A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta Brasil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Brasil. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de xuño de 2016

Non ao golpe de Estado no Brasil!


O Brasil está a vivir un golpe de Estado con todas as letras. Pode que non saísen os tanques ás rúas nen se observe violencia política directa — como tristemente estamos afeitos a ver na maioría dos casos de golpes deste tipo — mais o certo é que un cambio así no modus operandi tampouco impide definir a situación como o que é: un golpe contra o goberno eleito e, especificamente, contra a presidente Dilma Rousseff, que vén de ser destituída e substituída por políticos corruptos (varios deles, condenados) ao servizo dos intereses do capitalismo internacional. 

Non só se trata, pois, dun golpe de Estado. Trátase dun ataque imperialista, que, cunha dinámica diferente á de Honduras, Paraguai, Arxentina ou a Venezuela, responde no fondo ao mesmo obxectivo: paralisar a segunda independencia dos pobos da América do sul, arruinar os avanzos  no proceso de integración latinoamericana e as orientacións antiimperialistas dos gobernos progresistas do subcontinente e converter a América Latina, de novo, no quintal traseiro dos Estados Unidos. 

De todo isto, e das dinámicas internas presentes no caso concreto do Brasil, cunha dereita ultraconservadora que reacciona con racismo, machismo e clasismo ao continuo empoderamento das camadas populares desde o goberno de Lula, falamos este 3 de xuño con Jakson Renner, activista de Brasilegos Contra o Golpe, na libraría de mulleres Lila de Lilith. 



Subscrebe a nosa axenda solidaria!

mércores, 19 de agosto de 2015

Non ao golpismo no Brasil! Pola paz e a democracia

Novamente sobre América Latina se congregan as ameazadoras nubes dun golpe de Estado contra a democracia e contra o progreso. Desta vez é, concretamente, no ceo inmenso que cobre o Brasil, o maior país do continente. Non son apenas os insultos e o fomento deliberado do odio contra a presidente Dilma Rousseff, tomando como pretexto unha corrupción que existe e está a ser investigada e condenada polo propio goberno federativo do Brasil; senón que xa se fala — a cada vez máis abertamente — de obrigar o goberno a se demitir, e de substituilo mesmo pola vía militar.

Non é por acaso que o Brasil sexa unha das nacións que, nos últimos anos, se ven colocando claramente entre o grupo de países que ensaian, no plano interno, formas de redistribución da riqueza máis xustas e fórmulas de participación política máis abertas e populares a camiño da superación do capitalismo. Tampouco é por acaso que, no plano internacional, sexa unha das potencias que están a dar pasos cara a unha orde mundial multipolar e de paz, deliberadamente oposta ao imperialismo norteamericano e aos seus parceiros, que asolan o planeta con guerras, pillaxe e terrorismo teledirixido. Se este Brasil foi posíbel — sen negar as súas debilidades e fraquezas, nen as súas contradicións propias — debeuse á concatenación de gobernos que, de Lula da Silva á propia Dilma Rousseff, se posicionaron claramente nesas coordenadas após anos de ditadura formal e informal e de capitalismo corporativista e voraz.

Agora, nunhas rúas controladas polo poderosísimo lobby dos medios de comunicación, coa ultradereitista Globo á cabeza e coa oposición "democrática" da dereita incapaz de gañar as eleccións federais desde 2003 e entregada á tese eufemística do "impeachment", comezan a aparecer grupos — os mesmos que presumibelmente terían atacado á bomba o Instituto Lula no bairro de Ipiranga de São Paulo en maio deste ano — que piden publicamente o estabelecemento dunha ditadura militar como a que en 1964 expulsou João Goulart do goberno debido á súa "deriva comunista", da que tamén acusan a coaligazón de centro-esquerda que encabeza Dilma Rousseff e o PT. Grupos minoritarios que, en todo caso, reproducen o esquema de intervencionismo soterrado que o imperialismo leva anos a empregar contra outros gobernos da América Latina.

O modelo que os golpistas invocan — e que pola súa vez "normaliza" a oposición da dereita "democrática" — non é, por iso, novo. A ditadura militar brasileira, que durou máis de dúas décadas, foi a que conculcou a constitución, a que suprimiu as liberdades civís, a que instaurou o código de proceso penal que deu carta branca ao exército e á policía militar para desatar a represión e a tortura contra calquera disidente — entre elas, a propia Dilma Rousseff, pola súa militancia política —, a que censurou absolutamente todos os medios de comunicación e a que enveredou o país pola vía dun desenvolvimentismo e un corporativismo que, como sempre, acabou concentrando a riqueza dos inmensos recursos naturais brasileiros nunhas poucas mans mentres facía crecer as bolsas de pobreza e miseria. Sexa cal for o obxectivo destes grupos e das corporacións mediáticas, non cabe dúbida de que pasa por eliminar o avanzo dos últimos gobernos e reverter as importantes conquistas dos últimos doce anos, desde o primeiro goberno Lula.

Por último, mais non menos importante, convén non perder a perspectiva do que acontece á volta do Brasil. Os intentos de desestabilización que os sectores máis reaccionarios están a promover alí, cos beneficiarios de sempre máis ao norte, non poden ser desligados dos intentos golpistas que no Ecuador e, particularmente na Venezuela, están xa máis avanzados e son, por iso, máis perigosos. No Brasil, o perigo é aínda reconducíbel, e o chamamento do goberno á calma entra dentro desa vía normalizadora. Mais non significa que a estratexia golpista non exista e non sexa perigosa. Éo nas súas formas e éo, evidentemente, no seu fondo, que pasa, como sempre desde que América Latina deixou de ser o quintal traseiro dos Estados Unidos, por volver á vella situación de dependencia e rapina.

Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez
Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil
Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista

Subscrebe a nosa axenda solidaria!