A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta kurdistán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta kurdistán. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de xaneiro de 2018

[ANÁLISE] Non á ocupación turca de Afrin

O 20 de xaneiro, o Estado turco cumpriu finalmente as ameazas que viña repetindo nos últimos anos e iniciou unha campaña militar de bombardeos intensivos e o intento de invasión terrestre da rexión de Afrin, zona de maioría curda no noroeste de Siria. A ofensiva foi bautizada cinicamente como "ramo de oliveira" e está protagonizada tanto por grupos de mercenarios islamistas financiados por Turquía - parte deles actuando baixo a franquía do "Exército Libre Sirio" (ELS)- como por tropas regulares dese país, co segundo maior exército da OTAN.

A pesar dos cada vez máis frecuentes ataques turcos que viñan sucedéndose duns anos para aquí, a rexión de Afrin viviu nos últimos tempos nunha relativa tranquilidade que lle permitiu acoller un importante continxente de persoas refuxiadas doutras partes de Siria, especialmente das provincias de Alepo e Idlib. Desde 2012, a zona foi defendida polas milicias das YPG (Unidades de Protección Popular) e das YPJ (Unidades de Protección das Mulleres), que tomaron o control do territorio a raíz da retirada das tropas do goberno. En colaboración coa aviación rusa, as milicias curdas lograron manter seguras as súas fronteiras e liberar da presenza de grupos terroristas algúns territorios próximos. 

Zonas de control territorial no noroeste da Siria


Afrin fai parte de Rojava (“Occidente”), que é como denomina o movemento de liberación curdo as zonas habitadas por ese pobo sen Estado que, após o acordo de Sykes-Picot en 1916, ficaron encadrados nas fronteiras de Siria. Desde o primeiro momento a zona incorporouse como cantón autónomo á administración defendida polas YPG/J e grupos aliados, que acabou por abandonar oficialmente a denominación de "Rojava" pola de "Federación Democrática do Norte de Siria" co fin de representar o conxunto de pobos que habitan a zona (árabes, curdos, asírios, turcomanos, armenios, circasianos e chechenos) e comezou a construír un modelo social baixo os fundamentos do "Confederalismo Democrático" teorizado por Abdullah Öcalan (líder de referencia do movemento curdo, preso por Turquía e confinado en solitario desde 1999 nunha illa-prisión). En base a iso, recoñeceuse a igualdade de dereitos de todas as etnias, linguas e relixións, foron implantándose asembleas comunais, incentivouse a participación e empoderamento das mulleres e potenciouse a economía social e cooperativa, nun proceso de transformación que continúa a avanzar con todas as limitacións derivadas do contexto de guerra e o embargo económico.

Desde o seu inicio, este proxecto foi atacado polo Daesh (Estado Islámico), Al Nusra (referencia de Al Qaeda en Siria) e outros grupos terroristas identificados co ELS. No entanto, foi máis ou menos tolerado tanto polo goberno sirio como por varias das potencias que actúan na zona. Así, nunha relación de alianzas que foi mudando no tempo, tanto os EUA como Rusia mantiveron colaboración militar (sobre todo aérea) coas forzas que están a defender o territorio do norte, maioritariamente curdas mais cunha implicación cada vez maior doutros pobos (como asirios e árabes) no marco das FDS (Forzas Democráticas Sirias). No caso ruso, a colaboración deuse tamén no plano político, sendo até agora o actor internacional mais favorábel a unha posíbel solución autónoma no marco dun estado descentralizado, algo que mesmo voces do goberno sirio chegaron a considerar factíbel no marco dunha hipotética negociación.

Pola súa parte, desde o primeiro momento Turquía manifestou a súa total oposición á administración do norte e desde o inicio atacou (directa e indirectamente) o proxecto que ten por núcleo o movemento curdo xusto a carón da súa fronteira. Fíxoo desde o comezo da guerra armando, financiando e favorecendo o paso de diferentes grupos terroristas, e xa en 2016 as tropas turcas ocuparon militarmente territorios do norte da Siria na operación chamada "Escudo do Éufrates", que tiña como obxectivo non disimulado impedir a unión dos territorios controlados polas milicias curdas e os grupos aliados. Desta forma, aínda que naquel momento Turquía non chegou a invadir territorios baixo a esfera curda, como era o seu obxectivo, si que logrou instalarse en territorio antes controlado polo Daesh (moitas veces case sen combates) e así manter o illamento da rexión de Afrin e facilitar unha posterior ofensiva como a que agora se inicia.

