![]() |
| Manifestación baixo o lema «Pobo de paz» en Caracas |
A recente vaga de violencia golpista nas rúas de Caracas contra a revolución bolivariana non responde senón a ese mesmo patrón: provocar un episodio de desestabilización que coloque o presidente Maduro e o seu goberno na diana da chamada comunidade internacional e, notadamente, dos Estados Unidos e da Unión Europea, que sempre se teñen manifestado contrarios ao proceso revolucionario e soberanista venezuelano. Desestabilizar o país para despois re-estabilizalo de acordo cos principios do ultraliberalismo e da súa materialización imperialista é, sen calquera dúbida, a folla de rota da oligarquía nacional e tamén dos seus parceiros internacionais, desexosos de reintroduciren no país os seus propios intereses económicos.
É para iso que foron mobilizados os sectores máis reaccionarios da burguesía e da oligarquía venezuelana que hai só uns días compartían cinicamente a preocupación do goberno pola crecente violencia nas principais cidades do país, e que antonte asasinaban varias persoas, ferían moitas outras e destruían predios e infraestruturas públicas en varios puntos da capital.
De Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista non só condenamos a violencia desnecesaria con que se ten pretendido desestabilizar o goberno bolivariano, senón tamén todo o entramado imperialista e corrupto que está por tras dos asasinatos e do caos que se pretendeu sementar. Aliás, como anti-imperialistas, non podemos facer outra cousa que apoiar o goberno bolivariano, o proceso revolucionario que lidera, e os planos de integración continental que desde o respeito pola soberanía dos pobos está a promover en toda a América do Sul.
Non ao golpismo imperialista na Venezuela!
Viva a Revolución Bolivariana!














