A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta imperialismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta imperialismo. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de xuño de 2016

Non ao golpe de Estado no Brasil!


O Brasil está a vivir un golpe de Estado con todas as letras. Pode que non saísen os tanques ás rúas nen se observe violencia política directa — como tristemente estamos afeitos a ver na maioría dos casos de golpes deste tipo — mais o certo é que un cambio así no modus operandi tampouco impide definir a situación como o que é: un golpe contra o goberno eleito e, especificamente, contra a presidente Dilma Rousseff, que vén de ser destituída e substituída por políticos corruptos (varios deles, condenados) ao servizo dos intereses do capitalismo internacional. 

Non só se trata, pois, dun golpe de Estado. Trátase dun ataque imperialista, que, cunha dinámica diferente á de Honduras, Paraguai, Arxentina ou a Venezuela, responde no fondo ao mesmo obxectivo: paralisar a segunda independencia dos pobos da América do sul, arruinar os avanzos  no proceso de integración latinoamericana e as orientacións antiimperialistas dos gobernos progresistas do subcontinente e converter a América Latina, de novo, no quintal traseiro dos Estados Unidos. 

De todo isto, e das dinámicas internas presentes no caso concreto do Brasil, cunha dereita ultraconservadora que reacciona con racismo, machismo e clasismo ao continuo empoderamento das camadas populares desde o goberno de Lula, falamos este 3 de xuño con Jakson Renner, activista de Brasilegos Contra o Golpe, na libraría de mulleres Lila de Lilith. 



Subscrebe a nosa axenda solidaria!

martes, 15 de marzo de 2016

Solidariedade antiimperialista coas persoas refuxiadas e migrantes



O Comité Galego de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes expresa a súa solidariedade coas persoas refuxiadas e migrantes, vítimas dos conflitos e expolios imperialistas causados pola OTAN, a Unión Europea e os seus aliados, principais actores do imperialismo en Oriente Medio e outras rexións do planeta, que provocan morte, destrución, miseria e padecementos a millóns de seres humanos, desde Siria a Ucraína, pasando por Iraq, Afganistán, Libia, Palestina, Sudán, Congo, Haití e unha interminábel lista de países sometidos ao saqueo do capital transnacional.

Apoiamos a súa exixencia de condicións humanas dignas e de respecto para os seus dereitos humanos. Desde unha posición antiimperialista e internacionalista denunciamos a política criminal e hipócrita da Unión Europea e dos seus gobernos que, por unha banda levan a guerra e a destrución ao norte de África e a Oriente Medio, causando directamente a traxedia do exilio e a migración de millóns de persoas, mentres pola outra choran bágoas de crocodilo e láianse dos meniños que morren afogados nas augas do Mediterráneo. A Unión Europea que predica a libre circulación das persoas, só ten en mente, en realidade, procurarlle ao Capital unha reserva de persoas desesperadas, sen dereitos, nin recursos, predispostas a aceptar a calquera prezo, calquera traballo; unha inmensa reserva de man de obra para premer á baixa os salarios e os dereitos sociais en todos os países, para aumentar os lucros da oligarquía financeira.

Esiximos, xa que logo, o cese inmediato de todas as intervencións imperialistas de Estados Unidos, da OTAN e da UE, a disolución da OTAN, e a devolución aos pobos dos recursos naturais para o seu desenvolvemento soberano e acorde cos intereses da poboación traballadora, para a reconstrución dos seus países e a prosperidade dos seus habitantes.

Esiximos que os recursos que se empregan para a guerra sexan usados para o benestar e a mellora das condicións de vida de migrantes e refuxiados, nos seus países de orixe, para evitar a traxedia do exilio e das rupturas de comunidades e familias.

Denunciamos o racismo, a xenofobia e o neofascismo como instrumentos do capital para dividir os pobos, opoñendo uns traballadores contra outros para maior beneficio das clases dominantes da Unión Europea, e chamamos a combatelos na súa matriz orixinaria: o capitalismo.

Esiximos a abolición do Espazo Schengen, da Frontex e de todas as medidas represivas da UE nas súas fronteiras.

Esiximos a creación de centros de recepción dotados de condicións dignas de persoal e infraestrutura para a atención médica, aloxamento, alimentación, seguridade e coidados psicolóxicos, e que garantan unha viaxe segura das persoas refuxiadas até os seus puntos de destino final.

Unha auténtica solidariedade coas persoas refuxiadas implica desenmascarar os hipócritas causantes dese drama. Os asasinos teñen nome: a OTAN e a UE.

Non ás guerras imperialistas!
Abaixo o réxime de Erdogan, lacaio da OTAN!
Alto á política hipócrita da UE!

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

domingo, 26 de xullo de 2015

Abonda xa de agresións turcas contra o Curdistán en loita contra o Daesh

Só uns días depois do masacre de Suruç, na noite do 25 para o 26 de xullo, coa escusa de atacar posicións do Daesh na Siria, Turquía decidiu bombardear as posicións das milicias curdas que operan na área norte do Iraque precisamente contra o Daesh. A acción de Turquía, que se produce do xeito máis reprobábel, con 400 bombardeos en apenas unha noite, mentres deixa o Daesh avanzar libremente en İncirlik, evidencia a hipocrisía absoluta con que se moven as forzas imperialistas da OTAN, empeñadas en producir, pola forza, unha reconfiguración nesa rexión que resulte funcional ás súas necesidades de rapina e control. O povo curdo, cuxa resistencia fronte ao totalitarismo do Daesh e, á vez, contra os intentos de aniquilación por parte — principalmente, mais non só — da Turquía, se está a converter en exemplo para o mundo, volve ser golpeado por quen di loitar ao seu carón.

O PKK, Partido dos Traballadores do Curdistán e principal suporte das milicias curdas (HPG - Forzas de Defensa do Povo) en toda a rexión, acusou Turquía de "agresión de guerra" e deu así por finalizada a tregua que mantiña precisamente co Estado turco desde 2012, que era en troca dunha democratización e duns avances nas relacións turco-curdas que nunca se verificaron. Ao contrario, nestes últimos bombardeos, resultou morto un dos combatentes curdos, Onder Aslan, e outras tres persoas resultaron feridas.