As motivacións do ataque en marcha son claras: o empoderamento do movemento curdo no norte de Siria e a consolidación do seu proxecto político xunto ao resto de pobos da zona supón unha clara ameaza para os intereses de Erdoğan, que tamén está a facer fronte cunha brutal represión á insurxencia curda nas súas fronteiras. Ademais, unha campaña deste tipo e a exaltación chauvinista que a está a acompañar (coa adhesión da maioría dos sectores políticos e mediáticos e a represión do resto), facilítalle unha útil cortina de fume coa que manterse no poder nun momento en que estaba a ser moi cuestionado tamén internamente.

Para o discurso oficial de Turquía, as YPG son identificadas plenamente co PKK (Partido dos Traballadores do Curdistán, considerado como organización terrorista pola UE e os EUA) que actúa desde os anos 80 no Curdistán turco. Ambas organizacións referéncianse no pensamento de Öcalan e sitúanse baixo o paraugas do KCK (Unión das Comunidades do Curdistán). Porén, se ben historicamente o Curdistán sirio (e nomeadamente Afrin) nutriu de combatentes o PKK, hoxe en día as YPG non están exercendo ataques contra Turquía e só actúan contra ela en lexítima defensa, e sempre limitaron as súas ofensivas na guerra siria contra o Daesh e outros grupos terroristas. A xustificación oficial, por tanto, carece de fundamento e esconde outros intereses.

Coa operación de Afrin, o Estado turco pretende garantirse novas zonas de ocupación (ver mapa) e asegurarse un papel relevante na resolución da crise siria, algo que estaba en cuestión tras as progresivas derrotas dos grupos que patrocinaba en Alepo, Hama ou Idlib. Toma forma xa abertamente o proxecto "neo-otomanista" que, baixo o liderado de Erdoğan, combina islamismo e imperialismo turco con fin de consolidarse como poder rexional, neste caso ao abeiro da OTAN. Ademais, ao atacar un dos grupos que máis activamente estaba contribuíndo á liquidación do Daesh en Siria, favorece a persistencia dese grupo terrorista e atrasa a estabilización do país. Por último, o ataque pretende ser un toque de atención e un golpe de forza tanto aos seus aliados dos EUA como a Rusia e mesmo ao propio goberno sirio, que en diferentes formas e momentos teñen colaborado coas YPG nas súas ofensivas para liberar o norte de Siria dos grupos integristas. A propia Rusia tiña tropas instaladas en Afrin desde hai anos, e retirounas no momento en que se iniciou a invasión. Isto, xunto á reunión que altos mandos militares rusos e turcos mantiveron pouco antes do ataque, parece confirmar que este se realiza cando menos coa permisividade de Rusia, que tería capacidade de impedilo mais non parece querer enfrontarse a Turquía nun momento en que están a recompor as relacións e pretende afastala da órbita da OTAN. Pola súa parte, os EUA, que colaboran coas YPG e as FDS noutras zonas do norte (mais non en Afrin), manifestaron tamén que o seu apoio está restrinxido ao combate contra o Daesh ao leste do Éufrates, e non parece ter vontade tampouco de facer nada por impedir os ataques de Turquía, que segue a ser formalmente un dos principais aliados dos países occidentais.

En canto ao goberno sirio, criticou duramente a intervención turca e o novo intento de ocupación do país, e acusouna de favorecer a expansión de grupos terroristas. Segundo as últimas informacións, o estado está a facilitar a resistencia contra a invasión cando menos con apoio médico e permitindo o traslado de combatentes e armamento entre as zonas de presenza curda, e mesmo tería a posibilidade de intervir directamente contra o ataque turco como lle solicitou recentemente a propia administración de Afrin.

No entanto, o poboación da rexión atacada organízase masivamente para resistir o intento de ocupación. Na súa capacidade de resistencia fronte á invasión turca xógase non só unha batalla pola soberanía dos pobos e contra o imperialismo, mais tamén a posibilidade de avance dun proxecto social que recoñeza os dereitos das mulleres e dos pobos, democratice a participación popular e permita a consolidación da paz en Siria sen inxerencias externas.


