A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta siria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta siria. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de marzo de 2016

Solidariedade antiimperialista coas persoas refuxiadas e migrantes



O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes expresa a súa solidariedade coas persoas refuxiadas e migrantes, vítimas dos conflitos e expolios imperialistas causados pola OTAN, a Unión Europea e os seus aliados, principais actores do imperialismo en Oriente Medio e outras rexións do planeta, que provocan morte, destrución, miseria e padecementos a millóns de seres humanos, desde Siria a Ucraína, pasando por Iraq, Afganistán, Libia, Palestina, Sudán, Congo, Haití e unha interminábel lista de países sometidos ao saqueo do capital transnacional.

Apoiamos a súa exixencia de condicións humanas dignas e de respecto para os seus dereitos humanos. Desde unha posición antiimperialista e internacionalista denunciamos a política criminal e hipócrita da Unión Europea e dos seus gobernos que, por unha banda levan a guerra e a destrución ao norte de África e a Oriente Medio, causando directamente a traxedia do exilio e a migración de millóns de persoas, mentres pola outra choran bágoas de crocodilo e láianse dos meniños que morren afogados nas augas do Mediterráneo. A Unión Europea que predica a libre circulación das persoas, só ten en mente, en realidade, procurarlle ao Capital unha reserva de persoas desesperadas, sen dereitos, nin recursos, predispostas a aceptar a calquera prezo, calquera traballo; unha inmensa reserva de man de obra para premer á baixa os salarios e os dereitos sociais en todos os países, para aumentar os lucros da oligarquía financeira.

Esiximos, xa que logo, o cese inmediato de todas as intervencións imperialistas de Estados Unidos, da OTAN e da UE, a disolución da OTAN, e a devolución aos pobos dos recursos naturais para o seu desenvolvemento soberano e acorde cos intereses da poboación traballadora, para a reconstrución dos seus países e a prosperidade dos seus habitantes.

Esiximos que os recursos que se empregan para a guerra sexan usados para o benestar e a mellora das condicións de vida de migrantes e refuxiados, nos seus países de orixe, para evitar a traxedia do exilio e das rupturas de comunidades e familias.

Denunciamos o racismo, a xenofobia e o neofascismo como instrumentos do capital para dividir os pobos, opoñendo uns traballadores contra outros para maior beneficio das clases dominantes da Unión Europea, e chamamos a combatelos na súa matriz orixinaria: o capitalismo.

Esiximos a abolición do Espazo Schengen, da Frontex e de todas as medidas represivas da UE nas súas fronteiras.

Esiximos a creación de centros de recepción dotados de condicións dignas de persoal e infraestrutura para a atención médica, aloxamento, alimentación, seguridade e coidados psicolóxicos, e que garantan unha viaxe segura das persoas refuxiadas até os seus puntos de destino final.

Unha auténtica solidariedade coas persoas refuxiadas implica desenmascarar os hipócritas causantes dese drama. Os asasinos teñen nome: a OTAN e a UE.

Non ás guerras imperialistas!
Abaixo o réxime de Erdogan, lacaio da OTAN!
Alto á política hipócrita da UE!

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

venres, 4 de decembro de 2015

A narrativa imperialista contra Siria, debatida en Ponteareas

O pasado día 27 volvemos explicar a situación actual na Siria centrándonos na narrativa imperialista que este conflito concita á súa volta. Fixémolo en Ponteareas, analisando pezas de audiovisual e fotografías e grazas a unha importante participación de persoas da vila e da comarca, coas que despois da intervención de Oscar Valadares se realizou un coloquio sobre o tema.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

luns, 16 de novembro de 2015

Mar de Lumes sobre os atentados de París

Os atentados de París deste pasado día 13 de novembro son unha traxedia con poucos precedentes na Franza. Tristemente, teñen abundantes precedentes noutros lugares do mundo, onde día a día se teñen convertido na norma. Un momento de dor como este debera propiciar tamén unha reflexión a serio sobre as súas causas, as súas dinámicas e as súas consecuencias; unha reflexión que, porén, parece estar a facerse unicamente en círculos moi reducidos, en lugar de no conxunto das nosas sociedades. En ausencia deste debate necesario, desde Mar de Lumes, como organización da solidariedade internacionalista, queremos chamar a atención sobre tres ideas que, ao noso parecer, é fundamental non perder de vista.