Novamente, esta acción demostra que o Curdistán xamais atopará no Estado turco un aliado, nen aínda en condicións onde, segundo Ankara asegura, partillan inimigo e a ameaza é inminente. Mais o Curdistán non está só. A solidariedade, exercida desde todos os recunchos do planeta, tanto por persoas a nivel individual como colectivamente en organizacións de solidariedade como Mar de Lumes, xoga un papel: espallar a realidade dun conflito onde o Daesh non é o que nos contan os grandes medios de comunicación, e onde o povo curdo loita por exercer o seu dereito a vivir libre e en paz.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

sábado, 2 de maio de 2015

Mar de Lumes perante o aniversario da matanza de Odesa

Mar de Lumes chama a denunciar o papel colaboracionista do imperialismo representado nos Estados Unidos de América e a Unión Europea e á practica da solidariedade internacionalista co pobo agredido pola Xunta golpista de Kiev.

Perante o primeiro aniversario da matanza de Odesa protagonizada por militantes neonazis na Casa dos Sindicatos e que levou por diante a vida de 47 persoas deixando 214 feridos o 2 de maio de 2014, Mar de Lumes quer enviar un saúdo fraterno e solidario a familiares, amigos e militantes antifascistas desta rexión.

Após un ano do golpe de estado coñecido como “Maidán” Ucraína é gobernada por unha Xunta criminal amparada e financiada polas potencias occidentais. Un ano no cal os novos axentes do Poder — singularmente Pravi Sektor e Svoboda — fixeron uso das forzas armadas e de batallóns paramilitares de corte nazista acosando a poboación que se manifestou contra o golpe de Estado e contra a imposición de leis que favorecen a entrada da Ucraína na Unión Europea e na NATO.

Desde Mar de Lumes queremos lembrar as vítimas da matanza de Odesa, decenas de persoas que foron agredidas, torturadas e queimadas por centos de ultras neonazis na Casa dos Sindicatos daquela cidade. Uns neonazis que a día de hoxe continuan sen ser xulgados. Tamén queremos lembrar as máis de 5000 persoas asasinadas desde que o goberno fascista de Kiev iniciou a súa intervención armada no leste do país baixo a hipócrita denominación “Operación ATO” ou “Operación Antiterrorista”, promovida polo imperialismo e cun obxectivo claro: impedir, por calquera medio, a independencia das rexións insurxentes do Donbass e liquidar a poboación descendente de rusas e rusos que é maioritaria na zona.

Por último, Mar de Lumes chama a denunciar o papel colaboracionista do imperialismo representado nos Estados Unidos de América e a Unión Europea e á practica da solidariedade internacionalista co pobo agredido pola Xunta golpista de Kiev.

— Galiza, 2 de maio de 2015.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

venres, 20 de marzo de 2015

Venezuela é a esperanza dos povos - Comunicado de Mar de Lumes


O 9 de marzo, o presidente dos Estados Unidos, Barack Obama enviou unha carta ao Congreso do seu país na que anunciaba a aplicación da lei estadounidense de facultades económicas para casos de emerxencia internacional, asegurando que o proceso bolivariano en curso na Venezuela representaba, textualmente, unha «inusual e extraordinaria ameaza á seguranza nacional e á política exterior dos Estados Unidos». Non é a primeira vez que os Estados Unidos operan deste xeito. Tampouco é a primeira vez que o fai Obama, ridiculamente recoñecido co premio Nobel da Paz, como se pode comprobar no caso da Siria ou de Irán — países ambos contrarios, como a Venezuela, á unipolaridade global e á hexemonía de Washington e do seu bloco imperialista.

Mais a iniciativa da presidencia dos Estados Unidos non fica só na xa por si máis do que dubidosa lexitimidade para sancionar funcionarios estranxeiros que non deben calquera tipo de submisión ou obrigación ao goberno norteamericano, senón exclusivamente á Constitución venezuelana. Non fica aí porque se ten demostrado, noutras ocasións, como prerrequisito e paso previo a unha serie de accións de ataque que van moito alén das palabras: bloqueos económicos, sancións, confiscacións e, en caso de necesidade, mesmo agresión militar directa. Medidas todas elas que producen prexuízos, dor, e até morte.

Fracasado o particular modus operandi do “golpe de Estado continuado” que procuraba a desestabilización do goberno lexítimo por medio de violencia de rúa, guarimbas e acusacións falsas — e no que xogaron e xogan un papel fundamental os medios de comunicación internacionais como claros mercenarios ao servizo do imperialismo — e fracasado tamén o intento de golpe de Estado convencional que pretendía asasinar o presidente eleito Nicolás Maduro, así como atacar instalacións do goberno e da emisora TeleSur; aos Estados Unidos e aos seus parceiros europeos só lles resta a declaración fáctica de guerra que veñen de facer, aínda cando non sexa formal nen oficial.

Venezuela, porén, é un pobo de paz. Así o lembraba o Presidente Maduro nunha carta aberta dirixida ao pobo dos Estados Unidos: “En dous séculos de independencia, nunca atacamos outra nación. Somos un povo que vive nunha rexión de paz, libre de armas de destrucion maciza [...] Defendemos o respeito á lei internacional e á soberanía de todos os povos do mundo”. Non poden dicer o mesmo os Estados Unidos, tristemente. O seu historial é un regueiro interminábel de sangue: ocupacións, guerras, magnicidios, bloqueos económicos e terrorismo exercido através de organizacións fantasma, sempre coa escusa da liberdade e da autodefensa, mais sempre co obxectivo real de se apoderar de recursos estratéxicos necesarios para o modo de vida irracional do mundo rico, ou de colocar gobernos títeres que permitan ameazar axentes maiores opostos á súa a hexemonía. Unha hexemonía, en resumo, que levan décadas a impor polas armas, e que agora pasa por submeter Venezuela e terminar coa Revolución Bolivariana.

Diante disto, a Venezuela non está soa. O inmenso traballo pola integración da América Latina e do Caribe fronte ao bloque dirixido por Washington que tiña impulsionado de forma excepcional o Presidente Hugo Chávez é hoxe unha realidade cohesa e firme, que continúa a se fortalecer e se facer máis profunda da man dun liderado partillado con outras nacións sudamericanas e do Caribe. Demóstrano as declaracións e chamamentos á paz e contra as ameazas norteamericanas feitas desde organismos como a ALBA-TCP, UNASUR e a CELAC e, singularmente, desde cada un dos Estados que as conforman e que cobren todo o hemisferio da Nosa América.