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

martes, 3 de novembro de 2015

Valoracións da delegación galega de observación internacional ás eleccións na Turquía do 1N

Convidada polo Partido da Democracia dos Povos (HDP), xunto con outras delegacións da esquerda transformadora e doutras nacións sen Estado como Galiza, a nosa organización de solidariedade internacionalista estivo presente o día 1 de novembro nas eleccións ao parlamento turco. Unhas eleccións que se repetían cinco meses despois das anteriores, tras as cais o Partido da Xustiza e do Progreso (AKP) do presidente Recep Tayyip Erdogan foi incapaz de — ou non quixo — formar goberno. Antes de proceder á necesaria valoración dos feitos que presenciamos alí, desde Mar de Lumes queremos agradecer ao HDP o seu convite e a confianza depositada.

As delegacións internacionais respondiamos ao apelo desta coligazón de forzas curdas, doutras minorías nacionais e da esquerda transformadora turca frente a unha máis que provábel estratexia suxa por parte do partido do goberno de cara á xornada eleitoral, tal como logo se verificou. As delegacións fomos repartidas por todo o territorio para monitorar até que ponto o AKP empregaba a forza bruta do Estado para os seus propios intereses partidarios, co obxectivo de se asegurar a maioría absoluta necesaria para as controvertidas reformas constitucionais que Erdogan e o seu partido impulsan. A delegación galega estivo, en concreto, en Istambul, visitando varios colexios electorais, principalmente nos bairros de Eyüp e Gaziosmanpaşa, sen que nos puxesen verdadeiros problemas para entrar e facer o noso traballo, que era observar e anotar as irregularidades. A tranquilidade xeral na que discorreu a xornada para a nosa delegación contrastou desde o principio, porén, cos informes que continuadamente chegaban doutras delegacións en zonas de maioría curda ás que se impedía o acceso aos colexios ou que enfrentaron diversos tipos de abusos: un observador grego en Istambul, a cidade en que estabamos, e tres observadores do Curdistán iraquiano (Başur) en Diyarbakιr chegaron a ser detidos pola policía turca xa nas primeiras horas das votacións. A presenza policial e militar, con todo, foi constante durante toda a xornada, con intensidade variábel: desde axentes armados nos accesos e no interior dos colexios — o que está prohibido pola lei eleitoral turca — até tanquetas e vehículos militares estacionados ás portas ou directamente dentro dos recintos. Esta presenza contribuía, sen dúbida, a xerar o clima de tensión que percebemos xa na xornada previa.

Irregularidades por toda a parte

Os primeiros colexios electorais que visitamos estaban no bairro de Eyüp, nunha situación de calma tensa, mentres nos chegaban as noticias e imaxes dos problemas que policía e exército estaban a pór ás delegacións internacionais deslocadas para a zona leste. Alí informamos da carretaxe de persoas con enfermidades mentais por parte de cadros do AKP para votaren nun dos colexios. En Gaziosmanpaşa, o outro distrito que visitamos, un dos máis deprimidos da cidade, acompañamos a avogada de zona do HDP a denunciar unha mesa na que se estaba a permitir o voto a persoas que non figuraban no censo, na liña cos datos que chegaban doutras delegacións sobre persoas que votaban en varias mesas. Estes episodios, aínda sendo os máis graves, non tiñan nada de isolados, senón que se acompañaban de irregularidades que tamén puidemos contrastar de primeira man: desde papeletas seladas previamente ou actas cubertas e asinadas antes mesmo de comezar os recontos á manipulación directa das listaxes do censo — listaxes que inmediatamente desaparecían cando eran requeridas por interventoras do HDP, sen que o persoal da mesa puidese explicar o cómo. Estas prácticas verificábanse, á medida que pasaban as horas de votación, tamén noutras zonas, de forma máis clara e descarada canto máis ao leste, isto é, canto máis maioritaria era na zona a “minoría” curda, e circulaban polas redes sociais imaxes de papeletas deitadas no lixo, militancia do AKP roubando sacos enteiros de voto recontado en lugar de transportalos á sé do organismo eleitoral, etc.

O momento do reconto deu para a vista máis irregularidades. A nosa delegación reuniuse con militancia do HDP e outras observadoras internacionais na sé central do partido en Taksim, onde comprovamos que o Estado filtraba resultados que daban ao AKP máis de 50% en mesas antes de sequera ter terminado a votación, evidenciando que o uso de actas feitas previamente, até dúas horas antes, nalgúns casos, foi masivo. Outro dato destacado é que apenas se tardou dúas horas en recontar 95% das papeletas, e máis de unha hora en contar o 5% restante, o que era entendido como máis unha evidencia de manipulación dos resultados. A medida que os resultados se ían coñecendo — e aínda que o Consello Eleitoral Supremo (YSK) decidiu desligar o seu sistema de reconto online cando aínda faltaba unha boa parte das mesas por ser recontadas — era máis palpábel a preocupación, non tanto polos resultados que daban a maioría absoluta ao AKP, como pola información vinda de cidades kurdas como Diyarbakιr, onde a policía estaba a cargar contra persoas concentradas na rúa en protesta pola manipulación, tal como denunciaban as observadoras internacionais e xornalistas independentes nas redes sociais. A xornada eleitoral rematou confirmando que o HDP mantiña os resultados acima do 10% necesario para ter presenza no parlamento turco, e que o AKP conseguía o seu obxectivo de maioría absoluta que lle permite gobernar sen acordos e continuar a súa vaga represiva contra as minorías nacionais: a curda, a alevi, asiria ou armenia.

