A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

sábado, 3 de marzo de 2018

Así se falou da actualidade e do futuro inmediato da Catalunya en Compostela, na Coruña e en Ourense

Esta semana, Albert Botran (membro do Secretariado da CUP e deputado do parlamento catalán na anterior lexislatura) estivo en Galiza para explicar a actualidade do proceso político en marcha no seu país. O obxectivo non era outro que partillar reflexións e análises da situación ás que doutro modo sería case imposíbel acceder desde fóra de Catalunya, visto o comportamento dos grandes medios de comunicación, máis preocupados en ocultar os debates e facer todo xirar á volta da legalidade e de falsos argumentarios que en informar.

Acto na Fac. de Políticas da USC, no serán do día 28 de Febreiro.


Esta terceira visita de Botran a Galiza en dous anos — a cuarta se contamos coa súa presenza nos actos do Día da Patria de 2017 — prodúcese nun momento en que o Estado está a radicalizar a súa aposta pola baza da represión, e no que, de maneira consecuente con isto, se está a tornar cada vez máis difícil dar un debate a serio sobre os motivos para optar pola independencia. Uns motivos que, como lembrou o propio Botran, son principalmente de tipo instrumental, a diferenza do que trasladan os medios españois, que insisten en presentar o conflito como dun caráter unicamente identitario e egoísta.

Nesta ocasión, as xornadas desenvolvéronse na Facultade de Políticas de Compostela, na de Socioloxía da Coruña e no Centro Social A Galleira de Ourense, e congregaron máis de cento e cincuenta persoas interesadas en ultrapasar ese bloqueo informativo e en participar, como sempre nos actos organizados por Mar de Lumes, através de preguntas, reflexións e críticas persoais que enriqueceron as ideas apontadas polo convidado.

Encontro universitario na Fac. de Socioloxía da UdC, na mañá do día 1 de Marzo.


Botran defendeu a fortaleza do movemento independentista, verdadeiro motor do proceso, que vai moito alén das organizacións partidarias e que se ten tornado un auténtico movemento de masas que aínda medra cada vez que hai espazo para debater. En consecuencia, insistiu tambén na reivindicación política dos pasos dados até o de agora, pondo en valor a declaración consecuente de Mireia Boya no Tribunal Supremo e as posibilidades de confrontar o discurso do Estado coa saída de Anna Gabriel para o exilio. Por último, reivindicou o papel feito pola solidariedade internacionalista, vehiculada no noso país através da Plataforma Galiza con Catalunya, deixando á marxe o papel dunha esquerda española incapaz, salvo pequenas excepcións, de se situar fronte ao bloque monárquico e do 155.

Esta visita enmárcase dentro do intenso programa de actividades que desde Mar de Lumes vimos realizando nos últimos anos en solidariedade co pobo catalán e en apoio ao exercicio do seu dereito de libre determinación.

Acto no C. S. A Galleira de Ourense na tarde do día 1 de Marzo. 


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

mércores, 28 de febreiro de 2018

Actos en homenaxe ao Che


O Comité Nacional Ernesto Che Guevara, do que facemos parte xunto a diversas organizacións galegas, segue a organizar actividades para divulgar o pensamento dese militante revolucionario e rendir tributo ao sue exemplo solidario e internacionalista, aos 50 anos do seu asasinato. Os días 1 e 2  de marzo, Compostela e Vigo acollerán charlas-coloquio con Carlos Tablada (Economista, escritor e pedagogo cubano. Licenciado en Filosofía, Socioloxía e Doutor en Ciencias Económicas. Autor, entre outros, dos libros “El pensamiento económico de Ernesto Che Guevara” e “El marxismo del Che”).

O día 9 terá lugar no Teatro principal de Compostela o acto nacional de homenaxe ao Che, con música, poesía e intervencións políticas.


venres, 23 de febreiro de 2018

República Catalá en construción.
— Conversas con Albert Botran


A situación no proceso político catalán encóntrase nun claro impasse no que todas as opcións están abertas. Despois da proclamación da República en resposta ao referendo de 1 de Outubro, e despois da aplicación do artigo 155 da constitución española por parte do Estado, que se cursou coa suspensión do goberno catalán e coa persecución e, en varios casos, encarceramento de cargos políticos eleitos, estamos diante dun momento en que resulta particularmente importante acceder a información máis alá da axenda manipulada dalgúns medios. 

