro secretario da embaixada no Estado español e finalmente cónsul xeral de Cuba en Bulgaria, Pedro Trigo ten recebido as condecoracións máis significativas da República de Cuba, ademais de ter traballado lado a lado con algúns dos protagonistas fundamentais da Revolución, de Fidel ou Raúl a Vilma, de Abel a Melba, de Haydee ao Che.

Unha homenaxe nacional


Mar de Lumes, como organización solidaria con Cuba, organiza xunto coa Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil unha homenaxe a Pedro Trigo o día 28 de novembro, coa seguinte axenda:

  • 18h00: Proxección do documentario Fuimos el inicio - Memoria del asalto al Moncada
  • 19h30: Palestra a cargo do revolucionario Pedro Trigo, con intervención do Cónsul de Cuba, José Antonio Solana.
  • 22h00: Cea-Homenaxe na Adega dos Avós.
As actividades da tarde celebraranse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, desde a que nos trasladaremos para a cea-homenaxe posteriormente. Para acudir á cea, é necesario reservar praza, enviando un correo electrónico a mardelumes@gmail.com, indicando o nome das persoas que queren asistir.

xoves, 1 de maio de 2014

Duran Clemente: "o inimigo era o governo português, não os povos africanos"

Nesta semana, na tarde do día 29, decorreu en Pontevedra a palestra Un capitán galego en Abril conducida polo noso compañeiro Xosé Collazo e protagonizada polo coronel Manuel Duran Clemente, que en 25 de Abril de 1974 foi un dos capitáns máis destacados da Revolução dos Cravos.

Durán Clemente explicou os motivos que levaron os militares ao golpe de estado contra o Estado Novo como continuador da ditadura de Salazar e o porqué de o povo portugués ter acompañado aquel levante, converténdoo en revolucionario. Explicou tamén que a denominada «guerra de ultramar» polo decadente goberno de Portugal non era outra cousa que unha guerra pola liberación nacional na Angola, na Guiné Bissau, en Mozambique e noutros territorios ocupados. E, aínda, as razóns que levaron ao fin do Movimento das Forzas Armadas (MFA) e á clausura do Período Revolucionário Em Curso (PREC),coa consecuente reinstalación de forzas falsamente progresistas no país e a entrada de Portugal para o bloque ultraliberalista.

Na palestra aprendemos que as conquistas da Revolución que ficaron consagradas na Constitución continúan vixentes en grande medida, e iso malia a traizón sistemática dos últimos gobernos portugueses e tamén a pesar da vontade manifesta dos partidos actualmente no poder de terminar con eles.

O acto, finalizado polo Grândola, vila morena interpretado polo cantautor Xosé Constenla, á que seguiu unha cea de confraternidade para continuar coa celebración.

Para ouvirmos o capitán a falar destas cousas e de outras, a continuación, ofrecemos o vídeo da intervención de Manuel Duran Clemente, grazas ao traballo de GzVideos.