A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta análise. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta análise. Amosar todas as publicacións

domingo, 28 de xaneiro de 2018

[ANÁLISE] Non á ocupación turca de Afrin

O 20 de xaneiro, o Estado turco cumpriu finalmente as ameazas que viña repetindo nos últimos anos e iniciou unha campaña militar de bombardeos intensivos e o intento de invasión terrestre da rexión de Afrin, zona de maioría curda no noroeste de Siria. A ofensiva foi bautizada cinicamente como "ramo de oliveira" e está protagonizada tanto por grupos de mercenarios islamistas financiados por Turquía - parte deles actuando baixo a franquía do "Exército Libre Sirio" (ELS)- como por tropas regulares dese país, co segundo maior exército da OTAN.

A pesar dos cada vez máis frecuentes ataques turcos que viñan sucedéndose duns anos para aquí, a rexión de Afrin viviu nos últimos tempos nunha relativa tranquilidade que lle permitiu acoller un importante continxente de persoas refuxiadas doutras partes de Siria, especialmente das provincias de Alepo e Idlib. Desde 2012, a zona foi defendida polas milicias das YPG (Unidades de Protección Popular) e das YPJ (Unidades de Protección das Mulleres), que tomaron o control do territorio a raíz da retirada das tropas do goberno. En colaboración coa aviación rusa, as milicias curdas lograron manter seguras as súas fronteiras e liberar da presenza de grupos terroristas algúns territorios próximos. 

Zonas de control territorial no noroeste da Siria


Afrin fai parte de Rojava (“Occidente”), que é como denomina o movemento de liberación curdo as zonas habitadas por ese pobo sen Estado que, após o acordo de Sykes-Picot en 1916, ficaron encadrados nas fronteiras de Siria. Desde o primeiro momento a zona incorporouse como cantón autónomo á administración defendida polas YPG/J e grupos aliados, que acabou por abandonar oficialmente a denominación de "Rojava" pola de "Federación Democrática do Norte de Siria" co fin de representar o conxunto de pobos que habitan a zona (árabes, curdos, asírios, turcomanos, armenios, circasianos e chechenos) e comezou a construír un modelo social baixo os fundamentos do "Confederalismo Democrático" teorizado por Abdullah Öcalan (líder de referencia do movemento curdo, preso por Turquía e confinado en solitario desde 1999 nunha illa-prisión). En base a iso, recoñeceuse a igualdade de dereitos de todas as etnias, linguas e relixións, foron implantándose asembleas comunais, incentivouse a participación e empoderamento das mulleres e potenciouse a economía social e cooperativa, nun proceso de transformación que continúa a avanzar con todas as limitacións derivadas do contexto de guerra e o embargo económico.

Desde o seu inicio, este proxecto foi atacado polo Daesh (Estado Islámico), Al Nusra (referencia de Al Qaeda en Siria) e outros grupos terroristas identificados co ELS. No entanto, foi máis ou menos tolerado tanto polo goberno sirio como por varias das potencias que actúan na zona. Así, nunha relación de alianzas que foi mudando no tempo, tanto os EUA como Rusia mantiveron colaboración militar (sobre todo aérea) coas forzas que están a defender o territorio do norte, maioritariamente curdas mais cunha implicación cada vez maior doutros pobos (como asirios e árabes) no marco das FDS (Forzas Democráticas Sirias). No caso ruso, a colaboración deuse tamén no plano político, sendo até agora o actor internacional mais favorábel a unha posíbel solución autónoma no marco dun estado descentralizado, algo que mesmo voces do goberno sirio chegaron a considerar factíbel no marco dunha hipotética negociación.

Pola súa parte, desde o primeiro momento Turquía manifestou a súa total oposición á administración do norte e desde o inicio atacou (directa e indirectamente) o proxecto que ten por núcleo o movemento curdo xusto a carón da súa fronteira. Fíxoo desde o comezo da guerra armando, financiando e favorecendo o paso de diferentes grupos terroristas, e xa en 2016 as tropas turcas ocuparon militarmente territorios do norte da Siria na operación chamada "Escudo do Éufrates", que tiña como obxectivo non disimulado impedir a unión dos territorios controlados polas milicias curdas e os grupos aliados. Desta forma, aínda que naquel momento Turquía non chegou a invadir territorios baixo a esfera curda, como era o seu obxectivo, si que logrou instalarse en territorio antes controlado polo Daesh (moitas veces case sen combates) e así manter o illamento da rexión de Afrin e facilitar unha posterior ofensiva como a que agora se inicia.