Para isto, desde Mar de Lumes convidamos Albert Botran, historiador e deputado da CUP no Parlament de Catalunya na lexislatura anterior, a visitar o noso país entre o 28 de febreiro e o 2 de marzo para para participar en diversos actos onde poderá achegar de primeira man cal é a situación actual e as perspectivas do proceso político catalán.

Nestas xornadas pretendemos achegar a realidade catalá desde a perspectiva de quen foi un dos protagonistas diretos dos momentos mais intensos da historia moderna de Catalunya e que máis teñen condicionado a dinámica estatal, tensando as costuras do réxime político inaugurado coa constitución de 1978. Trátase, tamén, de analisar as perspectivas de futuro para efectivizar esa República e tamén as consecuencias para o resto de pobos no estado español ante a posibilidade dunha mudanza desa importancia.

Eis os actos previstos:

  • Día 28, ás 20h00, Compostela: palestra a cargo de Albert Botran na Facultade de Ciencias Políticas da USC, Salón de Actos. 
  • Día 1, ás 12h00, A Coruña: encontro de Albert Botran co estudantado na Universidade da Coruña, Facultade de Socioloxía, Salón de Graos. 
  • Día 1, ás 20h00, Ourense: palestra a cargo de Albert Botran en Ourense, no centro social A Galleira (Pza. San Cosmede, s/n). 
  • Día 2, ás 10h30, Compostela: encontro con medios de comunicación e roda de prensa a cargo de Albert Botran, Oscar Valadares e Olaia Chaves (portavoces de Mar de Lumes) na Sala Circular do Auditorio de Galiza.


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

venres, 2 de febreiro de 2018

Basta de inxerencias españolas contra Venezuela



O pasado 25 de xaneiro, Venezuela decidía declarar persona non grata o embaixador español nese país, o que implica a súa saída do mesmo. O motivo son as súas reiteradas inxerencias na política interna venezolana, posicionándose claramente do lado da dereita opositora e ofrecéndolle todo tipo de apoio aos elementos que, dentro e fora do país, pretenden derrocar o goberno lexítimo. A súa actuación estaba perfectamente aliñada coa dos gobernos españois (tanto do PP como do PSOE), que desde o inicio da Revolución Bolivariana teñen apoiado golpes de estado, sancións económicas para dificultar a vida do pobo venezolano e en xeral toda a estratexia violenta da oposición que tanto sufrimento ten causado ao país.

Como consecuencia da declaración venezolana, o Estado Español decidiu declarar tamén (sen máis razón que a da “reciprocidade”) persona non grata ao embaixador venezolano en Madrid, que xa fora chamado a consultas polo seu país.

Consultar calquera hemeroteca dos últimos meses e ver as declaracións de Rajoy ou Dastis chega para constatar a xusteza da decisión venezolana. O Estado Español non parece disposto a asumir que Venezuela conquistou a súa independencia hai dous séculos loitando contra o seu decadente imperio, e que desde o triunfo da Revolución Bolivariana está en marcha un proceso para erradicar todo rasgo de neocolonialismo e imperialismo e exercer a auténtica soberanía. Ás ansias recolonizadoras súmanselle os intereses das multinacionais españolas que, desde o triunfo do chavismo, foron postos en cuestión polo pobo venezolano.

Desde Mar de Lumes, Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, apoiamos a decisión do goberno bolivariano e denunciamos novamente o papel do réxime español como unhas das principais puntas de lanza a nivel internacional da folla de ruta imperialista, que é a mesma que a da dereita venezolana mais violenta e golpista, a quen da acubillo de forma sistemática. 

Por último, aproveitamos para agradecer ao embaixador Mario Isea e ao conxunto da misión diplomática ante o reino de España o seu labor, defendendo dignamente o proxecto político escollido polo seu pobo e facendo frente en todo momento ás agresións a pesar das constantes campañas de acoso e difamación.

Galiza con Venezuela.
Viva a Revolución Bolivariana!

martes, 30 de xaneiro de 2018

Comunicado conxunto BDS-MdL sobre a visita de Feijóo a Israel



Ignorancia, indiferenza ou complicidade?


Feijóo quer estreitar vínculos económicos con Israel, o estado do apartheid, a limpeza étnica, a violencia contra as crianzas, os crimes de lesa humanidade....