Valoración da delegación galega

A tarefa de facer unha valoración nestas circunstancias é sinxela. Como delegación observadora internacional, non se nos pedía que valorasemos os resultados, senón o proceso tal como el se produciu, diante dos nosos ollos. Con certeza, puidemos comprovar realmente a importancia das delegacións internacionais de observación para poder continuar a reclamar procesos transparentes e verdadeiramente democráticos. Por iso, o relato do que temos observado até aquí, conxuntamente cos datos facilitados polo resto das case 300 observadoras internacionais que acudiron ao chamado do HDP só permiten falar destas eleccións en termos de fraude, e dos seus resultados como claramente ilexítimos. Esta é a única conclusión posíbel para o conxunto das delegacións internacionais, sen excepción; e isto é o que ten denunciado o propio HDP malia aceitar o resultado final.

Por outra parte, valoramos positivamente a capacidade do povo curdo e do resto de minorías nacionais e da esquerda que fai parte do HDP para se sobrepor a meses de represión e ataques sistemáticos contra sés do partido, contra manifestantes e base social (cos masacres de Suruç e Ankara como exemplos máis brutais, mais non os únicos) e contra cadros políticos (máis de 600 deles detidos convenientemente antes das eleccións), así como á guerra “encoberta” decretada no Curdistán Norte, que ademais de varias mortes, produciu máis de medio millón de persoas desprazadas que, por tanto, non tiveron dereito efectivo ao voto.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

venres, 30 de outubro de 2015

Galiza no Curdistán, co HDP pola paz e a soberanía



Este vindeiro 1 de novembro, cando se cumpra o primeiro aniversario da liberación de Kobanî, e en medio a un ataque sen precendentes contra o povo curdo, volve haber eleccións lexislativas na Turquía despois de os resultados de xullo impediren a formación do goberno e dificultaren a radicalización das políticas suprematistas que o partido AKP do primeiro ministro en funcións, Recep Tayyip Erdoğan, leva anos a desenvolver contra o Curdistán e outras minorías nacionais: armenias, asirias, azerbaixanís, persas, etc.

Unhas eleccións ás que o Curdistán acude baixo unha candidatura unitaria que, hai só catro meses, atinxía 13,2% dos votos, e que novamente necesita superar a porcentaxe de corte do 10% para poder ter presenza no parlamento (Meclis) de Ankara. Nesta ocasión, a nosa organización foi convidada como observadora internacional por parte do Partido Democrático dos Povos (HDP), a candidatura curda na que tamén se integran esas outras minorías nacionais, como observadora internacional.

Desde Mar de Lumes valoramos esta participación, por unha parte, como un importante avanzo nas relacións de fraternidade e solidariedade mutua entre os povos galego e curdo e, por outra, como a posibilidade de, modestamente, contribuir a colocar Galiza no contexto internacional, xunto con outros povos e nacións sen Estado que tamén terán delegacións nesta cita.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

martes, 8 de setembro de 2015

Celebrada palestra sobre o Curdistán como chave no Oriente Medio

Este 7 de setembro, no Centro Social A Galleira de Ourense, celebramos unha palestra pública a cargo do compañeiro Óscar Valadares sobre a situación do povo curdo e, en particular, sobre o duplo conflito que enfrenta: por unha parte, o conflito cos Estados en que ficou dividido o territorio histórico do Curdistán, co fin de estabelecer un espazo de liberdade e democracia proprio e soberano; e por outra parte, o conflito contra os intereses imperialistas nunha rexión de imensos recursos enerxéticos e pola que atravesan algúns dos oleodutos e gasodutos fundamentais para o consumo europeo.