En primeiro lugar, é necesario reparar no papel que están a xogar os medios de comunicación. Nas horas inmediatamente posteriores aos atentados, as grandes corporacións da comunicación, as que teñen, na práctica, a capacidade real de performar a opinión pública, obviaron o seu papel de servizo público informativo e entregáronse, sen excepcións, ao perigoso xogo de obviar o contexto — sen o cal é imposíbel dar calquera explicación minimamente veraz dos feitos — e centrarse en detalles mínimos, en testemuños de persoas loxicamente asustadas e desorientadas e nun insuportábel estilo sensacionalista que en nada contribuía a esa reflexión necesaria. Esta estratexia non é casual. Ao contrario, observamos con preocupación como é a práctica habitual nestes casos, en que o shock é aproveitado posteriormente con intereses máis espurios e menos confesábeis. Fronte a isto, só podemos parafrasar o célebre historiador Edward Carr: dicir que os atentados de París aconteceron porque o Daesh quixo é certo, pero non explica absolutamente nada. Se o que se ofrece non son explicacións, senón discurso interesado, o que se está a facer é criar un estado de opinión favorábel a uns intereses que non se enuncian, mais que estaban aí previamente, mesmo antes dos atentados en si.

Carlos Latuff

A segunda idea que queremos destacar é o perigoso que pode resultar o reforzamento do eurocentrismo que deriva precisamente desa política comunicativa. Resumíao perfeitamente o presidente sirio Bashar al Assad: "A Franza coñece agora o que nós levamos a sofrer cinco anos". Non deixa de resultar gritante que a dor das vítimas europeas desta guerra imperialista se considere acima da dor das vítimas non europeas, mais é isto o que se está a promover. No medio dos especiais das televisións, das radios, dos xornais en papel e das súas edicións dixitais, ningún comentario para as máis de 50 vítimas mortais e mais de 400 persoas feridas en Beirute (Líbano) nos mesmos días e a mans dos mesmos asasinos. Simplemente, parece que non existisen, ou que, en todo caso, reforcen a idea de que o mundo árabe (considerado en abstracto) é un polvorín que a UE e os Estados Unidos deben pacificar. Ese reforzamento do eurocentrismo non é, no fin das contas, outra cousa que un reforzamento das posicións intervencionistas, cando non directamente un reforzamento da islamofobia, do racismo e da idea de Europa-fortaleza que cada día é máis difícil combater. Que o presidente do Estado español concluíse que están en xogo os "valores civilizacionais" da Europa non é só estúpido, senón terribelmente perigoso. Porque invoca o medo ao descoñecido e porque, ao mesmo tempo, dinamita esa reflexión necesaria.

Por último, pensamos que debe haber unha reflexión a serio e a fondo sobre as causas reais destes ataques, que non son só o odio e o desprezo pola vida das persoas que se lle atribúen ao xihadismo. O presidente francés, François Hollande, falaba, na súa comparecencia pública após os ataques, de "acto de guerra". Mais non é un acto de declaración de guerra. A guerra á que se refere o presidente da Franza comezou hai anos, como unha operación imperialista que, para debilitar unha serie de gobernos incómodos no chamado "mundo árabe", non reparou en desestabilizar a rexión até ao extremo, en armar "rebeldes" e en criar, alimentar e favorecer a expansión de organizacións extremistas que podían voltarse na súa contra en calquera momento; mais cuxo risco se daba xa por descontado. Pretender que nunha guerra destas características as baixas se produzan só nun dos bandos e que o outro (neste caso, o occidental) poderá vivir de costas viradas á realidade non é unha cuestión de inocencia política, senón de mentira e do mesmo desprezo pola vida dos outros que demostraron os autores materiais dos asasinatos da capital francesa. Máis aínda cando o propio Hollande revelaba en 6 de maio pasado que a Franza levaba tempo a entregar armamento letal á oposición armada na Siria — o que é o mesmo, na práctica, que lla entregar ao Daesh que din combater.

Desde Mar de Lumes, como organización da solidariedade internacionalista, facemos un chamado a esa reflexión e a considerar o problema na súa verdadeira dimensión, lonxe de consignas sensacionalistas. E lonxe tamén da represalia e das manobras efectistas que o propio estado francés vén de desatar atacando ao día seguinte dos atentados unha serie de pretensas posicións do Estado Islámico en Raqqa — producindo novas vítimas, tamén entre a poboación civil desa cidade, que parece non importarlle a ninguén. Temos, porén, serias dúbidas de que a maioría dos gobernos europeos teñan na súa axenda esta reflexión, e podemos prever unha radicalización da política inxerencista e destrutiva que nos ten traído até aquí, non só polos ataques da aviación francesa, senón por aqueles tristes precedentes dos que falamos ao inicio deste comunicado. Sabemos que non é por acaso, e que desta dor, desta psicose e deste medo, tamén se van beneficiar os mesmos grupos que se beneficiaron coa destrución da Libia ou o Iraque, coa desestabilización do Exipto, coa masacre continuada na Palestina ou coa guerra que hoxe enfrenta a Siria.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

sábado, 14 de novembro de 2015

En Vigo, desmontamos a narrativa imperialista aplicada á Siria

Na tarde de onte, 13 de novembro, mentres en París tiñan lugar os ataques terroristas que colocaban as consecuencias do imperialismo ás portas da Europa-fortaleza, desde Mar de Lumes, en colaboración coa Libraría Andel de Vigo, desenvolvíamos unha charla-coloquio sobre a narrativa imperialista no caso da guerra da Siria. 

