A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta homenaxes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta homenaxes. Amosar todas as publicacións

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Somos Sakine, somos Fidan, somos Leyla



O 9 de xaneiro cumpríronse dous anos do brutal asasinato, en 2013, das activistas curdas Sakine Cansiz, Fidan Dogan e Leyla Saylemez en Paris. Un crime político sen resolver, que a complicidade dos estados turco e francés teima en deixar sen aclarar entorpecendo e dilatando calquera investigación. Os seus corpos foron atopados o 10 de xaneiro no Centro de Información do Curdistán da capital francesa con varios tiros na cabeza.

Días despois centos de miles de persoas uníronse aos actos fúnebres polas militantes curdas nas rúas da vila turca de Diyarbakır. Unha enorme multitude coreou consignas como “somos Sakine”, “somos Fidan”, “somos Leyla” e uniuse ás familias que portaban os cadaleitos cubertos por bandeiras do PKK entre berros de “Curdistán será a tumba do fascismo“.

Agora que se fala das bravas mulleres curdas das Unidades de Protección Popular (YPG) e das Unidades Femeninas de Protección (YPJ) que pelexan en Kovanê contra o Estado Islámico patrocinado polo imperialismo, queremos lembrar a estas mártires compatriotas e camaradas súas que mostran que as mulleres curdas levan décadas sendo un exemplo na loita polos seus dereitos e os do seu pobo. 

Sakine Cansiz (Sara) naceu o 12 de febreiro de 1958 e foi asasinada o 9 de xaneiro de 2013.

Sakine naceu en Dersim, era curda e aleví, dúas identidades negadas por Turquía e que defendeu até a súa morte. De nova militou nas fileiras do Partido dos Traballadores do Curdistán, sendo unha das súas membros fundadores, en 1978. Até a data do seu asasinato, Sakine formaba parte dos cinco persoas fundadoras do PKK vivas. Foi a primeira muller membro de dita organización, que conta actualmente con decenas de miles de mulleres. Comezou a súa actividade militante nas zonas de Bingöl e Elazig, sendo posteriormente detida cando se produciu o golpe de estado sanguento do 12 de setembro de 1982. Na cadea de Diyarbakir onde estivo detida, foi torturada durante anos e enfrentouse ao seu propio torturador (o comandante Esat Oktay), cuspíndolle na cara. Debido a súa resistencia teimuda e abnegada, Sakine converteuse nuhna lenda viva. Coñéceselle tamén no seo do Movemento de Liberación Curdo como a primeira muller que adoptou unha defensa política nos tribunais. Despois de 12 anos presa regresa á loita e contribúe desta manera aos avances históricos do MLC. En 1995 participa no primeiro Congreso de Mulleres que vai servir de base á formación dunha organización de mulleres no seo del MLC, actuando de catalizador da entrada das mulleres no seo do movemento. Durante máis de 30 anos participou na loita de liberación do pobo curdo, sendo sucesivamente comandante na guerrilla, defensora dos dereitos das mulleres, mestra no campo de refugiados e refuxiadas de Makhmur (Curdistán Sul), profesora nas academias políticas e representante do MLC en Europa, se ben todas as persoas que a coñeceron lémbrana como a súa compañera, que era a memoria da loita polas mulleres e a memoria do pobo curdo.

Á esquerda, nos anos na guerrilla do PKK con Abdullah Öcalan e outra dirixente nun campamento no Libano.

Gülten Kisanak, co-alcaldesa de Diyarbakir e co-presidenta del BDP dixo de Sakine Cansiz que “era a Rosa de Luxemburgo curda”.

Fidan Dogan (Rojbîn) naceu o 17 de febreiro de 1982 e foi asasinada o 9 de xaneiro do 2013.


Rojbîn procedía dunha familia curda e aleví (igual que Sara) da provincia de Maras (cidade que coñeceu grandes masacres en 1978 en contra da poboación de confesión aleví). Chegou a Franza cando tiña 9 anos xunto a súa familia que se tiña refuxiado nese estado. Segundo seu pai aprendeu o idioma francés en seis meses. Moi pronto decidiu empregar ese idioma e poñelo ao servizo da loita pola liberación do seu pobo. Traballou de xeito incansábel co fin de dar a coñecer a causa lexítima do pobo curdo. Podíaselle ver tanto deambulando polos corredores do Parlamento Europeo na busca de sinaturas dos propios parlamentarios e parlamentarias como acompañendo folgistas de fame, ou ben supervisando a organización dunha conferencia internacional ou mesmo á frente dun posto de información ou acompañando un deputado curdo procedente de Turquía. De non ter ocorrido a masacre do 9 de xaneiro, Fidan tería participado na festa do Newroz de aquel ano en Diyarbakir. Logo tería acudido á súa vila que se viu obrigada a abandoar sendo unha nena, Fidan soñaba con iso. Dito sueño non o puido cumprir ela mesma mais millóns de personas, por ela, acodiron para receber o seu cadaleito en Diyarbakir e a acompañaron até a súa vila natal, Malê Bustan, no distrito de Elbistan (provincia de Maras).