Deste modo, en Mar de Lumes comezamos unha colaboración coa Galleira que nos próximos meses continuará desenvolvéndose nunha programación estábel de actividades e, ao mesmo tempo.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

domingo, 26 de xullo de 2015

Abonda xa de agresións turcas contra o Curdistán en loita contra o Daesh

Só uns días depois do masacre de Suruç, na noite do 25 para o 26 de xullo, coa escusa de atacar posicións do Daesh na Siria, Turquía decidiu bombardear as posicións das milicias curdas que operan na área norte do Iraque precisamente contra o Daesh. A acción de Turquía, que se produce do xeito máis reprobábel, con 400 bombardeos en apenas unha noite, mentres deixa o Daesh avanzar libremente en İncirlik, evidencia a hipocrisía absoluta con que se moven as forzas imperialistas da OTAN, empeñadas en producir, pola forza, unha reconfiguración nesa rexión que resulte funcional ás súas necesidades de rapina e control. O povo curdo, cuxa resistencia fronte ao totalitarismo do Daesh e, á vez, contra os intentos de aniquilación por parte — principalmente, mais non só — da Turquía, se está a converter en exemplo para o mundo, volve ser golpeado por quen di loitar ao seu carón.

O PKK, Partido dos Traballadores do Curdistán e principal suporte das milicias curdas (HPG - Forzas de Defensa do Povo) en toda a rexión, acusou Turquía de "agresión de guerra" e deu así por finalizada a tregua que mantiña precisamente co Estado turco desde 2012, que era en troca dunha democratización e duns avances nas relacións turco-curdas que nunca se verificaron. Ao contrario, nestes últimos bombardeos, resultou morto un dos combatentes curdos, Onder Aslan, e outras tres persoas resultaron feridas.

Novamente, esta acción demostra que o Curdistán xamais atopará no Estado turco un aliado, nen aínda en condicións onde, segundo Ankara asegura, partillan inimigo e a ameaza é inminente. Mais o Curdistán non está só. A solidariedade, exercida desde todos os recunchos do planeta, tanto por persoas a nivel individual como colectivamente en organizacións de solidariedade como Mar de Lumes, xoga un papel: espallar a realidade dun conflito onde o Daesh non é o que nos contan os grandes medios de comunicación, e onde o povo curdo loita por exercer o seu dereito a vivir libre e en paz.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

venres, 27 de marzo de 2015

Newroz2015: solidariedade co Curdistán

No serán e noite de onte, 26 de marzo, celebramos en Compostela o Día Nacional do Curdistán e á vez o ano novo curdo: o Newroz. Contamos para iso coa colaboración da Liga Estudantil Galega e do restaurante Newroz Dönner Kebap, un dos restaurantes curdos da cidade, que ofreceu as súas instalacións e o saber facer para a festa de solidariedade e irmandade.

Antes diso, asistimos a dous micro-documentarios. O primeiro deles, Cada casa umha escola, da autoría do galego Séchu Sende, mostraba a situación de aculturación e loita por conservar a identidade no Curdistán Norte, fronte ao embate do asimilacionismo turco. Nas entrevistas que inclúe, centradas á volta da lingua, é perfeitamente visíbel un proceso que tamén — e tan ben — coñecemos en Galiza. O segundo dos documentarios, Un pueblo invisible, gravado por unha equipa basca baixo dirección de Borja Portuondo, mostra as difíceis condicións de vida dos Curdos da Rojava, o territorio ocupado polo Estado sirio, antes das operacións imperialistas contra a propia Siria e a irrupción do ISIS como produto imperialista para desestabilizar todo o posíbel a rexión. 

Despois dos documentarios, Mehmet Akgoz e Resul Berti, dous curdos do norte — o territorio ocupado polo Estado turco — explicaron de onde vén o conflito nacional do Curdistán e en que ponto se encontra neste momento, con referencia ao confederalismo democrático que propón Abdullah Öcalan, así como en relación ás loitas políticas que cada un dos catro territorios en que foi dividido o Curdistán está a levar a diante por conseguir unha maior autonomía de cara ao proceso de autodeterminación. Para máis información sobre a situación, recomendamos a leitura do noso especial Curdistán.  


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Somos Sakine, somos Fidan, somos Leyla



O 9 de xaneiro cumpríronse dous anos do brutal asasinato, en 2013, das activistas curdas Sakine Cansiz, Fidan Dogan e Leyla Saylemez en Paris. Un crime político sen resolver, que a complicidade dos estados turco e francés teima en deixar sen aclarar entorpecendo e dilatando calquera investigación. Os seus corpos foron atopados o 10 de xaneiro no Centro de Información do Curdistán da capital francesa con varios tiros na cabeza.