O 30 de xaneiro, Feijóo iniciará unha "misión comercial a Israel", o estado que ao longo da súa breve historia mais reiteradamente escarneceu as resolucións das NN.UU. e as normas básicas do dereito internacional. O estado que masacra o pobo da Palestina asañándose con especial violencia contra as súas crianzas, obrigadas a crecer baixo a bota militar da ocupación.

Feijóo viaxa a Israel para estreitar vínculos comerciais apesar de saber que con eses vínculos colabora a afianzar as políticas de limpeza étnica e xenocidio practicas polo estado sionista contra o pobo palestino.

Israel: un estado fora da lei internacional


Coas ducias de Resolucións da asemblea das NNUU incumpridas por Israel, ditadas apesar da presión exercida polos potentes lobbies que actúan no seu beneficio en organismos internacionais e o veto permanente dos EUA no Consello de Seguranza da ONU, Israel colócase sen dúbida á cabeza dos estados delincuentes (os estados fora da lei) de todo o mundo.

Israel: apartheid, limpeza étnica e xenocidio


Os tres mecanismos tradicionais do supremacismo colonizador son o dia-a-dia nas políticas de Israel contra o pobo da Palestina: discriminación e segregacionismo dentro das fronteiras do estado sionista, eliminación fisica das persoas que non pertencen a etnia/relixión estatal (xudia) na Cisxordania, expulsión do território e masacres masivas na Faixa de Gaza (bombardeamentos periódicos, elevada mortandade por carencias básicas en sanidade, expolio e contaminación da agua e terra...).

Israel: violencia contra as crianzas


No entanto, e con seren tan graves estes crimes contra a poboación palestina, é con as crianzas, os membros máis vulnerábeis da comunidade, con que mais sadicamente se asaña o estado sionista.

Nestes momentos hai 311 crianzas palestinas encarceradas nas prisións sionistas. A media anual de arrestos militares ou administrativos é de 700. A maioría sofren torturas e tratos vexatorios e se padecen algunha doenza, non reciben os tratamentos médicos.

O ministro de Eduación israelí, Naftali Bennett, non oculta o seu desexo : “Deberían terminar a vida en prisión”

Israel: inxerencia nos asuntos da Galiza



O delito da cámara galega? Aprobar unha Declaración Institucional en favor do respecto dos dereitos humanos do pobo palestino.

A resposta de Pilar Rojo, na altura presidenta do Parlamento, distou de ser firme na defensa dos dereitos humanos e a soberanía da cámara. Despois viñeron as visitas de delegacións sionistas, os acordos, a ignorancia e a indiferenza polos crimes que Israel continuou consumando... Agora unha inesperada comisión comercial encabezada por Feijóo partirá mañá a ratificar o apoio oficial ao estado sionista, e confirmar a complicidade da mais alta representación do noso país cos crimes perpetrados por Israel.






Subscrebe a nosa axenda solidaria!


domingo, 28 de xaneiro de 2018

[ANÁLISE] Non á ocupación turca de Afrin

O 20 de xaneiro, o Estado turco cumpriu finalmente as ameazas que viña repetindo nos últimos anos e iniciou unha campaña militar de bombardeos intensivos e o intento de invasión terrestre da rexión de Afrin, zona de maioría curda no noroeste de Siria. A ofensiva foi bautizada cinicamente como "ramo de oliveira" e está protagonizada tanto por grupos de mercenarios islamistas financiados por Turquía - parte deles actuando baixo a franquía do "Exército Libre Sirio" (ELS)- como por tropas regulares dese país, co segundo maior exército da OTAN.

A pesar dos cada vez máis frecuentes ataques turcos que viñan sucedéndose duns anos para aquí, a rexión de Afrin viviu nos últimos tempos nunha relativa tranquilidade que lle permitiu acoller un importante continxente de persoas refuxiadas doutras partes de Siria, especialmente das provincias de Alepo e Idlib. Desde 2012, a zona foi defendida polas milicias das YPG (Unidades de Protección Popular) e das YPJ (Unidades de Protección das Mulleres), que tomaron o control do territorio a raíz da retirada das tropas do goberno. En colaboración coa aviación rusa, as milicias curdas lograron manter seguras as súas fronteiras e liberar da presenza de grupos terroristas algúns territorios próximos. 