As motivacións do ataque en marcha son claras: o empoderamento do movemento curdo no norte de Siria e a consolidación do seu proxecto político xunto ao resto de pobos da zona supón unha clara ameaza para os intereses de Erdoğan, que tamén está a facer fronte cunha brutal represión á insurxencia curda nas súas fronteiras. Ademais, unha campaña deste tipo e a exaltación chauvinista que a está a acompañar (coa adhesión da maioría dos sectores políticos e mediáticos e a represión do resto), facilítalle unha útil cortina de fume coa que manterse no poder nun momento en que estaba a ser moi cuestionado tamén internamente.

Para o discurso oficial de Turquía, as YPG son identificadas plenamente co PKK (Partido dos Traballadores do Curdistán, considerado como organización terrorista pola UE e os EUA) que actúa desde os anos 80 no Curdistán turco. Ambas organizacións referéncianse no pensamento de Öcalan e sitúanse baixo o paraugas do KCK (Unión das Comunidades do Curdistán). Porén, se ben historicamente o Curdistán sirio (e nomeadamente Afrin) nutriu de combatentes o PKK, hoxe en día as YPG non están exercendo ataques contra Turquía e só actúan contra ela en lexítima defensa, e sempre limitaron as súas ofensivas na guerra siria contra o Daesh e outros grupos terroristas. A xustificación oficial, por tanto, carece de fundamento e esconde outros intereses.

Coa operación de Afrin, o Estado turco pretende garantirse novas zonas de ocupación (ver mapa) e asegurarse un papel relevante na resolución da crise siria, algo que estaba en cuestión tras as progresivas derrotas dos grupos que patrocinaba en Alepo, Hama ou Idlib. Toma forma xa abertamente o proxecto "neo-otomanista" que, baixo o liderado de Erdoğan, combina islamismo e imperialismo turco con fin de consolidarse como poder rexional, neste caso ao abeiro da OTAN. Ademais, ao atacar un dos grupos que máis activamente estaba contribuíndo á liquidación do Daesh en Siria, favorece a persistencia dese grupo terrorista e atrasa a estabilización do país. Por último, o ataque pretende ser un toque de atención e un golpe de forza tanto aos seus aliados dos EUA como a Rusia e mesmo ao propio goberno sirio, que en diferentes formas e momentos teñen colaborado coas YPG nas súas ofensivas para liberar o norte de Siria dos grupos integristas. A propia Rusia tiña tropas instaladas en Afrin desde hai anos, e retirounas no momento en que se iniciou a invasión. Isto, xunto á reunión que altos mandos militares rusos e turcos mantiveron pouco antes do ataque, parece confirmar que este se realiza cando menos coa permisividade de Rusia, que tería capacidade de impedilo mais non parece querer enfrontarse a Turquía nun momento en que están a recompor as relacións e pretende afastala da órbita da OTAN. Pola súa parte, os EUA, que colaboran coas YPG e as FDS noutras zonas do norte (mais non en Afrin), manifestaron tamén que o seu apoio está restrinxido ao combate contra o Daesh ao leste do Éufrates, e non parece ter vontade tampouco de facer nada por impedir os ataques de Turquía, que segue a ser formalmente un dos principais aliados dos países occidentais.

En canto ao goberno sirio, criticou duramente a intervención turca e o novo intento de ocupación do país, e acusouna de favorecer a expansión de grupos terroristas. Segundo as últimas informacións, o estado está a facilitar a resistencia contra a invasión cando menos con apoio médico e permitindo o traslado de combatentes e armamento entre as zonas de presenza curda, e mesmo tería a posibilidade de intervir directamente contra o ataque turco como lle solicitou recentemente a propia administración de Afrin.