Días despois centos de miles de persoas uníronse aos actos fúnebres polas militantes curdas nas rúas da vila turca de Diyarbakır. Unha enorme multitude coreou consignas como “somos Sakine”, “somos Fidan”, “somos Leyla” e uniuse ás familias que portaban os cadaleitos cubertos por bandeiras do PKK entre berros de “Curdistán será a tumba do fascismo“.

Agora que se fala das bravas mulleres curdas das Unidades de Protección Popular (YPG) e das Unidades Femeninas de Protección (YPJ) que pelexan en Kovanê contra o Estado Islámico patrocinado polo imperialismo, queremos lembrar a estas mártires compatriotas e camaradas súas que mostran que as mulleres curdas levan décadas sendo un exemplo na loita polos seus dereitos e os do seu pobo. 

Sakine Cansiz (Sara) naceu o 12 de febreiro de 1958 e foi asasinada o 9 de xaneiro de 2013.

Sakine naceu en Dersim, era curda e aleví, dúas identidades negadas por Turquía e que defendeu até a súa morte. De nova militou nas fileiras do Partido dos Traballadores do Curdistán, sendo unha das súas membros fundadores, en 1978. Até a data do seu asasinato, Sakine formaba parte dos cinco persoas fundadoras do PKK vivas. Foi a primeira muller membro de dita organización, que conta actualmente con decenas de miles de mulleres. Comezou a súa actividade militante nas zonas de Bingöl e Elazig, sendo posteriormente detida cando se produciu o golpe de estado sanguento do 12 de setembro de 1982. Na cadea de Diyarbakir onde estivo detida, foi torturada durante anos e enfrentouse ao seu propio torturador (o comandante Esat Oktay), cuspíndolle na cara. Debido a súa resistencia teimuda e abnegada, Sakine converteuse nuhna lenda viva. Coñéceselle tamén no seo do Movemento de Liberación Curdo como a primeira muller que adoptou unha defensa política nos tribunais. Despois de 12 anos presa regresa á loita e contribúe desta manera aos avances históricos do MLC. En 1995 participa no primeiro Congreso de Mulleres que vai servir de base á formación dunha organización de mulleres no seo del MLC, actuando de catalizador da entrada das mulleres no seo do movemento. Durante máis de 30 anos participou na loita de liberación do pobo curdo, sendo sucesivamente comandante na guerrilla, defensora dos dereitos das mulleres, mestra no campo de refugiados e refuxiadas de Makhmur (Curdistán Sul), profesora nas academias políticas e representante do MLC en Europa, se ben todas as persoas que a coñeceron lémbrana como a súa compañera, que era a memoria da loita polas mulleres e a memoria do pobo curdo.

Á esquerda, nos anos na guerrilla do PKK con Abdullah Öcalan e outra dirixente nun campamento no Libano.

Gülten Kisanak, co-alcaldesa de Diyarbakir e co-presidenta del BDP dixo de Sakine Cansiz que “era a Rosa de Luxemburgo curda”.

Fidan Dogan (Rojbîn) naceu o 17 de febreiro de 1982 e foi asasinada o 9 de xaneiro do 2013.


Rojbîn procedía dunha familia curda e aleví (igual que Sara) da provincia de Maras (cidade que coñeceu grandes masacres en 1978 en contra da poboación de confesión aleví). Chegou a Franza cando tiña 9 anos xunto a súa familia que se tiña refuxiado nese estado. Segundo seu pai aprendeu o idioma francés en seis meses. Moi pronto decidiu empregar ese idioma e poñelo ao servizo da loita pola liberación do seu pobo. Traballou de xeito incansábel co fin de dar a coñecer a causa lexítima do pobo curdo. Podíaselle ver tanto deambulando polos corredores do Parlamento Europeo na busca de sinaturas dos propios parlamentarios e parlamentarias como acompañendo folgistas de fame, ou ben supervisando a organización dunha conferencia internacional ou mesmo á frente dun posto de información ou acompañando un deputado curdo procedente de Turquía. De non ter ocorrido a masacre do 9 de xaneiro, Fidan tería participado na festa do Newroz de aquel ano en Diyarbakir. Logo tería acudido á súa vila que se viu obrigada a abandoar sendo unha nena, Fidan soñaba con iso. Dito sueño non o puido cumprir ela mesma mais millóns de personas, por ela, acodiron para receber o seu cadaleito en Diyarbakir e a acompañaron até a súa vila natal, Malê Bustan, no distrito de Elbistan (provincia de Maras).