Zonas de control territorial no noroeste da Siria


Afrin fai parte de Rojava (“Occidente”), que é como denomina o movemento de liberación curdo as zonas habitadas por ese pobo sen Estado que, após o acordo de Sykes-Picot en 1916, ficaron encadrados nas fronteiras de Siria. Desde o primeiro momento a zona incorporouse como cantón autónomo á administración defendida polas YPG/J e grupos aliados, que acabou por abandonar oficialmente a denominación de "Rojava" pola de "Federación Democrática do Norte de Siria" co fin de representar o conxunto de pobos que habitan a zona (árabes, curdos, asírios, turcomanos, armenios, circasianos e chechenos) e comezou a construír un modelo social baixo os fundamentos do "Confederalismo Democrático" teorizado por Abdullah Öcalan (líder de referencia do movemento curdo, preso por Turquía e confinado en solitario desde 1999 nunha illa-prisión). En base a iso, recoñeceuse a igualdade de dereitos de todas as etnias, linguas e relixións, foron implantándose asembleas comunais, incentivouse a participación e empoderamento das mulleres e potenciouse a economía social e cooperativa, nun proceso de transformación que continúa a avanzar con todas as limitacións derivadas do contexto de guerra e o embargo económico.

Desde o seu inicio, este proxecto foi atacado polo Daesh (Estado Islámico), Al Nusra (referencia de Al Qaeda en Siria) e outros grupos terroristas identificados co ELS. No entanto, foi máis ou menos tolerado tanto polo goberno sirio como por varias das potencias que actúan na zona. Así, nunha relación de alianzas que foi mudando no tempo, tanto os EUA como Rusia mantiveron colaboración militar (sobre todo aérea) coas forzas que están a defender o territorio do norte, maioritariamente curdas mais cunha implicación cada vez maior doutros pobos (como asirios e árabes) no marco das FDS (Forzas Democráticas Sirias). No caso ruso, a colaboración deuse tamén no plano político, sendo até agora o actor internacional mais favorábel a unha posíbel solución autónoma no marco dun estado descentralizado, algo que mesmo voces do goberno sirio chegaron a considerar factíbel no marco dunha hipotética negociación.

Pola súa parte, desde o primeiro momento Turquía manifestou a súa total oposición á administración do norte e desde o inicio atacou (directa e indirectamente) o proxecto que ten por núcleo o movemento curdo xusto a carón da súa fronteira. Fíxoo desde o comezo da guerra armando, financiando e favorecendo o paso de diferentes grupos terroristas, e xa en 2016 as tropas turcas ocuparon militarmente territorios do norte da Siria na operación chamada "Escudo do Éufrates", que tiña como obxectivo non disimulado impedir a unión dos territorios controlados polas milicias curdas e os grupos aliados. Desta forma, aínda que naquel momento Turquía non chegou a invadir territorios baixo a esfera curda, como era o seu obxectivo, si que logrou instalarse en territorio antes controlado polo Daesh (moitas veces case sen combates) e así manter o illamento da rexión de Afrin e facilitar unha posterior ofensiva como a que agora se inicia.

As motivacións do ataque en marcha son claras: o empoderamento do movemento curdo no norte de Siria e a consolidación do seu proxecto político xunto ao resto de pobos da zona supón unha clara ameaza para os intereses de Erdoğan, que tamén está a facer fronte cunha brutal represión á insurxencia curda nas súas fronteiras. Ademais, unha campaña deste tipo e a exaltación chauvinista que a está a acompañar (coa adhesión da maioría dos sectores políticos e mediáticos e a represión do resto), facilítalle unha útil cortina de fume coa que manterse no poder nun momento en que estaba a ser moi cuestionado tamén internamente.

Para o discurso oficial de Turquía, as YPG son identificadas plenamente co PKK (Partido dos Traballadores do Curdistán, considerado como organización terrorista pola UE e os EUA) que actúa desde os anos 80 no Curdistán turco. Ambas organizacións referéncianse no pensamento de Öcalan e sitúanse baixo o paraugas do KCK (Unión das Comunidades do Curdistán). Porén, se ben historicamente o Curdistán sirio (e nomeadamente Afrin) nutriu de combatentes o PKK, hoxe en día as YPG non están exercendo ataques contra Turquía e só actúan contra ela en lexítima defensa, e sempre limitaron as súas ofensivas na guerra siria contra o Daesh e outros grupos terroristas. A xustificación oficial, por tanto, carece de fundamento e esconde outros intereses.