Analisamos os mecanismos polos que o imperialismo asocia os gobernos que non se pregan aos seus intereses con ditaduras monstruosas, a criazón do Daesh e a súa propaganda de guerra, e desvendamos unha pequena parte dos axentes que interveñen sobre o terreo, desmontando a idea de que haxa unha oposición "pacífica" e unha oposición terrorista. 

A palestra correu a cargo de Óscar Valadares e a selección e comentario dos materiais audiovisuais foi da man de Bernal Rúa, ambos membros de Mar de Lumes.



Subscrebe a nosa axenda solidaria!

venres, 20 de setembro de 2013

A guerrilla curda en Siria disposta a resistir calquera ataque

*Leandro Albani, desde o Curdistán

Un laboratorio político ferve no norte de Siria

Un laboratorio de política e organización, niso deu en converterse o norte de Siria desde hai un ano. A apreciación é compartida nas filas guerrilleiras do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK), que en poucos meses trasladou a esa rexión a máis de 50.000 guerrilleiros. O obxectivo é defender o país da intervención das potencias occidentais e a autonomía declarada polos curdos o 19 de xullo de 2012, no medio dun conflito interno e externo que non deixa de ir a máis.

A idea dunha confederación curda en Siria foi aceptada polo goberno do presidente Bashar Al Assad, como tamén por Irán e Rusia, aseguran desde a guerrilla. Por estes días, as cidades do norte de Siria son escenario de duros enfrontamentos entre a Unión de Autodefensa do Pobo (UAP) -que agrupa os guerrilleiros curdos- e os mercenarios e membros da Fronte Al Nusra, filial de Al Qaeda, ambos apoiados por Estados Unidos, as potencias europeas e Turquía.

En pouco máis de 24 meses, no Curdistán sirio comezou a xestarse un sistema alternativo que non responde ao nacionalismo do goberno e moito menos se alinea cos mercenarios e islamistas, defensores do neoliberalismo sen concesións. A ideoloxía do confederalismo democrático, teorizada por Abdullah Öcalan, percorre a rexión curda cunha forza nunca antes vista.

Aínda que a dor da guerra estea a flor de pel, a maioría de curdos que habitan o norte de Siria -uns tres millóns e medio- parecen dispostos a resistir o tempo que sexa necesario, aínda que os atrancos medren todos os días. Aos ataques de mercenarios e Al Qaeda, súmase o xogo do Partido Democrático do Curdistán (PDK), encabezado por Masud Barzani, presidente da rexión autónoma de Iraq. Barzani anunciou que recibirá os refuxiados que viven en Siria, mais aclarou que non permitirá que os curdos se trasladen a ese territorio. Desde o PKK entenden esta medida como un método para debilitar a resistencia do pobo da rexión, integrado por diferentes minorías como árabes, asirios e armenios. A guerrilla ademais denunciou que o goberno de Barzani mantén un duro bloqueo que non permite o ingreso de alimentos e medicamentos cara á zona siria, o que acrecenta a crise humanitaria.

Na guerrilla tamén saben o que significaría un ataque militar encabezado por Estados Unidos e os seus aliados. Teñen a experiencia de décadas de combates contra o Exército turco, o segundo máis grande do mundo. Aínda que unha invasión estadounidense custará vidas e sangue, os guerrilleiros séntense con confianza e máis dun combatente non dubida en dicir que os esperan, que eles non teñen nada que perder e todo por conquistar.

A fronte de batalla

A principal fronte de batalla do PKK atópase no norte de Siria. A capacidade de mobilización da guerrilla curda quedou demostrada nos últimos meses. Coas montañas de Kandil no Curdistán iraquí como retagarda, no norte sirio diariamente prodúcense enfrontamentos contra mercenarios e membros da Fronte Al Nusra. Esta loita, que incomoda as potencias occidentais, é silenciada en América Latina, algo que se pode comprobar ao ver algunhas dos catro canles de televisión por satélite e comunitarias para a rexión curda. As imaxes sucédense de xeito frenético: combates, bombas estoupando, fusís que cospen balas continuamente, mercenarios que manipulan armas químicas e se pasean en tanques de guerra, mais tamén se pode observar o pobo curdo en plena organización de asembleas populares, a guerrilleiros que se suman á loita, a nenos e nenas que non tremen cando din que esa terra é deles e que a resistencia total será o custo para a súa liberdade.