Tampouco está soa Venezuela alén da América. Por todo o mundo — tamén no noso país —, organizacións e persoas están a se unir nunha exixencia unánime: que a Venezuela debe ser respeitada. É por iso que, de Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, aderimos a esta maré inmensa de solidariedade que avanza e exixe Paz. E non unha paz en abstracto, senón unha Paz firme e douradoura, que só pode ser atinxida cumprindo cada unha das condicións que a tornan factíbel, a comezar polo respeito absoluto á soberanía dos povos e polo fin do bloque imperialista e de todas as súas accións en todos os recunchos do planeta. Como dixo Simón Bolívar:

“Independencia ou nada”!

Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Galiza, 19 de marzo de 2015


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

venres, 13 de marzo de 2015

"Nós non lles exiximos aos EUA que muden o seu sistema social. Eles non nolo poden exixir a nós"

De esquerda a direita: Moncho Leal (Fco. Villamil), 
José Antonio Solana (Cónsul Xeral) e Pedro Cortegoso (Mar de Lumes)

Na tarde de onte, día 12 de marzo, celebramos na facultade de Belas Artes de Pontevedra unha palestra sobre a actualidade cubana da man do compañeiro Moncho Leal da Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil e do Cónsul Xeral da República de Cuba en Galiza, José Antonio Solana.

Leal e Solana referíronse ao novo tempo político e social que se abre en Cuba após os Estados Unidos teren recoñecido a ineficacia do bloqueo para conseguir os seus intereses imperialistas e despois da histórica declaración simultánea de boa disposición a abrir diálogos que deberían levar a restabelecer as relacións diplomáticas. A ese respeito, o Cónsul Xeral lembrou que as conversas están unicamente nunha fase preliminar e que as relacións continúan bloqueadas na medida en que a Casa Branca non decretou o fin do bloqueo nen das restricións que impón desde hai cinco décadas contra a illa.

Houbo tamén ocasión de deixar claros cais son os limites que os negociadores cubanos porán nas conversas: a non inxerencia e o respeito á independencia e á soberanía de cada un dos países. Tal como declarou o Cónsul: "Nós non lles exiximos aos EUA que muden o seu sistema social. Eles non nolo poden exixir a nós".

Desde Mar de Lumes, como organización anti-imperialista e como non pode ser doutro xeito, saudamos as novas posibilidades que se abren para o desenvolvemento de Cuba, non só en relación aos Estados Unidos — sendo cientes de que alén da metodoloxía, o seu obxectivo, que é apoderarse da illa, permanece intacto —, como tamén en relación á actualización dos mecanismos económicos e sociais para continuar a afondar na vía do socialismo e da soberanía dos povos.



 

Subscrebe a nosa axenda solidaria!


domingo, 1 de febreiro de 2015

Colombia: o dilema a definir entre todos

Nos últimos tempos téñense xerado enormes expectativas sobre o proceso de paz en Colombia que están a negociar na Habana representantes do goberno daquel país e das FARC-EP. Tras a tregua unilateral e indefinida decretada pola guerrilla consideramos de enorme interese reproducir este texto de Timoleón Jiménez, Xefe do Estado Maior Central das FARC-EP botando luz sobre a situación actual e das necesidades do proceso.

De acordo co informado pola grande prensa, ás tres da tarde do día 5 de febreiro terá lugar unha reunión entre a Unidade Nacional, o alto mando militar colombiano e o ministro da defensa, na cal a coalición do goberno do Presidente Juan Manuel Santos comunicará á cúpula castrense que as forzas armadas oficiais non serán as perdedoras na asinatura dun acordo final coas FARC, co obxectivo de as tranquilizar para que non se opoñan ao proceso de paz.

O acordo sobre a referida reunión xurdiu doutra reunión celebrada en palacio entre os voceiros da Unidade Nacional, o ministerio de defensa e o propio Presidente da República. Alí terían decidido a necesidade de blindaren as forzas armadas de maneira tal que non vaian resultar prexudicadas polo pactado en materia de xustiza na Mesa da Habana. E é esa determinación a que se pensa dar a coñecer ao corpo de xenerais na data mencionada.

Aténdonos ao informado publicamente, ademais das garantías xudiciais aos militares no pós-conflito, nesa reunión tratarase o trámite do proxecto en curso sobre foro penal militar e o compromiso oficial de o sacar adiante, alén de calar as voces que dentro das forzas militares teñen manifestado disimuladamente a súa disconformidade cos desenvolvementos do proceso de paz que se adianta coas FARC-EP na Habana.

Nesa tripla dirección, o senador Roy Barreras, protagonista central da reunión preparatoria, declarou ante os medios que se aplicarán beneficios de xustiza transicional a guerrilleiros e militares, pero non coa mesma vara de medir. Deberá haber un capítulo especial para a forza pública. No mesmo sentido, o senador Armando Benedetti saíu a dicir que haberá que buscar unha xustiza transicional para os militares, na cal eles teñan dereito a un indulto.

É dicir, que haberá dúas xustizas transicionais completamente diferentes: unha para a insurxencia e outra para os integrantes das forzas armadas. Pola súa banda, tamén escoitamos declaracións do voceiro oficial na Mesa por parte do goberno, Humberto de la Calle, nas que se refire ás diferenzas coas FARC en materia de xustiza transicional e aos esforzos que haberá que realizar para as superar e atinxir un punto de encontro.

Tamén soubemos uns días atrás da rolda de prensa concedida polo xeneral Óscar Naranjo ao redor das próximas sesións da Mesa, os mecanismos a implementar e a forma como se haberán de desenvolver as discusións. Todo o anterior deixa claro que existen definicións por parte do goberno nacional en todas as materias pendentes, sobre o cal non dubida en informar o público, malia non ter tratado nen concertado nada aínda a respeito diso connosco.

Xa se manexa na prensa o contido que terán as discusións da Subcomisión Técnica sobre o fin do conflito, malia que as delegacións das partes na Habana aínda non abordasen o tema do mandato que deberá ter a referida subcomisión para o seu traballo. Do mesmo xeito, axítase o debate arredor da conformación ou participación das FARC nun corpo de policía ou xendarmería rural cando tal asunto nen sequera foi mencionado na Mesa.

Todas esas cuestións deben orixinarse, cremos, no afán do goberno nacional por tranquilizar diversos sectores ou grupos de interese relativamente ao que, no fin das contas, podería saír da Mesa. A actitude do Presidente Santos após o seu retiro espiritual de Cartaxena parece dirixida a fortalecer ao máximo no ánimo da nación a vontade de apoiar o proceso de paz da Habana, e iso está ben. O discutíbel é se para o facer convén axitar tanta expectativa incerta.