Leyla Saylemez (Ronahî) naceu o 1 de xaneiro de 1989 e foi asasinada el 9 de xaneiro de 2013.

O exilio de Leyla case comeza antes do seu propio nacemento. Naceu en Mersin (Mediterráneo Oriental) cidade na que a súa familia se tiña instalado despois de terse visto obrigada a abandoar a cidade de Lice, na provincia de Diyarbakir. En 1993 a zona de Lice foi totalmente incendiada e destruída polo exército turco. Leyla tiña entón 4 anos. Aos 10 coñeceu o exilio, esta vez na Alemaña, na compaña da súa familia. Reiniciou os seus estudos nese país xunto os seus irmáns e irmás. Durante o seu exilio, Leyla mostrou moito interese pola situación do seu país, brutalmente oprimido, participando de forma moi activa nas actividades culturais e políticas das asociacións curdas, até o mesmo día do seu asasinato.

Emine Ayna, deputada do BDP, dixo de Ronahî: “con este asasinato, insinuaron que non tíñamos nengunha posibilidade de vivir, aliás esa posibilidade témola criado nós mesmas”.

Imaxe do multitudinario recebemento popular dos corpos en Diyarbakir, no Curdistán.

Fonte: NEWROZ EUSKAL KURDU ELKARTEA

venres, 20 de setembro de 2013

A guerrilla curda en Siria disposta a resistir calquera ataque

*Leandro Albani, desde o Curdistán

Un laboratorio político ferve no norte de Siria

Un laboratorio de política e organización, niso deu en converterse o norte de Siria desde hai un ano. A apreciación é compartida nas filas guerrilleiras do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK), que en poucos meses trasladou a esa rexión a máis de 50.000 guerrilleiros. O obxectivo é defender o país da intervención das potencias occidentais e a autonomía declarada polos curdos o 19 de xullo de 2012, no medio dun conflito interno e externo que non deixa de ir a máis.

A idea dunha confederación curda en Siria foi aceptada polo goberno do presidente Bashar Al Assad, como tamén por Irán e Rusia, aseguran desde a guerrilla. Por estes días, as cidades do norte de Siria son escenario de duros enfrontamentos entre a Unión de Autodefensa do Pobo (UAP) -que agrupa os guerrilleiros curdos- e os mercenarios e membros da Fronte Al Nusra, filial de Al Qaeda, ambos apoiados por Estados Unidos, as potencias europeas e Turquía.

En pouco máis de 24 meses, no Curdistán sirio comezou a xestarse un sistema alternativo que non responde ao nacionalismo do goberno e moito menos se alinea cos mercenarios e islamistas, defensores do neoliberalismo sen concesións. A ideoloxía do confederalismo democrático, teorizada por Abdullah Öcalan, percorre a rexión curda cunha forza nunca antes vista.

Aínda que a dor da guerra estea a flor de pel, a maioría de curdos que habitan o norte de Siria -uns tres millóns e medio- parecen dispostos a resistir o tempo que sexa necesario, aínda que os atrancos medren todos os días. Aos ataques de mercenarios e Al Qaeda, súmase o xogo do Partido Democrático do Curdistán (PDK), encabezado por Masud Barzani, presidente da rexión autónoma de Iraq. Barzani anunciou que recibirá os refuxiados que viven en Siria, mais aclarou que non permitirá que os curdos se trasladen a ese territorio. Desde o PKK entenden esta medida como un método para debilitar a resistencia do pobo da rexión, integrado por diferentes minorías como árabes, asirios e armenios. A guerrilla ademais denunciou que o goberno de Barzani mantén un duro bloqueo que non permite o ingreso de alimentos e medicamentos cara á zona siria, o que acrecenta a crise humanitaria.

Na guerrilla tamén saben o que significaría un ataque militar encabezado por Estados Unidos e os seus aliados. Teñen a experiencia de décadas de combates contra o Exército turco, o segundo máis grande do mundo. Aínda que unha invasión estadounidense custará vidas e sangue, os guerrilleiros séntense con confianza e máis dun combatente non dubida en dicir que os esperan, que eles non teñen nada que perder e todo por conquistar.