Helin estivo meses atrás na fronte de batalla. Nun dos campamentos das montañas de Kandil, onde funciona a área de comunicación da guerrilla, comenta que “malia a situación crítica, as asembleas populares e comunas están funcionando”. Con voz firme, aclara que a guerrilla non necesita o apoio do Exército sirio, que deixou a rexión hai varios meses atrás. “Os propios militares sirios comunícanse cos comandantes curdos para lles pedir que coiden as súas familias que viven na rexión”, exemplifica.

Declarada a autonomía no norte de Siria foi creado o Consello Supremo de Curdistán (CSK), no cal participan 16 partidos políticos, sendo o principal o Partido da Unión Democrática (PUD), ligado ao PKK, e dirixido por Salih Muslim. Helin explica que moitos deses partidos responden a Barzani e a Celal Talabani, actual presidente de Iraq, e que contan cun apoio do un ou dous por cento da poboación, ademais do respaldo de Turquía.

“Algunhas refinarías novas de petróleo son controladas por nós mais aínda non funcionan. A súa produción servirá para prover ao pobo”, sinala Helin. Entre outros logros, conta que as clases nos colexios deixaron de se ditar unicamente en árabe e engadiuse o idioma curdo, prohibido até hai un ano.

Balcanizar Medio Oriente

“O imperio non quere resolver esta guerra, pero si busca facer durar o conflito e balcanizar a rexión”, di Rengin Botan, comandante da UAP. Estamos noutro campamento de Kandil e todos coinciden en que Rengin, con apenas 37 anos, é unha das principais dirixentes que ten a guerrilla e que as súas ordes se cumpren sen vacilacións.

A comandante Rengin lembra que o nivel de conciencia dos curdos que viven en Siria é elevado, debido a que durante 15 anos nese país estivo refuxiado Abdullah Öcalan, líder máximo do PKK, detido actualmente en Turquía. “En Siria hai unha historia de conciencia política moi importante, desde ese momento había creación de comunas e proxectos. O nivel de conciencia política no Curdistán sirio é moi alto”.

Desde que se iniciou o conflito en Siria, a guerrilla mantivo a súa independencia e non definiu unha posición cara a un bando determinado. Nese momento, explica Rengin, “preguntámonos cales eran os proxectos para o pobo curdo e outras nacionalidades que viven en Siria. A todos preguntámoslles se aceptaban un sistema confederal, democrático, onde todos os pobos pobres e oprimidos poidan vivir en igualdade. O goberno sirio aceptou esas condicións e non entrou en conflito armado connosco. O goberno de Al Assad agora fai unha permanente autocrítica. Até hai un ano a maioría dos curdos non tiñan cidadanía pero o goberno xa os legalizou. Os mercenarios non teñen unha proposta concreta, ao contrario, atácannos por ordes do imperio con Al Qaeda. Como o imperio non quere un sistema confederal e social, envía a estes mercenarios para poñer atrancos”. Rengin suma á lista de atrancos ao PDK, o partido de Barzani que intenta crear un Estado-Nación e así fragmentar aínda máis á rexión, posibilidade aplaudida por Estados Unidos e Turquía.

Rengin revela que nas últimas semanas, os grupos mercenarios asasinaron “civís, mulleres e moitos nenos, que ademais violan sexualmente”. Estes feitos -salienta a comandante- forman parte dun plan dirixido por Estados Unidos. “É un enfrontamento de dúas correntes: o confederalismo democrático e outra que quere balcanizar a rexión”. Malia a actual situación, recoñece como positivo que o norte de Siria se transformase nun “laboratorio, porque a loita do Curdistán de Siria é primordial, a nosa enerxía está concentrada aí porque é un exemplo que poden seguir outros pobos de Curdistán e Medio Oriente”.

Leandro Albani é xornalista e colaborador de Resumen Latinoamericano

sábado, 7 de setembro de 2013

Apresentada a plataforma Galiza contra a Guerra

Na mañá de hoxe, 7 de agosto, en roda de imprensa, foi apresentada a plataforma Galiza contra a Guerra, formada por un conxunto de organizacións que estiveron participando nas concentracións que esta semana se celebraron en todo o país en repulsa polo anuncio de ataque militar contra Siria.



Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, é unha das organizacións promotoras desta plataforma e fai seu o chamamento ao resto de organizacións locais, comarcais e nacionais para aderiren e se coordenaren coas entidades xa presentes.

Velaquí o manifesto da plataforma.

NON Á INTERVENCIÓN IMPERIALISTA EN SIRIA
GALIZA CONTRA A GUERRA

O ataque militar previsto en Siria é máis un paso na estratexia imperialista e de reapropriación colonial que as grandes potencias occidentais e as monarquías ditatoriais de Oriente Medio teñen desenvolvido na rexión nestes dous últimos anos. Estamos diante da construción dunha nova mentira, como a do Iraque, para xustificar unha catástrofe humana.