No pasado, houbo unha posición tan radical por parte do goberno con relación á divulgación dos contidos que se discutían na Mesa, insistiuse tanto na denominada confidencialidade e na inconveniencia de se referir en público a temas delicados pendentes de abordar, que a repentina actitude contraria non deixa de chamar a atención. Máis cando aparece ligada ás présas, prazos e conxunturas electorais mediante as cais parece que se tenta presionarnos.

Supomos que o goberno do Presidente Santos sabe ben o que está a facer, aínda que non deixa de nos intranquilizar. Sería inxusto da nosa parte non recoñecer a boa vontade oficial en colaborar e mesmo facilitar cada un dos movementos que foi necesario realizar tanto para a recomposición da nosa delegación como para a integración da Subcomisión Técnica. Niso o Presidente e demais autoridades demostraron grande seriedade. E debe recoñecerse.

Aínda que no noso parecer, esa mesma seriedade pode ser cuestionada ao observar o mar de especulacións que circulan, entre outros, sobre os temas a que nos referiamos. Ou por exemplo nun asunto tan crucial como o do cesar-fogo bilateral. Tras recoñecer o cumprimento pola nosa banda do compromiso adquirido a partir de 20 de decembro do ano anterior, o Presidente insinuou formalmente que a súa bilateralidade sería un próximo obxecto de discusión.

Isto, cando na realidade estaba a se referir ao pactado no Terceiro Ponto do Acordo Xeral sobre o final do conflito, é dicir: o cesar-foto bilateral que haberá de ter lugar cando se asine un acordo final que, a verdade, non sentimos tan próximo. Continuamos a sofrer permanentes arremetidas por parte das forzas armadas regulares, derramando sangue guerrilleiro, que é sangue do pobo colombiano en loita. Así é moi difícil continuar.

Xa o dicía o Comandante Fidel Castro Ruz na súa máis recente mensaxe pública, ao se referir aos achegamentos entre os gobernos dos Estados Unidos e Cuba: defender a paz é un deber de todos. A humanidade enteira loita contra quen fixo da violencia e a guerra o mecanismo predilecto para acrecentar e defender as súas fortunas. A paz, realmente, é unha aspiración dos pobos secularmente sometidos polas armas dos propietarios.

É necesario que unha inmensa maioría de colombianos se poña en pé para facer saber á oligarquía gobernante que non está disposta a continuar soportando a súa guerra nen os seus crimes. Está ben: estamos dispostos plenamente a facer política polas vías pacíficas e civilizadas, mais para iso requírese que os donos do poder depoñan definitivamente a súa actitude e condutas violentas. Diso se fala na Habana, e ese cardinal dilema debemos definilo entre todos.

TIMOLEÓN JIMÉNEZ
XEFE DO ESTADO MAIOR CENTRAL DAS FARC-EP

Montañas de Colombia, 27 de xaneiro de 2015.

**Orixinal en Resumen Latinoamericano. Tradución para o galego de mardelumes.org

mércores, 17 de decembro de 2014

Liberados os últimos 3 cubanos encarcerados nos EUA, a solidariedade continúa

A data de hoxe, 17 de decembro de 2014, vén de se converter nun fito fundamental para Cuba e para todas as persoas e organizacións que exercemos a solidariedade co povo cubano. Veñen de ser liberados os últimos tres dos Cinco axentes encarcerados nos Estados Unidos por revelaren información sobre ataques terroristas contra Cuba.

Antonio Guerrero Rodríguez, Gerardo Hernández Nordelo e Ramón Labañiño Salazar foron liberados no día de hoxe, uníndose así a Fernando González Llort, excarcerado en febreiro e a René González Sehwerert, liberado en maio de 2014, ambos após cumpriren até o último minuto das súas condenas. Termina desta maneira, grazas á presión solidaria e ás negociacións levadas adiante pola diplomacia cubana, un dos episodios máis descarados e vergoñentos do liñamento anticubano dos Estados Unidos.

Estes cinco cubanos tiñan sido encarcerados nos Estados Unidos en 1998, após entregaren ao FBI documentación e gravacións de conversas de diversos grupos sobre ataques á illa preparados por opositores que operaban principalmente desde Miami e outras ciudades norteamericanas, como Luis Posada Carriles, autor confeso da voadura do voo 455 que produciu a morte de 73 civís en 1976, e que nunca foi xulgado. Diante das evidencias, a resposta dos Estados Unidos foi acusar os axentes antiterroristas de espionaxe e de comprometeren a seguranza interna norteamericana. A realidade, porén, é que os Cinco nunca tiveron como misión a espionaxe, senón apenas infiltrar os grupos de opositores que desde aquel país preparaban e financiaban accións terroristas, tal e como demostraron as gravacións entregadas. Durante o xulgamento, organizacións de solidariedade coa Revolución — e tamén outras, pouco sospeitosas de seren pró-cubanas, como Amnistía Internacional — denunciaron a falta de probas que demostrasen as acusacións feitas polos EUA e o acceso limitado dos acusados aos seus avogados e á documentación, bloqueando o seu dereito á defensa. Mesmo así, o xuízo concluíu con condenas desproporcionadas, convertendo o caso dos Cinco nun exemplo icónico da actitude do imperialismo contra Cuba.

Desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, unímonos ao resto de organizacións e persoas que en Galiza exercen a solidariedade con Cuba e expresamos a nosa alegría por esta boa nova e pola nova fase de relacións bilaterais que parece vir a abrirse, ao tempo que reafirmamos aínda con maior énfase o noso compromiso con Cuba e contra o imperialismo, que alén destas liberacións continúa agredindo o povo cubano por medio dun bloqueo criminal que tamén debe ser levantado. Do mesmo modo que René González tiña asegurado sentirse preso mentres os seus compañeiros permanecesen encarcerados, nós — como parte desa corrente da solidariedade — non podemos sentirnos libres mentres Cuba non poida libertarse do bloqueo imperialista e exercer o seu goberno de forma absolutamente libre e soberana.

Viva a Revolución cubana!
Vivan os povos que loitan!

Compostela, 17 de decembro de 2014
Mar de Lumes - CGSI

martes, 16 de decembro de 2014

As "revolucións de cores" ao servizo do capital, analisadas en Vigo

Mar de Lumes continúa a súa actividade de caracterización dos axentes que actúan no plano internacional e das técnicas de inxerencia no mundo, desta vez mediante unha palestra sobre as denominadas "revolucións de cores" que correu a cargo do activista da nosa organización Óscar Valadares.