No entanto, o poboación da rexión atacada organízase masivamente para resistir o intento de ocupación. Na súa capacidade de resistencia fronte á invasión turca xógase non só unha batalla pola soberanía dos pobos e contra o imperialismo, mais tamén a posibilidade de avance dun proxecto social que recoñeza os dereitos das mulleres e dos pobos, democratice a participación popular e permita a consolidación da paz en Siria sen inxerencias externas.


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

mércores, 9 de decembro de 2015

Sobre os resultados das eleccións lexislativas venezolanas de 2015



As eleccións lexislativas venezolanas de 6 de decembro de 2015 terminaron cunha vitoria contundente por parte da Mesa de Unidade Democrática, isto é, da oposición ao goberno de Nicolás Maduro e a toda a revolución bolivariana iniciada hai dezasete anos por Hugo Chávez. Os resultados foron claros: 112 deputados para a MUD, por 55 para o Grande Polo Patriótico, a coalición do goberno liderada polo PSUV. Tan claros que xa teñen precipitado algunhas análises mediadas polo catastrofismo e a grande sensación de derrota revolucionaria. O panorama aberto é, sen dúbida, enormemente complexo, mesmo lonxe desas análises derrotistas; e por iso convén, neste momento, parármonos a reflexionar sobre unha serie de ideas que a xuízo de Mar de Lumes, como organización da solidariedade internacionalista, parecen importantes para quen quixer acompañar a situación desde fóra da Venezuela, especialmente onde triunfa a información nesgada e as axendas mediáticas ocultas, como acontece no noso país.

Sobre a normalidade democrática

A primeira idea que convén subliñar é a respeito da absoluta normalidade do proceso eleitoral. Isto, que non debera ser noticia, éo no caso da Venezuela, sistematicamente agredida nas súas xornadas eleitorais por unha oposición até agora incapaz de conseguir sequera unha maioría simples, e que facía do non recoñecemento dos resultados unha estratéxia de desestabilización. Os chamados á violencia que se fixeron tan evidentes e tan perigosos nas anteriores eleccións, e que terminaron por se configurar en forma de guarimbas que atentaron contra a propiedade pública e contra a vida de varias persoas non tiveron lugar desta vez, e todo malia xa antes do conteo a MUD empregar os seus observadores convidados (Pastrana, Quiroga e Lacalle, de xeito especial) para provocar e malia Leopoldo López lanzar unha campaña de abstención, asegurando que as máquinas de votación tiñan sido manipuladas de xeito macizo e que o goberno preparaba unha grande fraude.

A vitoria da MUD non só serviu, neste caso, para deixar en ridículo Leopoldo López, máis preocupado pola súa estratexia de combate interno con Henrique Capriles do que por propor abertamente as súas propostas políticas. Serviu, tamén, para demostrar, pola vía dos feitos, que o sistema eleitoral venezolano — un dos máis auditados e comprobados do mundo, e portanto un dos máis confiábeis — é o que corresponde a unha grande república, e non o dunha ditadura, tal como era apresentado sistematicamente por aqueles poderes económicos e mediáticos opostos á revolución, tanto dentro como fora da Venezuela. Piedad Córdoba resumiuno claramente no final das votacións: o grande vencedor foi o propio sistema eleitoral. O grande derrotado, todo aquel que o cuestionaba interesadamente. Hoxe, a quen caracterizou o goberno de Chávez e despois de Maduro como un rexime ditatorial haberá que lle perguntar se pode citar algún outro caso de “ditaduras” que perdan eleccións. Evidentemente, non poderán.

As eleccións foron convocadas — frente a eses mesmos poderes que aseguraban que o goberno se iría atrincheirar e suspender o poder eleitoral (que na Venezuela funciona separadamente do resto de poderes, para máis datos) — e os resultados foron recoñecidos e respeitados de maneira exquisita, frente eses mesmos poderes que aseguraban que Nicolás Maduro os había rexeitar e mesmo inciar un insólito período para-asemblear. Por outras palabras: a coaligazón revolucionaria do Grande Polo Patriótico demostrou, da maneira máis dura, na súa derrota, ser unha coaligazón estritamente democrática. E reivindicar isto é, en medio da confusión xerada pola guerra mediática, unha obriga da solidariedade internacionalista.