É unha estratexia xenocida e criminal, pois non dubida en levar o pobo sirio ao abismo para impor os seus intereses económicos e políticos. Ábrese, ademais, a caixa de Pandora dunha situación de consecuencias imprevisíbeis que amezan incendiar aínda máis toda a rexión, e para alén dela.

Diante disto, as organizacións sociais, políticas, sindicais, culturais e cívicas que asinan este manifesto:

1. Rexeitamos a intervención militar imperialista en Siria e defendemos a negociación política para lograr a resolución dos conflitos, respectando sempre a soberanía dos pobos.

2. Consideramos que os EUA e os seus aliados están a fabricar mediante a manipulación e a propaganda unha nova mentira para xustificar o ataque, de igual xeito que con anterioridade fixeron coas supostas armas de destrución masiva no Iraque.

3. Sostemos que se trata doutra agresión imperialista que, alén diso, é totalmente ilegal ao contravir o dereito internacional, non ter autorización do Consello de Seguranza da ONU nin contar co visto e prace de ningún organismo internacional.

4. Exiximos ao Estado español que non participe nin dea cobertura á operación militar, e censuramos a falta de vontade para artellar mecanismos que posibiliten a resolución negociada dos conflitos e a convivencia dende o respecto á soberanía dos distintos pobos da rexión.

5. Demandamos a retirada do territorio nacional das instalacións españolas e norteamericanas implicadas nas sucesivas agresións imperialistas.

6. Denunciamos a disposición dos gobernos imperialistas da OTAN e da UE a dilapidar inxentes recursos económicos nunha nova aventura militar ao mesmo tempo que brutais recortes sociais e laborais son impostos á clase traballadora coa excusa da crise, dos déficits públicos e do aforro orzamentario.

7. Finalmente, chamamos o pobo galego a expresar na rúa a súa oposición a esta nova agresión imperialista participando nas concentracións e protestas que se convocarán por todo o país contra a intervención militar.

Asinan: Adega, Agir, Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Associaçom Galega de Amizade com a Revoluçom Bolivariana, Bloque Nacionalista Galego, Briga, Causa Galiza, Ceivar - Organismo Popular Anti-repressivo, Comités, Confederación Intersindical Galega, Federación Rural Galega, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega, Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, Movimento Continental Bolivariano — Capítulo Galiza, Nós-Unidade Popular e Partido Comunista do Pobo Galego.

venres, 6 de setembro de 2013

Unha semana de concentracións frente o ataque imperialista contra Siria

Ao longo desta semana, un conxunto de organizacións galegas unidas nas súas posicións antiimperialistas e de defensa da soberanía dos pobos, entre elas Mar de Lumes, convocamos concentracións nas cidades de Compostela, a Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo e a vila de Foz, denunciando a política militarista e criminal que no conflito sirio teñen levado a cabo os Estados Unidos, a Franza e a Gran Bretaña e tamén os seus aliados na rexión, notadamente Israel, Arabia Saudita e Catar.

Na suma de todas elas, perto de mil galegas e galegos amosaron na rúa o seu rexeitamento a esta nova agresión contra un estado soberano. A diferenza do conflito libio, onde a resposta foi morna e cativa, nesta ocasión a suma de vontades das diferentes organizacións en cada localidade fixeron posíbel que esta primeira resposta frutifique nos vindeiros días en acordos mais amplos para unha resposta mais contundente de seguir a escalada bélica.

Imaxe da concentración en Compostela
Non contentos con armar e apoiar no plano loxístico unha oposición artificialmente inflada e mobilizada, eses gobernos anuncian agora o seu desexo de invadir o país coa escusa ridícula de levar e implantar a democracia e a paz. Guerra para impor a paz: iso é o que nos queren vender.

Imaxe da concorrida concentración de Vigo
Frente ás súas mentiras, as organizacións convocantes destes actos de repulsa, así como a cidadanía que se congregou nos actos xa celebrados e nos que en vindeiros días se han producir, evidenciamos que o mundo non é tan unipolar como queren facernos crer e que na Galiza hai cidadanía crítica quen de protestar publicamente e exixir que as agresións imperialistas terminen dunha vez, que o capitalismo armado abandone a súa política de patio traseiro e que sexa respeitada, como principio básico das relacións internacionais, a soberanía política de cada povo.

De Mar de Lumes, o pasado mes de maio, xa denunciamos nun acto simbólico em Compostela a inxerencia estranxeira e a hipocrisia de denominar guerra civil, a secas, ao conflito sirio.

Eis o manifesto lido nas cidades galegas.

Imperialismo fóra da Siria!

Pola paz e a soberanía dos pobos.