A fronte de batalla

A principal fronte de batalla do PKK atópase no norte de Siria. A capacidade de mobilización da guerrilla curda quedou demostrada nos últimos meses. Coas montañas de Kandil no Curdistán iraquí como retagarda, no norte sirio diariamente prodúcense enfrontamentos contra mercenarios e membros da Fronte Al Nusra. Esta loita, que incomoda as potencias occidentais, é silenciada en América Latina, algo que se pode comprobar ao ver algunhas dos catro canles de televisión por satélite e comunitarias para a rexión curda. As imaxes sucédense de xeito frenético: combates, bombas estoupando, fusís que cospen balas continuamente, mercenarios que manipulan armas químicas e se pasean en tanques de guerra, mais tamén se pode observar o pobo curdo en plena organización de asembleas populares, a guerrilleiros que se suman á loita, a nenos e nenas que non tremen cando din que esa terra é deles e que a resistencia total será o custo para a súa liberdade.

Helin estivo meses atrás na fronte de batalla. Nun dos campamentos das montañas de Kandil, onde funciona a área de comunicación da guerrilla, comenta que “malia a situación crítica, as asembleas populares e comunas están funcionando”. Con voz firme, aclara que a guerrilla non necesita o apoio do Exército sirio, que deixou a rexión hai varios meses atrás. “Os propios militares sirios comunícanse cos comandantes curdos para lles pedir que coiden as súas familias que viven na rexión”, exemplifica.

Declarada a autonomía no norte de Siria foi creado o Consello Supremo de Curdistán (CSK), no cal participan 16 partidos políticos, sendo o principal o Partido da Unión Democrática (PUD), ligado ao PKK, e dirixido por Salih Muslim. Helin explica que moitos deses partidos responden a Barzani e a Celal Talabani, actual presidente de Iraq, e que contan cun apoio do un ou dous por cento da poboación, ademais do respaldo de Turquía.

“Algunhas refinarías novas de petróleo son controladas por nós mais aínda non funcionan. A súa produción servirá para prover ao pobo”, sinala Helin. Entre outros logros, conta que as clases nos colexios deixaron de se ditar unicamente en árabe e engadiuse o idioma curdo, prohibido até hai un ano.

Balcanizar Medio Oriente

“O imperio non quere resolver esta guerra, pero si busca facer durar o conflito e balcanizar a rexión”, di Rengin Botan, comandante da UAP. Estamos noutro campamento de Kandil e todos coinciden en que Rengin, con apenas 37 anos, é unha das principais dirixentes que ten a guerrilla e que as súas ordes se cumpren sen vacilacións.

A comandante Rengin lembra que o nivel de conciencia dos curdos que viven en Siria é elevado, debido a que durante 15 anos nese país estivo refuxiado Abdullah Öcalan, líder máximo do PKK, detido actualmente en Turquía. “En Siria hai unha historia de conciencia política moi importante, desde ese momento había creación de comunas e proxectos. O nivel de conciencia política no Curdistán sirio é moi alto”.

Desde que se iniciou o conflito en Siria, a guerrilla mantivo a súa independencia e non definiu unha posición cara a un bando determinado. Nese momento, explica Rengin, “preguntámonos cales eran os proxectos para o pobo curdo e outras nacionalidades que viven en Siria. A todos preguntámoslles se aceptaban un sistema confederal, democrático, onde todos os pobos pobres e oprimidos poidan vivir en igualdade. O goberno sirio aceptou esas condicións e non entrou en conflito armado connosco. O goberno de Al Assad agora fai unha permanente autocrítica. Até hai un ano a maioría dos curdos non tiñan cidadanía pero o goberno xa os legalizou. Os mercenarios non teñen unha proposta concreta, ao contrario, atácannos por ordes do imperio con Al Qaeda. Como o imperio non quere un sistema confederal e social, envía a estes mercenarios para poñer atrancos”. Rengin suma á lista de atrancos ao PDK, o partido de Barzani que intenta crear un Estado-Nación e así fragmentar aínda máis á rexión, posibilidade aplaudida por Estados Unidos e Turquía.

Rengin revela que nas últimas semanas, os grupos mercenarios asasinaron “civís, mulleres e moitos nenos, que ademais violan sexualmente”. Estes feitos -salienta a comandante- forman parte dun plan dirixido por Estados Unidos. “É un enfrontamento de dúas correntes: o confederalismo democrático e outra que quere balcanizar a rexión”. Malia a actual situación, recoñece como positivo que o norte de Siria se transformase nun “laboratorio, porque a loita do Curdistán de Siria é primordial, a nosa enerxía está concentrada aí porque é un exemplo que poden seguir outros pobos de Curdistán e Medio Oriente”.

Leandro Albani é xornalista e colaborador de Resumen Latinoamericano