Leyla Saylemez (Ronahî) naceu o 1 de xaneiro de 1989 e foi asasinada el 9 de xaneiro de 2013.

O exilio de Leyla case comeza antes do seu propio nacemento. Naceu en Mersin (Mediterráneo Oriental) cidade na que a súa familia se tiña instalado despois de terse visto obrigada a abandoar a cidade de Lice, na provincia de Diyarbakir. En 1993 a zona de Lice foi totalmente incendiada e destruída polo exército turco. Leyla tiña entón 4 anos. Aos 10 coñeceu o exilio, esta vez na Alemaña, na compaña da súa familia. Reiniciou os seus estudos nese país xunto os seus irmáns e irmás. Durante o seu exilio, Leyla mostrou moito interese pola situación do seu país, brutalmente oprimido, participando de forma moi activa nas actividades culturais e políticas das asociacións curdas, até o mesmo día do seu asasinato.

Emine Ayna, deputada do BDP, dixo de Ronahî: “con este asasinato, insinuaron que non tíñamos nengunha posibilidade de vivir, aliás esa posibilidade témola criado nós mesmas”.

Imaxe do multitudinario recebemento popular dos corpos en Diyarbakir, no Curdistán.

Fonte: NEWROZ EUSKAL KURDU ELKARTEA

sábado, 29 de novembro de 2014

Homenaxe xusta a Pedro Trigo, heroe galego-cubano


Onte, 28 de novembro, a Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil e Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista realizamos unha xornada de homenaxe nacional ao heroe galego-cubano do asalto ao cuartel Moncada onde se inicia, como ponto de partida emblemático, a Revolución Cubana.

Un momento da recepción no concello de Pontevedra |
A xornada comezou coa recepción na alcaldía de Pontevedra de Pedro Trigo, xunto co Cónsul Xeral da República de Cuba, José Antonio Solana, e parte da equipa consular, nunha reunión que serviu para comentar a historia concreta de varios participantes galegos no episodio do Moncada, así como noutras fases da Revolución, como os irmáns Ameixeiras, Frank País ou Xulio Trigo, irmán do propio Pedro Trigo, que morreu na acción.

Perto dun cento de persoas acudiron á palestra-coloquio con Pedro Trigo na Faculdade de Belas Artes |
Pola tarde, a homenaxe continuou cos actos públicos na facultade de Belas Artes de Pontevedra, cunha participación dunhas 100 persoas, a partir da actuación dos músicos Carme Penin e Mauricio Polsinelli, da proxección do documental Fuimos el inicio – Recuerdos del asalto al Moncada, e inmediatamente coa introdución do Cónsul Xeral e coa palestra e posterior coloquio arredor das experiencias de Pedro Trigo, que explicou a situación previa á Revolución — coa ditadura de Fulgencio Batista dirixida polos Estados Unidos —, a necesidade urxente de concretar unha acción revolucionaria e o modo como aquilo finalmente se verificou no asalto ao Moncada — falido militarmente, pero de grande importancia política, como se comprovou posteriormente. "No Moncada comezou de novo a loita pola independencia e soberanía de Cuba", afirmou Pedro Trigo.

A xornada terminou á noite cunha cea de confraternización con case 50 persoas, e coa entrega dun presente en nome das organizacións convocantes.

A entrega do presente das organizacións convocantes a Pedro Trigo |

Unha homenaxe para moitos e moitas máis

Homenaxear Pedro Trigo é a forma que desde Mar de Lumes, en colaboración coa AAGC Francisco Villamil, temos de homenaxear, en sentido máis amplo e abranxente, o resto de combatentes do Moncada — galegos e non galegos. Facelo pon de relevo a importancia histórica da nosa emigración, tal como destacou o Cónsul Xeral na súa intervención, e afasta de nós a idea de sermos un povo apoucado que viaxaba polo mundo á procura de fortuna, tal como tanto nos ten repetido a historiografía e o discurso político español nas escasas ocasións en que se refere á historia de Galiza.

Exemplos como os de Pedro e Xulio Trigo, e non só, afirman a idea de que os galegos e as galegas non marchaban, senón que eran expulsados do seu país por un sistema colonial que lles impedía viveren nas súas casas, e que unha vez fóra, se imbricaron fortemente nos povos que os receberon, participando intensamente nas súas sociedades de acollida, ao ponto de teren papeis destacados en episodios históricos como o do asalto ao Moncada. Pedro Trigo, fillo da emigración galega forzada, é unha evidencia viva desta conclusión.

luns, 24 de novembro de 2014

Homenaxe nacional a Pedro Trigo, 28 Nov.