Durante a palestra, identificáronse os obxectivos desas denominadas "revolucións", desde a do bulldozer en Serbia, en 2000, até o último intento, realizado este mesmo 2014 en Hong Kong, na China. Presentouse tamén o modus operandi deste tipo de procesos sociais e as súas ligazóns económicas con estruturas imperialistas como a NED, o IRI ou a USAID, e falouse da necesidade de o imperialismo proceder por vías indirectas como esta para xustificar posteriormente intervencións máis directas, mesmo por vías militares.

mércores, 2 de xullo de 2014

Nova vaga represiva contra a Palestina


A nova vaga represiva contra Palestina ordenada por Israel xa está aquí. Desta volta, tomando como pretexto o pretenso rapto de tres mozos na Cisxordania, o exército de Israel procede a novos bombardeamentos sobre poboación civil e, após asegurar ter identificado os suspeitosos daquel rapto, destrúe as súas casas e desata un novo terrorismo institucionalizado.

Amer Aby Aysa e Marwan Kawasme, acusados de estaren ausentes da súa casa desde o mesmo día que desapareceron os tres mozos xudeus, son desta volta o pretexto de Israel para desatar esta nova campaña represiva, que como sempre non se centra nos sospeitosos — que aínda non foron xulgados, ademais — senón contra todo o pobo.

O resultado desta nova vaga de castigo colectivo, con escusa ou sen ela, é varios palestinianos mortos, centos de detidos — que continúan detidos despois de Israel ter pretensamente identificado os suspeitosos — e varios predios e vivendas destruídas.

Nada muda en Palestina, portanto: Israel continúa exercendo o imperio da forza bruta con calquera escusa; a comunidade internacional continúa asistindo silenciosamente ao masacre lento e sistemático do pobo palestiniano; e os principais medios de comunicación continúan mostrando propositadamente un relato maniqueo e simplificado no que os bos son sempre os civilizados israelitas e o terrorismo vén sempre do lado palestiniano, no que de Israel nunca se mostran as matanzas senón os funerais de Estado, a compostura, as declaracións institucionais, e da Palestina nunca se mostra calquera estrutura social, senón apenas xente de cara cuberta lanzando pedras como se en lugar dun pobo agredido o único que houbese fose unha turba irracional de salvaxes.

Do que non cabe dúbida é de que a aposta de Fatah e Hamas pola reconciliación e polo necesario goberno de unidade nacional é unha causa de preocupación para Israel. E tampouco cabe dúbida de que Israel fará canto sexa capaz para impedir que a situación na Palestina se consolide — incluída unha nova campaña de terror.

»» Ler máis: Especial Palestina | Solidariedade coa Palestina

martes, 24 de xuño de 2014

Solidariedade internacionalista coa Ucraína antifascista!

Máis unha vez, como hai 70 anos, o fascismo volta percorrer a Europa. A criminal xunta que goberna hoxe a Ucraína, promovida e amparada polos monopolios europeos e norteamericanos, leva a cabo no leste do país unha campaña de limpeza étnica e ideolóxica, bombardeando a populación con fósforo branco e míseis causando a morte de centos de homes, mulleres e nenos.

Arseniy Yatsenyuk, primeiro ministro da Xunta fascista que goberna en Kiev

Desde o golpe de estado de febreiro, o goberno títere de Kiev desatou unha feroz campaña represiva contra milleiros de persoas, contando coa participación dun novo actor, a extrema dereita. Proba desta nova unión entre fascismo e capital é a colaboración conxunta das Forzas Armadas coas milicias da Garda Nacional representada polas organizacións “Praviy Sektor” e “Svoboda”. O masacre de Odessa ou a dura represión en cidades como Kharkov e Slaviansk fainos voltar a ollar atrás na historia, rememorando os tristes acontecementos acaecidos no rexime hitleriano.

Desde a nosa organización queremos destacar o papel xogado polo imperialismo nos movementos surxidos da praza Maidán, actuando neles claros intereses económicos e xeoestratéxicos que levaron  o fascismo e o nazismo a posicións hexemónicas. Após estas pretendas revoltas populares e democráticas vese o longo brazo da alianza EUA-UE que, para tentar tirar a Ucraína da influencia rusa, non dubida en armar e financiar o nazifascismo, en apoialo mediaticamente ou en se aliar con el.

Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista fai un chamamento a clase traballadora a exercer a máis ampla solidariedade co antifascismo ucraniano. A loita contra a besta fascista implica combater en todos os seus aspectos o capitalismo e as alianzas imperialistas que o promoven e sosteñen.

Non son pro-rusos, son antifascistas!
Galiza-Ucraína solidariedade!
Non pasarán!

Este 28 de xuño, participa connosco na Xornada Antifascista e Internacionalista!

mércores, 18 de xuño de 2014

Galiza con Canarias. Non ás prospeccións de petróleo!

Máis unha vez Canarias volta sufrir as garras do imperio colonial. O goberno español quere usar esta nación africana para compracer os intereses da oligarquía nun novo intento de maximizar os beneficios económicos ás costas do pobo.

A falla de soberanía e a dependencia do estado imperialista convértea nun peón estratéxico para transnacionais e gobernos capitalistas. Perante isto animamos a clase traballadora canaria a continuar saíndo ás rúas, tomar parte activa dos movementos populares e non agardar ningunha resposta institucional.

Canarias é unha nación rica en recursos naturais para poder desenvolver enerxías renovables sen necesidade de danar bruscamente o medio ambiente e polo tanto non depender dun recurso limitado e contaminante como é o petróleo. Acadar a soberanía política e económica ­polo tanto enerxética­ é un dos obxectivos que temos que alcanzar as nacións colonizadas para por freo ós intentos de destrución e exquilmación do noso medio ambiente.

Desde o Comité de Solidariedade Internacionalista Mar de Lumes queremos denunciar os intentos de extraccións de petróleo das costas canarias. Consideramos que gobernantes e empresas non tiveron en conta en ningún momento a opinión do pobo.

Defendemos un modelo enerxético limpo e sostíbel, respectuoso ca flora e ca fauna e que non hipoteque a todo un pobo. Por experiencia sabemos que estes grandes megaproxectos non deixarán cartos nin emprego, ao contrario, destrución e fin dun modo de vida tradicional en consonancia co medio ambiente.