A barbarie vén de ser anunciada por medio de novas ameazas de guerra. Resoan de novo os tambores, mais os Estados Unidos, Franza e Gran Bretaña xa levan moito tempo intervindo militarmente en Siria, por medio da entrega de armamento, apoio loxístico, adestramento e envío de milicias armadas desde o exterior. Este conflito, que desde hai dos anos é presentado nos medios de comunicación como un enfrontamento civil, é unha guerra encoberta creada, financiada e dirixida en todo o momento desde o exterior.

Imaxe da faixa despregada en Ourense

Non é mais que unha operación desas potencias polo control dunha zona -e dos seus recursos- e que tivo os seus episodios anteriores nas guerras de Iraq, Afganistán ou Libia. Primeiro arman e promoven os ataques terroristas contra o pobo sirio, e despois utilizan a situación creada como escusa para invadir o país. Agora mesmo, ante a constatación dos avances do goberno sirio, os Estados Unidos e os seus aliados veñen de propor a intervención militar directa, o que terá consecuencias dramáticas para a poboación e para a paz internacional.

A propaganda de guerra recorrerá a todas as escusas necesarias para xustificar un salto cualitativo na súa ofensiva militar, que non ten máis obxetivo que defender os intereses estratéxicos das potencias imperialistas. Repiten o procedemento aplicado en moitos outros países, afirmando que é necesario bombardear á poboación civil para defendela. Os resultados deste imperialismo revestido de humanitarismo están á vista en todos os países nos que se aplicou: millóns de mortos e desprazados, aumento xeneralizado da violencia, a pobreza e a corrupción, reforzamento das posturas máis sectarias e regresivas, e entrega dos recursos ao servizo de intereses foráneos, por medio de oligarquías mafiosas involucradas en tráfico de armas, drogas e persoas.

Non podemos agardar algo diferente para a Siria. Cando falen de armamento ilegal, teremos que lembrar que son os mesmos que ían destruir as armas de destrución masiva en Iraq, o que se demostrou como unha mentira deliberdada. Cando falen de axudar a poboación, teremos que sinalar que o mesmo pretendían en Libia, cando bombardearon o país para dar a volta ao conflito e chegar hoxe a se apoderar do seu petróleo. Cando falen de democratización, pensemos no goberno titere imposto en Afganistán pola OTAN e na ocupación militar que aínda padece. Cando argumenten a necesidade de responder ante a utilización de armamento prohibido, podemos repasar o historial dos que se proclaman xendarmes mundiais: os únicos que se atreveron a utilizar armamento atómico dúas veces, os que devastaron o Vietnam con axente naranxa, os que empregaron armas de uranio empobrecido contra a Xugoslavia, os que si utilizaron armamento químico en masa na toma de Fallujah no Iraque. Só o máximo cinismo permite ás potencias imperialistas apresentarse agora indignadas ante un ataque sem demostrar, que só beneficia ao chamado bando "rebelde" -con indicios de que foi este o que empregou as armas químicas- e no momento no que os inspectores da ONU aínda examinan os feitos.

Panorámica da concentración de Compostela
En realidade, os obxetivos dos Estados Unidos e os seus aliados son outros, e inscríbense nunha estratexia de guerra interminábel que non ten ningunha relación coas lexítimas aspiracións de liberdade, independencia e xustiza dos pobos da rexión. A historia demostra que as potencias imperialistas non promoven intervencións militares inocentes nin humanitarias, senón operacións de saqueo e dominio, agravadas na actual etapa de crise estrutural do capitalismo. Controlar militarmente o país e apoderarse dos seus recursos é un vello obxetivo dos planos estadounidenses, que pretenden reforzar o seu dominio na rexión, preparando e anunciando xa os vindeiros ataques contra o Líbano ou Irán, e prolongando a súa alianza cos réximes máis reaccionarios e inxustos, os da Arabia Saudí e Catar, así como co terrorismo de Estado israelí que mantén a ocupación e o apartheid da Palestina.

A agresión en curso contra Siria tería gravísimas consecuencias para unha rexión xa torturada, empobrecida e agredida, e constituiría unha nova violación do Dereito Internacional en virtude da lei do maís forte. É urxente que todos os pobos do mundo actuemos en contra do imperialismo, en defensa da paz, a liberdade e o soberanía dos pobos.

As organizacións presentes denunciamos, desde Galiza, a complicidade do goberno español nestes novos planos agresivos e esiximos que se respete o dereito de cada país a resolver os seus problemas internos desde a negociación e o diálogo, a partir do respeito da independencia e soberanía do pobo sirio, e contando tamén cos dereitos do esquecido pobo curdo. Comprometémonos a continuar a mobilización e resistencia frente a guerra e o imperialismo.

Na Galiza, agosto de 2013

***

Podes ver aquí imaxes das concentracións na Galiza.