Sobre o carácter das eleccións

A segunda idea é a respeito do carácter das eleccións. Dentro do inevitábel que resulta facer leituras en clave plebiscitaria de todas as eleccións, particularmente cando se produciren en cenarios de forte polarización, como é o caso da Venezuela, o certo é que as eleccións de 6 de decembro eran, en rigor, eleccións lexislativas. O que se escolleu foi a composición e a correlación de forzas da Asemblea Nacional dentro dun sistema unicameral. O goberno, porén, continúa o seu traballo, malia ter agora unha maioría parlamentar disposta a calquera cousa para o tombar. Quen asegura que o goberno debe demitirse continúa a xogar á desestabilización ou simplesmente ignora as pautas do sistema democrático venezolano.

O poder executivo nacional — isto é, o goberno, e a súa presidencia — foi eleito en 2013 para un período de seis anos, polo que continuará en vigor até 2019 conforme á lei. A mesma lei que, se for o caso, prevé a posibilidade de celebrar dun referendo revocatorio ao terceiro ano, isto é, en 2016. No entanto, a Revolución Bolivariana encetada por Hugo Chávez e a alternativa sistémica que representa, pode ser continuada e aínda aprofundada.

As causas da derrota do GPP

Por último, convén reflectir sobre as causas que levaron o GPP a ser claramente derrotado nestas lexislativas. A maioría das análises das grandes corporacións mediáticas pasaron repentinamente de falar dun suposto rexeitamento popular contra a “ditadura” — dado que o concepto de ditadura xa non pode ser invocado — a argumentar a grave crise económica e social que vive a Venezuela como motor do voto de castigo. Ponse o foco nos casos de corrupción en capas medias do Estado — que os houbo —, na inseguranza e os altos índices de criminalidade ou no desabastecemento e nas fileiras para comprar produtos de primeira necesidade; mais ao mesmo tempo esquécese a corrupción sistémica que acosaba Venezuela na época da alternancia do bipartidismo hexemónico (AD e COPEI) antes da primeira vitoria de Chávez, ignóranse os altos ratios de inseguranza en toda a América (non só a América do Sul) e as ligazóns de sectores da MUD co narcotráfico e o crime organizado, e ocúltase a dupla guerra (económica e mediática) contra o goberno revolucionario.

Unha dupla guerra, coa axuda de gobernos e poderes financeiros inxerencistas dos Estados Unidos e da UE, na que se fixeron caer os prezos do petróleo (e, portanto, unha importante parte dos ingresos do Estado), se paralisou á mantenta a distribución de bens de consumo para producir esas grandes fileiras de persoas ás entradas dos supermercados e como vía para especular cos prezos, se puxeron as condicións para dar un golpe de Estado (operación Salida) e para bombardear o palacio de Miraflores (operación Golpe Azul), finalmente abortados pola FANB, e, cando se produciron as detencións correspondentes, se investiron millóns de euros en apresentar Venezuela como unha república da persecución política e da falta de liberdades. Centrarse nos problemas que o goberno non solucionou de xeito convincente, pero obviar deliberdamente as causas deses mesmos problemas e o golpismo que se encontra por trás de moitos deles é calquera cousa menos informar ao xeito. E a iso se ten dedicado unha grande parte da prensa mundial, subsidiaria dos mesmos intereses financeiros que anseian o fin da revolución bolivariana.

A realidade é que o GPP foi derrotado nestas eleccións por motivos diversos, pero agrupábeis en dous grandes blocos. En primeiro lugar, polos erros propios, recoñecidos polo propio Nicolás Maduro e pola dirección política bolivariana, que vén de convocar un congreso nacional do PSUV (o principal partido do GPP) para analisar a situación e facer as mudanzas necesarias — vista a pouca marxe operativa que deixa a nova correlación de forzas na Asemblea Nacional. En segundo lugar, pola campaña eleitoral da MUD, que en lugar de centrarse en explicar a súa proposta política se centrou en desestabilizar o goberno e espallar a idea de que era necesario un novo rumo político, sen explicitar en que irá consistir. Non é necesario enxergar moi lonxe para saber cais son as liñas mestras desa nova dirección. É só ollar para os seus aliados — fundamentalmente internacionais — e para os intereses e a ideoloxía neoliberal que os moven. Pode que o obxectivo da MUD fose, de xeito lexítimo, alargar a base social que se podía sentir esquecida polo goberno revolucionario, centrado nas camadas sociais máis desfavorecidas con políticas activas de vivenda, educación e traballo. A maioría das oposicións nos países de democracia pluripartidista operan así, aproveitando os problemas non resoltos para as evidenciar carencias do goberno. Sen embargo, non é a iso ao que se ten dedicado a oposición venezolana nos últimos tempos, senón a criar, activamente, eses mesmos problemas que despois eran sinalados co dedo como responsabilidades do goberno. E aí é onde radica a súa falta de lexitimidade e o perverso desta operación contra-revolucionaria.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