Reivindicamos como organización soberanista e antiimperialista o dereito dos canarios e canarias a decidir sobre o que lles afecta, a defender con dignidade os intereses do pobo e confrontarse contra as aspiracións coloniais de gobernos e multinacionais. Non podemos facer outra cousa que sumarnos as reivindicacións da clase traballadora canaria, apoiar aos movementos populares e animar a construír país desde abaixo e a esquerda.

Desde Galiza enviamos un saúdo fraternal e internacionalista,

Non ás prospeccións petrolíferas!
Boicot a Repsol!
Canarias libre e socialista!

— MAR DE LUMES
Comité Galego de Solidariedade Internacionalista

martes, 18 de febreiro de 2014

Así se constrúen as mentiras sobre Venezuela

A propaganda de guerra é tan vella como a guerra mesma. Hoxe, a asunción da imaxe como "resumo de todas as cousas posíbeis" e o consumo de información reducida á mínima expresión — modelo Twitter — permiten un paso máis na descontextualización e na apropriación de imaxes para reforzar determinadas leituras políticas, notadamente cando a realidade non ofrece o material desexado. Non hai máis que lembrar aquela imaxe do fotoxornalista Marco di Lauro, feita durante a guerra do Iraque (2003) e utilizada pola BBC para ilustrar os mortos de Houla na Siria (2013). Foi o propio fotógrafo o que denunciou a falsificación da súa imaxe.

As violencia desencadeada pola oligarquía venezuelana para desestabilizar o goberno de Nicolás Maduro nos últimos días ofrece, neste momento, o mellor exemplo dese uso espurio da imaxe, cun sentido político evidente. Ainda mais: o uso de imaxes procedentes de outros lugares e conflitos confirma a ausencia da represión e do totalitarismo que esas oligarquías pretenden mostrar, e, ao mesmo tempo, reforza a liña pacifista da Revolución Bolivariana. Eis apenas cinco exemplos:


1. Esta imaxe utilizada por Daniela Frías correspondía, na realidade, a uns protestos contra o goberno neoliberal da Bulgaria.



2. Outra imaxe da "brutal represión" por parte da policía bolivariana, desta vez procedente dos disturbios de xuño pasado no Brasil.


3. Neste caso, a histórica cadea humana pedindo a independencia da Cataluña foi feita pasar por unha cadea humana da oposición no Estado de Táchira, que nunca se produciu.



4. Neste caso, as imaxes dun motín nun cárcere chileno ilustran a selvaxaría das forzas da orde do goberno.



5. Inclusive unha das fotografías de Loukanikos, o famoso can dos protestos da praza Syntagma de Atenas contra a troika e o neoliberalismo é utilizado.


domingo, 16 de febreiro de 2014

Non ao golpismo imperialista na Venezuela!

Manifestación baixo o lema «Pobo de paz» en Caracas
Libia, Siria, Ucraína e, agora, Venezuela. Nos últimos tempos estamos a asistir a unha serie de revoltas contra gobernos definidos pola súa histórica posición anti-imperialista, pretendidamente orixinadas sempre por causa das problemáticas específicas de cada un deses países, mais na realidade, dirixidas e alimentadas desde o exterior en grande parte ou na totalidade. Alimentadas non só economicamente, como tamén, en varios destes casos, con apoio loxístico, incluída a transferencia de armamento e de coñecementos militares, como nos casos da Ucraína e de Siria.

A recente vaga de violencia golpista nas rúas de Caracas contra a revolución bolivariana non responde senón a ese mesmo patrón: provocar un episodio de desestabilización que coloque o presidente Maduro e o seu goberno na diana da chamada comunidade internacional e, notadamente, dos Estados Unidos e da Unión Europea, que sempre se teñen manifestado contrarios ao proceso revolucionario e soberanista venezuelano. Desestabilizar o país para despois re-estabilizalo de acordo cos principios do ultraliberalismo e da súa materialización imperialista é, sen calquera dúbida, a folla de rota da oligarquía nacional e tamén dos seus parceiros internacionais, desexosos de reintroduciren no país os seus propios intereses económicos.

É para iso que foron mobilizados os sectores máis reaccionarios da burguesía e da oligarquía venezuelana que hai só uns días compartían cinicamente a preocupación do goberno pola crecente violencia nas principais cidades do país, e que antonte asasinaban varias persoas, ferían moitas outras e destruían predios e infraestruturas públicas en varios puntos da capital.

De Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista non só condenamos a violencia desnecesaria con que se ten pretendido desestabilizar o goberno bolivariano, senón tamén todo o entramado imperialista e corrupto que está por tras dos asasinatos e do caos que se pretendeu sementar. Aliás, como anti-imperialistas, non podemos facer outra cousa que apoiar o goberno bolivariano, o proceso revolucionario que lidera, e os planos de integración continental que desde o respeito pola soberanía dos pobos está a promover en toda a América do Sul.

Non ao golpismo imperialista na Venezuela!
Viva a Revolución Bolivariana!

venres, 6 de setembro de 2013

Unha semana de concentracións frente o ataque imperialista contra Siria

Ao longo desta semana, un conxunto de organizacións galegas unidas nas súas posicións antiimperialistas e de defensa da soberanía dos pobos, entre elas Mar de Lumes, convocamos concentracións nas cidades de Compostela, a Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo e a vila de Foz, denunciando a política militarista e criminal que no conflito sirio teñen levado a cabo os Estados Unidos, a Franza e a Gran Bretaña e tamén os seus aliados na rexión, notadamente Israel, Arabia Saudita e Catar.

Na suma de todas elas, perto de mil galegas e galegos amosaron na rúa o seu rexeitamento a esta nova agresión contra un estado soberano. A diferenza do conflito libio, onde a resposta foi morna e cativa, nesta ocasión a suma de vontades das diferentes organizacións en cada localidade fixeron posíbel que esta primeira resposta frutifique nos vindeiros días en acordos mais amplos para unha resposta mais contundente de seguir a escalada bélica.

Imaxe da concentración en Compostela
Non contentos con armar e apoiar no plano loxístico unha oposición artificialmente inflada e mobilizada, eses gobernos anuncian agora o seu desexo de invadir o país coa escusa ridícula de levar e implantar a democracia e a paz. Guerra para impor a paz: iso é o que nos queren vender.

Imaxe da concorrida concentración de Vigo
Frente ás súas mentiras, as organizacións convocantes destes actos de repulsa, así como a cidadanía que se congregou nos actos xa celebrados e nos que en vindeiros días se han producir, evidenciamos que o mundo non é tan unipolar como queren facernos crer e que na Galiza hai cidadanía crítica quen de protestar publicamente e exixir que as agresións imperialistas terminen dunha vez, que o capitalismo armado abandone a súa política de patio traseiro e que sexa respeitada, como principio básico das relacións internacionais, a soberanía política de cada povo.