Podes ver aquí imaxes de mobilizacións no mundo .

domingo, 1 de setembro de 2013

Contra o imperialismo, Galiza co pobo sirio!

As últimas informacións sobre o ataque imperialista contra Siria non deberían enganarnos. A negativa do Parlamento británico a apoiar a loucura promovida polo primeiro ministro David Cameron non parecen ser freo de ningún tipo para Franza, que xa anunciou o seu apoio incondicional á intervención, nen para os Estados Unidos, cuxo presidente, o ridículo Nobel da Paz Barack Obama anunciou a súa decisión de intervir militarmente.

O que falta por saber é cal será o momento en que a maquinaria de guerra occidental entrará definitivamente en funcionamento, despois de meses apoiando loxisticamente os autoproclamados «rebeldes» en connivencia con Israel, Arabia Saudita e Catar. Do que non cabe dúbida é de que a decisión está tomada e que salvo que a presión no sentido contrario sexa a suficiente, ese ataque imperialista se producirá máis cedo que tarde. Non hai mais que ver a tomada de posicións que están realizando



Por iso, de Mar de Lumes, entendemos fundamental manter con mais razón aínda as convocatorias de concentracións solidarias co pobo sirio e de repulsa ao imperialismo que están xa convocadas na Coruña, Compostela e Pontevedra e participar con mais intensidade nas asembleas que se están organizando de cara a concretar os actos de repulsa en Vigo, Lugo e outras cidades do país.

Estas son, polo momento, as accións programadas.
  • A Coruña. Luns 2, 20h30. Praza de Ourense. Concentración
  • Compostela. Luns 2, 20h30. Praza do Toural. Concentración
  • Foz. Luns 2, 20h30. Praza do Concello. Concentración. 
  • Pontevedra. Luns 2, 20h30. Praza da Peregrina. Concentración.
Agárdase que, para vindeiros días se produzan tamén concentracións de repulsa en Vigo, Lugo, Ferrol e Ourense, aínda non confirmadas, mais onde tanto Mar de Lumes como outras organizacións convocantes están xa en contacto. 

Estas accións han de vir somarse ás condenas que noutros países están facendo públicas outras organizacións de solidariedade, países como os membros da ALBA e movementos sociais diversos, mais convencidos de que sexa cal sexa o momento escollido, un ataque imperialista non é mais que unha criminal demostración da barbarie do sistema. 

Imperialismo fóra de Siria! 
Pola paz e a soberanía dos pobos. 


mércores, 28 de agosto de 2013

Imperialismo fóra de Siria. Soberanía para os pobos.

Ás portas dun novo episodio bélico perfectamente guionizado polos seus principais instigadores -os EEUU, as principais potencias occidentais e os seus aliados na rexión- cómpre artellar desde xa unha resposta desde Galiza a esta nova agresión imperialista.

O conflito sirio non empezou onte, nen é consecuencia do suposto emprego de armas químicas nos últimos días de agosto -un extremo que nen sequera está a ser demostrado; e menos que o goberno sirio teña sido o causante-. Moi ao contrario, son xa mais de dous anos que este país vive nunha chamada guerra civil que non é mais que unha guerra desas potencias polo control dunha zona -e dos seus recursos- e que tivo os seus episodios anteriores nas guerras de Iraq, Afganistán ou Libia con resultados desastrosos para as poboacións. E que, non o esquezamos, prepara novos episodios no Líbano ou Irán cando sexa reducida Siria.

Durante este tempo os Estados Unidos, Franza, Reino Unido ou Israel veñen prestando apoio militar, loxístico e fundamentalmente de intelixencia ás milicias armadas. Como podería contar a oposición de calquera parte do mundo con armamento suficiente para manter unha guerra aberta contra o exército regular do seu país? Existen probas abondo de todo isto, de como os “rebeldes” están sendo apoiados, financiados, armados e presentados no exterior como o goberno lexítimo para soster artificialmente este conflito.

É entón o inminente fracaso desta estratexia, ao estar o goberno sirio avanzando decisivamente no terreo militar e de estabilización de zonas antes en conflito o que provoca este cambio de urxencia cara a unha iminente intervención militar da OTAN. Unha situación calcada ao acontecido en Libia cando o goberno estaba a punto de gañar a guerra ás portas de Bengasi e a OTAN bombardeou o país e posibilitou unha vitoria patrocinada que destruiu o país. Claro que o petroleo libio agora flúe na dirección correcta e os focos dos medios están agora debidamente apagados para non ferir as nosas sensibilidades nen relatar a situación do país, unha vez conseguido o obxectivo real. Esa situación pódese repetir agora en Siria se non somos quen de presionar os nosos gobernos para pararmos un novo xenocidio.