sábado, 29 de agosto de 2015

Esta guerra é contra o Curdistán

No polvorín do mal chamado "Oriente Próximo" cada día tórnase máis difícil identificar axentes e obxectivos e tratar de entender o que acontece. Os medios de comunicación do sistema néganse a informar e céntranse en apenas contabilizar os episodios de matanza, os degolamentos e a miseria, criando máis confusión e, de pasada, un fastío xeralizado que afasta a ollada do mundo dese recanto do planeta. Desde ali chégannos, de súpeto, dous relatos falsos e deformados — o da guerra contra o Daesh e o do suposto terrorismo curdo — como se non tivesen nada a ver entre si, e como se, na realidade, non fosen as dúas caras da mesma moeda: a guerra das potencias imperialistas e dos seus aliados na zona por manter a Asia Sul-Occidental en conflito permanente (co obxecto de mellor rapinar os seus inmensos recursos enerxéticos) e, especificamente, por impedir a criazón dun poder curdo capaz, precisamente, de pór en perigo toda a operación de expropiación. Na realidade, o que na Asia Sul-Occidental está a ocorrer desde hai uns meses, é unha guerra-pinza entre, por unha parte, a OTAN e os seus aliados recoñecidos e non recoñecidos (Daesh) e, por outra, o povo curdo e mais unha serie de Estados, particularmente a Siria e o Irán, mais tamén o Líbano e o que queda do Iraque, opostos a esa reorganización da rexión planificada desde os despachos das oficinas de intereses estranxeiros dos Estados Unidos, da Unión Europea e dos seus socios no terreo. Esta guerra proxy ten adquirido agora, particularmente, a forma dunha guerra contra o Curdistán, intermitentemente ocultada ou feita pasar por un “problema interno” turco contra. Unha guerra contra quen, na realidade, leva meses a combater o xihadismo e a facelo retroceder.

Por este motivo, a situación do povo curdo está a gañar unha centralidade até agora descoñecida. Non é casual, senón que responde á evidencia de que, neste tempo, as milicias das YPG, das YPJ, do PKK e doutras forzas aliadas e afíns curdas téñense revelado inesperadamente como un dos poucos axentes (xunto con Hizbullah, Irán, Siria e o xiismo iraquiano) capaces de enfrontar decididamente o avanzo do Daesh.

Sen embargo, a loita do Curdistán non é só contra o Daesh. Nas últimas semanas, curdos e curdas sofren tamén ataques militares e policiais por parte da Turquía, cuxo goberno, presidido por Recep Tayyip Erdogan, decidiu romper o cesar-fogo co PKK e as conversas de paz que derivaban del e bombardear as posicións das milicias curdas en territorio formalmente sirio e iraquiano á vez que lanza, dentro das súas fronteiras, unha auténtica caza de bruxas, especialmente nas zonas de maioría curda. Un surto represivo que tampouco é casualidade.