De Mar de Lumes, o pasado mes de maio, xa denunciamos nun acto simbólico em Compostela a inxerencia estranxeira e a hipocrisia de denominar guerra civil, a secas, ao conflito sirio.

Eis o manifesto lido nas cidades galegas.

Imperialismo fóra da Siria!

Pola paz e a soberanía dos pobos.

A barbarie vén de ser anunciada por medio de novas ameazas de guerra. Resoan de novo os tambores, mais os Estados Unidos, Franza e Gran Bretaña xa levan moito tempo intervindo militarmente en Siria, por medio da entrega de armamento, apoio loxístico, adestramento e envío de milicias armadas desde o exterior. Este conflito, que desde hai dos anos é presentado nos medios de comunicación como un enfrontamento civil, é unha guerra encoberta creada, financiada e dirixida en todo o momento desde o exterior.

Imaxe da faixa despregada en Ourense

Non é mais que unha operación desas potencias polo control dunha zona -e dos seus recursos- e que tivo os seus episodios anteriores nas guerras de Iraq, Afganistán ou Libia. Primeiro arman e promoven os ataques terroristas contra o pobo sirio, e despois utilizan a situación creada como escusa para invadir o país. Agora mesmo, ante a constatación dos avances do goberno sirio, os Estados Unidos e os seus aliados veñen de propor a intervención militar directa, o que terá consecuencias dramáticas para a poboación e para a paz internacional.

A propaganda de guerra recorrerá a todas as escusas necesarias para xustificar un salto cualitativo na súa ofensiva militar, que non ten máis obxetivo que defender os intereses estratéxicos das potencias imperialistas. Repiten o procedemento aplicado en moitos outros países, afirmando que é necesario bombardear á poboación civil para defendela. Os resultados deste imperialismo revestido de humanitarismo están á vista en todos os países nos que se aplicou: millóns de mortos e desprazados, aumento xeneralizado da violencia, a pobreza e a corrupción, reforzamento das posturas máis sectarias e regresivas, e entrega dos recursos ao servizo de intereses foráneos, por medio de oligarquías mafiosas involucradas en tráfico de armas, drogas e persoas.

Non podemos agardar algo diferente para a Siria. Cando falen de armamento ilegal, teremos que lembrar que son os mesmos que ían destruir as armas de destrución masiva en Iraq, o que se demostrou como unha mentira deliberdada. Cando falen de axudar a poboación, teremos que sinalar que o mesmo pretendían en Libia, cando bombardearon o país para dar a volta ao conflito e chegar hoxe a se apoderar do seu petróleo. Cando falen de democratización, pensemos no goberno titere imposto en Afganistán pola OTAN e na ocupación militar que aínda padece. Cando argumenten a necesidade de responder ante a utilización de armamento prohibido, podemos repasar o historial dos que se proclaman xendarmes mundiais: os únicos que se atreveron a utilizar armamento atómico dúas veces, os que devastaron o Vietnam con axente naranxa, os que empregaron armas de uranio empobrecido contra a Xugoslavia, os que si utilizaron armamento químico en masa na toma de Fallujah no Iraque. Só o máximo cinismo permite ás potencias imperialistas apresentarse agora indignadas ante un ataque sem demostrar, que só beneficia ao chamado bando "rebelde" -con indicios de que foi este o que empregou as armas químicas- e no momento no que os inspectores da ONU aínda examinan os feitos.

Panorámica da concentración de Compostela
En realidade, os obxetivos dos Estados Unidos e os seus aliados son outros, e inscríbense nunha estratexia de guerra interminábel que non ten ningunha relación coas lexítimas aspiracións de liberdade, independencia e xustiza dos pobos da rexión. A historia demostra que as potencias imperialistas non promoven intervencións militares inocentes nin humanitarias, senón operacións de saqueo e dominio, agravadas na actual etapa de crise estrutural do capitalismo. Controlar militarmente o país e apoderarse dos seus recursos é un vello obxetivo dos planos estadounidenses, que pretenden reforzar o seu dominio na rexión, preparando e anunciando xa os vindeiros ataques contra o Líbano ou Irán, e prolongando a súa alianza cos réximes máis reaccionarios e inxustos, os da Arabia Saudí e Catar, así como co terrorismo de Estado israelí que mantén a ocupación e o apartheid da Palestina.

A agresión en curso contra Siria tería gravísimas consecuencias para unha rexión xa torturada, empobrecida e agredida, e constituiría unha nova violación do Dereito Internacional en virtude da lei do maís forte. É urxente que todos os pobos do mundo actuemos en contra do imperialismo, en defensa da paz, a liberdade e o soberanía dos pobos.

As organizacións presentes denunciamos, desde Galiza, a complicidade do goberno español nestes novos planos agresivos e esiximos que se respete o dereito de cada país a resolver os seus problemas internos desde a negociación e o diálogo, a partir do respeito da independencia e soberanía do pobo sirio, e contando tamén cos dereitos do esquecido pobo curdo. Comprometémonos a continuar a mobilización e resistencia frente a guerra e o imperialismo.

Na Galiza, agosto de 2013

***

Podes ver aquí imaxes das concentracións na Galiza.

Podes ver aquí imaxes de mobilizacións no mundo .