Así estes días asistimos á teatralización dos gobernos occidentais sempre tan hipocritamente preocupados polos dereitos humanos, mais só nos países que non son obedientes aos seus ditados, e decididos a combater a inxustiza en Siria, pretendendo ser xuíces e parte nun macabro xogo no que sempre foron o principal actor do conflito. O penoso papel dos medios de comunicacion ao servizo da propaganda de guerra pretende neutralizar a resposta popular para que non se repita o que pasou con Iraq, cando millóns de persoas en todos os países do mundo se mobilizaron contra esa guerra.

É por iso que compre dar resposta a esta nova agresión a un país soberano que ten que resolver os seus problemas internos desde a negociación e o diálogo, algo inviábel se continúa a ser no exterior onde está poder de decisión real desa chamada “oposición”.

Pola nosa parte, desde Mar de Lumes, iniciamos unha campaña de denuncia desta nova escalada imperialista e facemos un chamamento a unha resposta mobilizadora que se concretará nos vindeiros días. Asimesmo sumarémonos ás iniciativas xa en marcha.




mércores, 8 de maio de 2013

NON Á GUERRA! Paremos a agresión imperialista contra Siria

Hoxe, 8 de maio, tres días máis tarde do criminal bombardeo de Israel sobre Damasco, MAR DE LUMES — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista realizamos un acto simbólico de repulsa, exixindo o fin das inxerencias externas e das agresións contra a Siria. A continuación, a nosa declaración de condena:


Hai 3 días, o 5 de maio, fortes explosións sacudiron Damasco, a capital de Siria, producidas por míseis lanzados desde Israel. O resultado foi a morte de ducias de persoas e a entrada xa claramente descuberta de Israel no conflito, no que constitúe un novo crime do ente sionista na rexión.

O novo ataque israelí prodúcese nun momento en que, segundo todas as fontes, as forzas armadas sirias estarían a recuperar o control de importantes áreas anteriormente dominadas polos grupos favorábeis ao golpe de Estado coa axuda encoberta do proprio Israel, dos EUA e da UE. Ademais, pon ás claras cómo a guerra en Siria non pode explicarse unicamente por cuestións internas, senón que se trata dunha agresión instigada, fomentada e apoiada loxisticamente desde o exterior, armando a oposición e pretendendo ocultar o papel dos Estados Unidos, de Israel, de Arabia Saudita, de Qatar, de Turquía, e dalgúns países da Unión Europea —particularmente a Franza e o Reino Unido—, cuxos intereses na rexión distan claramente de seren os do pobo sirio. Así o fixeron anteriormente en Libia, disfrazando o imperialismo de guerra civil, para non teren enfrente a oposición da opinión pública que sufriron coas guerras no Iraq e no Afganistán. Rematada a guerra e arrasada Libia o foco mediático —necesario para xustificar a intervención— desapareceu e o petróleo flúe hoxe cara a occidente sen atrancos. Teñamos claro, máis que nunca, que o obxectivo en Siria non é diferente do obxectivo nestes países: dobregar e destruir un estado que non rematou de entrar nunca no xogo xeoestratéxico do imperialismo na zona.

Estas explosións verifican as ameazas que Israel e os Estados Unidos viñan deitando nas últimas semanas a respeito dunha intervención directa en Siria. O ataque israelense, precedido de varios anteriores, silenciados polos principais medios de comunicación en occidente, constitúe un intento do capitalismo imperialista de expandir e escalar o conflito na rexión, co obxectivo de incluir o Líbano e Irán. Preténdese así criar un escenario favorábel para uns planos de guerra decididos desde hai tempo, que só están á espera do momento máis oportuno para seren postos en práctica.

O goberno sionista de Israel retrátase, máis unha vez, como a principal ameaza para a paz na rexión, non só polo seu ataque sobre Damasco, como tamén pola súa ocupación criminal da Palestina, dos Montes do Golán sirios e das libanesas Quintas de Shebaa, e polas súas reiteradas agresións contra as proprias Palestina, Líbano, Iraq e, agora, Siria.

Por todo isto, desde MAR DE LUMES — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista expresamos a nosa solidariedade co agredido pobo sirio; condenamos o ataque de Israel sobre Damasco por se tratar dunha forma particularmente cruel e irresponsábel de inxerencia externa; e exiximos:

1) O fin das accións de agresión imperialista levadas a cabo por Israel, os Estados Unidos, a Unión Europea, e os seus aliados na zona, de Xordania ou Qatar á Arabia Saudita.

2) O fin das sancións internacionais contra Siria e a procura dunha saída negociada, sen tutelaxe imperialista, que conte con todos os axentes en conflito incluindo, tamén, o esquecido pobo curdo.

3) O fin dos acordos de cooperación cultural e económica con Israel, por parte do estado español e, notadamente na Galiza, os levados a diante por diversos concellos.

En Compostela, 8 de maio de 2013.