Pedro Trigo, un dos heroes destacados na Revolución Cubana, é un fillo da emigración galega á América. El e o seu irmán, o tamén revolucionario Xulio Trigo — que morreu durante o combate do asalto ao cuartel Moncada — abandonaron Galiza xunto coa súa nai en 1936, cando o levante fascista no Estado español comezou a producir as primeiras vítimas da represión en Galiza. Desde Cuba, a súa familia levou a cabo unha intensa actividade de apoio á República até o fin da guerra en 1939 e, a partir de 1944, con apenas dezaseis anos, Pedro Trigo participará tamén en varias loitas sindicais dentro da propia Cuba, vencelladas ao sector téxtil.

Ligado aos traballos de criazón dun partido revolucionario en Cuba, en 1951 entra en contacto con Fidel Castro e comeza a traballar na preparación organizativa dun movemento armado insurreccional co obxectivo de terminar coa ditadura de Fulgencio Batista a través da cal o imperialismo norteamericano operaba en Cuba. O 26 de xullo de 1953, tanto el como o seu irmán Xulio farán parte das columnas de 150 insurxentes que tratan de tomar sen éxito o cuartel Moncada. O asalto non tivo o éxito esperado, porque o cuartel non chegou a ser tomado polas forzas revolucionarias e durante o combate foron mortos, ou detidos e despois executados máis de cincuenta militantes, entre eles Xulio Trigo, con apenas 28 anos. Mesmo así, con Fidel e outros revolucionarios detidos, o asalto ao Moncada tornouse fundamental para a historia de Cuba, porque é naquel episodio que se orixina a loita guerrilleira que protagonizará a historia do país nos seguintes meses.

Pedro Trigo terá nesa conformación un papel destacado. Dirixente dunha das células do Movemento 26 de Xullo, a policía de Batista chega a detelo en varias ocasións, polo que pasa á clandestinidade e acaba exiliándose uns meses en Galiza, de onde regresa en 1958. O 31 de decembro daquel ano, coa ditadura derrotada militar e politicamente, Fulgencio Batista abandona Cuba polo avanzo da guerrilla, que entra na Habana o 1 de xaneiro de 1959 liderada por Fidel Castro.

Desde o triunfo da Revolución, Pedro Trigo participará en varios cargos de responsabilidade do goberno revolucionario. Foi xefe nacional de compras de Cubana de Aviación, Director de relacións internacionais do Instituto de Aeronáutica Civil de Cuba, Vicedirector de relacións internacionais do Ministerio da Minaría, e posteriormente, membro do corpo diplomático. Segundo secretario da embaixada cubana en Praga, primeiro secretario da embaixada no Estado español e finalmente cónsul xeral de Cuba en Bulgaria, Pedro Trigo ten recebido as condecoracións máis significativas da República de Cuba, ademais de ter traballado lado a lado con algúns dos protagonistas fundamentais da Revolución, de Fidel ou Raúl a Vilma, de Abel a Melba, de Haydee ao Che.

Unha homenaxe nacional


Mar de Lumes, como organización solidaria con Cuba, organiza xunto coa Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil unha homenaxe a Pedro Trigo o día 28 de novembro, coa seguinte axenda:

  • 18h00: Proxección do documentario Fuimos el inicio - Memoria del asalto al Moncada
  • 19h30: Palestra a cargo do revolucionario Pedro Trigo, con intervención do Cónsul de Cuba, José Antonio Solana.
  • 22h00: Cea-Homenaxe na Adega dos Avós.
As actividades da tarde celebraranse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, desde a que nos trasladaremos para a cea-homenaxe posteriormente. Para acudir á cea, é necesario reservar praza, enviando un correo electrónico a mardelumes@gmail.com, indicando o nome das persoas que queren asistir.

martes, 18 de marzo de 2014

Chávez Sempre!


Nun acto repleto de grandes momentos no interior do Auditorio García Barbón de Vigo, o pasado día 15 de marzo, Mar de Lumes participou, xunto con outras, como organización colaboradora na Homenaxe Nacional a Hugo Chávez organizada pola Associaçom Galega de Amizade com a Revoluçom Bolivariana (AGARB) e o Consulado de Venezuela en Galiza.

En conmemoración do primeiro ano da morte do Comandante Hugo Chávez, o acto tornouse nunha afirmación emotiva que foi alén da solidariedade obrigada entre os povos, até á amizade e o recoñecemento profundo das achegas que a Revolución Bolivariana está a traer para a humanidade toda, e non só para Venezuela.  

Eis unha selección de fotografías da homenaxe, cortesía de GzFoto.


O cantautor Xosé Constenla


Uxía Senlle e Sérgio Tannus


Sés


Serafín González, en nome da CIG


Os tres trebóns


Zurrumalla


Liska!


A Cónsul Xeral da Venezuela,  Luisana Sánchez Cohen


O coordenador da AGARB, Xavier Moreda