Hai só unhas semanas, o HDP (Partido Democrático dos Povos) lograba nas eleccións estatais da Turquía máis de seis millóns de votos e 81 asentos no parlamento turco. Con aquel resultado, masivo nas zonas de maioría curda, deitaba por terra o intento de Erdogan de atinxir unha maioría absoluta que lle permitise estabelecer un sistema presidencialista que concentrase maior cota de poder, e á vez avanzar no proceso de "turquización" contra o que, precisamente, se teñen posicionado o povo curdo e outras minorías. Os grandes resultados do HDP terminaron mesmo bloqueado a formación do goberno, paralisando o executivo de Ankara e obrigando o aínda presidente en funcións Erdogan a convocar novas eleccións, de resultado absolutamente incerto. As necesidades do AKP (o partido do goberno) pasan agora por expulsar o HDP do parlamento turco a calquera custo, o que, sen dúbida, está por tras das detencións masivas de militantes e simpatizantes do PKK, do HDP e do Movemento Xuvenil Patriótico e Revolucionario (YDG); así como por tras dos asasinatos parapoliciais de simpatizantes da causa curda, e do estabelecemento dun clima de guerra civil, tal como denuncia Selahattin Demirtaş, o líder do HDP. O obxectivo non é outro que bloquear o crecente prestixio do considerado como brazo político legal na Turquía do ilegalizado PKK.

A xogada de Erdogan, tratando de ocultar estas prácticas filofascistas contra o povo curdo e ao mesmo tempo tentando camuflar os bombardeos sobre o PKK e as YPG/YPJ na Siria e no Iraque como se fosen o inicio dunha guerra contra o Daesh, co aplauso dos Estados Unidos e da Unión Europea, non se sostén por ningures. Despois de todo, o apoio de Turquía á fronte Al Nusra (o brazo sirio de Al Qaeda) desde 2011 co obxectivo de tombar o goberno de Bashar al Assad, a posterior integración de Al Nusra no Daesh e a continuación das relacións entre o Daesh e os servizos de intelixencia turcos, tal como foi revelado polo xornal turco Cumhuriyet, evidencian que, malia a confusión aparente, a mecánica subxacente permanece inalterada. Con efecto, os ataques lanzados sobre posicións do Daesh non poden compararse, nen en volume nen en intensidade (3 na primeira vaga), cos que trataban de aniquilar milicias curdas (300 na primeira vaga) precisamente mentres estas expulsaban os xihadistas da cidade de Sarrin, eliminaban practicamente toda a súa presenza en Hasaka e se sitúan ás portas de Raqqah, principal bastión do Daesh na Siria. As súas ameazas contra as forzas curdas en lugar de contra a Turquía (excepto as que serven para substanciar o relato dun Daesh contra o mundo) son tamén enormemente valiosas á hora de clarificar quen é inimigo de quen.

Mais, como estamos a dicir, os ataques ordenados por Erdogan contra as e os combatentes curdos no Iraque e na Siria teñen tamén unha leitura práctica a nível rexional, non só interno. Trataríase dunha operación con dous obxectivos fortemente relacionados entre si e co obxectivo interno. Por unha parte, impedir que as forzas curdas se fagan co control dunha franxa de 100 km. de longo por 40 km. de largo a norte de Aleppo, considerada "libre do Daesh" (sen estalo polo momento, por certo) e na que a Turquía pretende realoxar o continxente refuxiado sirio que tiña cruzado a fronteira polo avanzo xihadista contra o goberno de Al Assad, que contra todo pronóstico, continúa a resistir os ataques. Por outra, de impedir que así o PKK una por terra as zonas discontinuas que xa liberou e críe un corredor desde a fronteira do Iraque até o Mediterráneo co que reforzar a autonomía curda iraquiana (Bașûr) e desde o que controlar, ao mesmo tempo, todos os pasos fronteirizos do sul da Turquía, dando maior substantividade á autonomía curda dentro da fronteira siria (Rojava).

O apoio imperialista á Turquía, particularmente desde os Estados Unidos, non só responde ás obrigas específicas da OTAN, da que Turquía fai parte xunto con outros Estados que teñen sido acusados reiteradamente de financiar e dar apoio loxístico ao Daesh e, antes del, a Al Qaeda. Despois de todo, convén non perder de vista o feito de que os ataques contra o Curdistán para que de ningunha maneira fortaleza a súa posición rexional, fan parte dunha operación maior que visa reconfigurar a Asia Sul-occidental, eliminando calquera oposición ao deseño imperialista (Líbano, Siria, Irán, Iraque, e eventualmente un ou máis poderes curdos autónomos) e colocando gobernos-monicreques ou amigos.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!