mércores, 19 de xuño de 2013

Non queremos base de drones en Rozas

Hoxe un grupo de activistas de Mar de Lumes — Comité de Solidariedade Internacionalista estivemos no aeródromo de Rozas, no concello de Castro de Rei, mostrando cun acto simbólico a nosa oposición ao uso militar destas instalacións —e tamén das de Ferrol e Compostela— e á súa cesión á sempre agresora OTAN. Eis o manifesto desta acción, que será divulgado na comarca de Lugo através de cartaces baixo o lema «A OTAN mata. Non queremos base de drones nas Rozas»
Xa nen as guerras son o que eran. Agora os señores do mundo xogan a teledirixir as súas maquinarias de morte e a lanzar bombas á distancia. Os ricos, máis unha vez, poderán apañar peixe sen se meteren no mar, sen se mollaren. Diso se tratou sempre. De dominar sen se expor, e de asegurar o control dos recursos alleos para continuar reducindo custos, para continuar engrosando as marxes de lucro. Diso vai o imperialismo e para ese obxectivo é que son fabricados os novos xoguetes do imperio: os drones contra os que xa a literatura distópica nos alertara: os drones que fabrican nestas instalacións que o Estado español, arrogándose o direito de uso do noso territorio, cede ás potencias imperiais do mundo para que proven e testen e aprimoren os seus deseños — uns deseños que invariabelmente conducen á ocupación e ao expolio, á miseria e á dependencia, e que invariabelmente se desenvolven a partir do monopolio da forza bruta para asegurar o sometemento dos povos do mundo.
A España, tan imperial como calquera outro estado deste clube ultracapitalista e sen escrúpulos, que xa participou na guerra no Iraque e na Libia, e que provabelmente vaia facer o mesmo en Siria, cede o noso país á OTAN para os seus experimentos: cede o aeródromo de Rozas para o deseño do armamento das guerras do futuro, cede unha parte do porto militar de Ferrol para operacións bélicas, cede a área militar do aeroporto da Lavacolla para que os avións que trasladan prisioneiros de guerra de Afganistán e Iraque para Guantánamo poidan repostar. Facendo todo iso non só colabora co sistema ao que nós tanto nos opomos, senón que nos torna partícipes indirectos das súas salvaxarías polo mundo adiante. E así o leva facendo nos diferentes conflitos nos que os estados imperialistas nos embarcan, o último contra Libia e anúnciandose xa o seguinte contra Siria.
Mais a nós non nos chegaría con ficarmos á marxe. Non nos chegaría con sermos simples espectadores do masacre. Quen só olla —dicía Franz Fanon— é covarde ou cómplice. E nós non queremos ser cómplices disto. Negámonos a participar, mesmo que sexa indirectamente e de forma por completo oposta á nosa vontade. Tampouco queremos ser covardes. Nacemos para nos opor ao imperialismo e para reclamar a soberanía de cada pobo. Estas son as dúas caras dunha mesma moeda: a única que temos.
Por iso hoxe, 19 de xuño, ás portas do aeródromo militarizado das Rozas, como cidadáns e cidadás galegas opostas ao imperialismo e á cesión do noso país para os planos estratéxicos da sempre agresora OTAN, desde Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista exiximos:

- o fin das provas con drones en Rozas e do acordo entre o Real Aeroclub de Lugo e o ministerio español de Fomento para o uso militar das instalacións; 
- a revocación do acordo que permite a cesión do porto de Ferrol para uso de embarcacións da OTAN en operacións bélicas; 
- o fin do uso militar do aeroporto da Lavacolla; 
- a saída da OTAN do Estado español e, consecuentemente, a finalización dos acordos de uso de instalacións na Galiza e tamén no resto do Estado.

mércores, 8 de maio de 2013

NON Á GUERRA! Paremos a agresión imperialista contra Siria

Hoxe, 8 de maio, tres días máis tarde do criminal bombardeo de Israel sobre Damasco, MAR DE LUMES — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista realizamos un acto simbólico de repulsa, exixindo o fin das inxerencias externas e das agresións contra a Siria. A continuación, a nosa declaración de condena:


Hai 3 días, o 5 de maio, fortes explosións sacudiron Damasco, a capital de Siria, producidas por míseis lanzados desde Israel. O resultado foi a morte de ducias de persoas e a entrada xa claramente descuberta de Israel no conflito, no que constitúe un novo crime do ente sionista na rexión.

O novo ataque israelí prodúcese nun momento en que, segundo todas as fontes, as forzas armadas sirias estarían a recuperar o control de importantes áreas anteriormente dominadas polos grupos favorábeis ao golpe de Estado coa axuda encoberta do proprio Israel, dos EUA e da UE. Ademais, pon ás claras cómo a guerra en Siria non pode explicarse unicamente por cuestións internas, senón que se trata dunha agresión instigada, fomentada e apoiada loxisticamente desde o exterior, armando a oposición e pretendendo ocultar o papel dos Estados Unidos, de Israel, de Arabia Saudita, de Qatar, de Turquía, e dalgúns países da Unión Europea —particularmente a Franza e o Reino Unido—, cuxos intereses na rexión distan claramente de seren os do pobo sirio. Así o fixeron anteriormente en Libia, disfrazando o imperialismo de guerra civil, para non teren enfrente a oposición da opinión pública que sufriron coas guerras no Iraq e no Afganistán. Rematada a guerra e arrasada Libia o foco mediático —necesario para xustificar a intervención— desapareceu e o petróleo flúe hoxe cara a occidente sen atrancos. Teñamos claro, máis que nunca, que o obxectivo en Siria non é diferente do obxectivo nestes países: dobregar e destruir un estado que non rematou de entrar nunca no xogo xeoestratéxico do imperialismo na zona.

Estas explosións verifican as ameazas que Israel e os Estados Unidos viñan deitando nas últimas semanas a respeito dunha intervención directa en Siria. O ataque israelense, precedido de varios anteriores, silenciados polos principais medios de comunicación en occidente, constitúe un intento do capitalismo imperialista de expandir e escalar o conflito na rexión, co obxectivo de incluir o Líbano e Irán. Preténdese así criar un escenario favorábel para uns planos de guerra decididos desde hai tempo, que só están á espera do momento máis oportuno para seren postos en práctica.

O goberno sionista de Israel retrátase, máis unha vez, como a principal ameaza para a paz na rexión, non só polo seu ataque sobre Damasco, como tamén pola súa ocupación criminal da Palestina, dos Montes do Golán sirios e das libanesas Quintas de Shebaa, e polas súas reiteradas agresións contra as proprias Palestina, Líbano, Iraq e, agora, Siria.

Por todo isto, desde MAR DE LUMES — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista expresamos a nosa solidariedade co agredido pobo sirio; condenamos o ataque de Israel sobre Damasco por se tratar dunha forma particularmente cruel e irresponsábel de inxerencia externa; e exiximos:

1) O fin das accións de agresión imperialista levadas a cabo por Israel, os Estados Unidos, a Unión Europea, e os seus aliados na zona, de Xordania ou Qatar á Arabia Saudita.

2) O fin das sancións internacionais contra Siria e a procura dunha saída negociada, sen tutelaxe imperialista, que conte con todos os axentes en conflito incluindo, tamén, o esquecido pobo curdo.

3) O fin dos acordos de cooperación cultural e económica con Israel, por parte do estado español e, notadamente na Galiza, os levados a diante por diversos concellos.

En Compostela, 8 de maio de 2013.