Coa operación de Afrin, o Estado turco pretende garantirse novas zonas de ocupación (ver mapa) e asegurarse un papel relevante na resolución da crise siria, algo que estaba en cuestión tras as progresivas derrotas dos grupos que patrocinaba en Alepo, Hama ou Idlib. Toma forma xa abertamente o proxecto "neo-otomanista" que, baixo o liderado de Erdoğan, combina islamismo e imperialismo turco con fin de consolidarse como poder rexional, neste caso ao abeiro da OTAN. Ademais, ao atacar un dos grupos que máis activamente estaba contribuíndo á liquidación do Daesh en Siria, favorece a persistencia dese grupo terrorista e atrasa a estabilización do país. Por último, o ataque pretende ser un toque de atención e un golpe de forza tanto aos seus aliados dos EUA como a Rusia e mesmo ao propio goberno sirio, que en diferentes formas e momentos teñen colaborado coas YPG nas súas ofensivas para liberar o norte de Siria dos grupos integristas. A propia Rusia tiña tropas instaladas en Afrin desde hai anos, e retirounas no momento en que se iniciou a invasión. Isto, xunto á reunión que altos mandos militares rusos e turcos mantiveron pouco antes do ataque, parece confirmar que este se realiza cando menos coa permisividade de Rusia, que tería capacidade de impedilo mais non parece querer enfrontarse a Turquía nun momento en que están a recompor as relacións e pretende afastala da órbita da OTAN. Pola súa parte, os EUA, que colaboran coas YPG e as FDS noutras zonas do norte (mais non en Afrin), manifestaron tamén que o seu apoio está restrinxido ao combate contra o Daesh ao leste do Éufrates, e non parece ter vontade tampouco de facer nada por impedir os ataques de Turquía, que segue a ser formalmente un dos principais aliados dos países occidentais.

En canto ao goberno sirio, criticou duramente a intervención turca e o novo intento de ocupación do país, e acusouna de favorecer a expansión de grupos terroristas. Segundo as últimas informacións, o estado está a facilitar a resistencia contra a invasión cando menos con apoio médico e permitindo o traslado de combatentes e armamento entre as zonas de presenza curda, e mesmo tería a posibilidade de intervir directamente contra o ataque turco como lle solicitou recentemente a propia administración de Afrin.

No entanto, o poboación da rexión atacada organízase masivamente para resistir o intento de ocupación. Na súa capacidade de resistencia fronte á invasión turca xógase non só unha batalla pola soberanía dos pobos e contra o imperialismo, mais tamén a posibilidade de avance dun proxecto social que recoñeza os dereitos das mulleres e dos pobos, democratice a participación popular e permita a consolidación da paz en Siria sen inxerencias externas.


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

venres, 22 de setembro de 2017

Democracia é decidir

Mar de Lumes, como organización de solidariedade internacionalista, é unha das promotoras da Plataforma Galiza con Catalunya, que vén de convocar para este día 30 de setembro unha manifestación nacional en Compostela de apoio ao proceso de autodeterminación do povo catalán e de protesto contra as medidas represivas aplicadas polo Estado español contra as súas institucións e contra o seu povo, ao que denega a posibilidade de escoller democraticamente o seu futuro. A continuación, reproducimos a nota de imprensa da Plataforma en que é anunciada a manifestación.

Democracia é decidir


A Plataforma Galiza con Catalunya está constituída desde o inicio do proceso catalán, que foi acompañando, por diversas organizacións sociais, sindicias, culturais e políticas galegas que queren dar apoio conxunto, desde Galiza, ao proceso democrático iniciado polo pobo catalán. Esta é unha plataforma aberta a todas aquelas organizacións galegas que se queiran aderir.

Por acima das normais diferencias que teñen as organizacións que compoñen a plataforma, hai unha causa común: a defensa dos dereitos colectivos dos pobos e a defensa da democracia, e no que como galegos e galegas nos sentimos reflexadas.

Desda Galiza somos conscientes de que a situación política en Catalunya é de máxima excepcionalidade: chámase "desafío secesionista" ao dereito de autodeterminación dun pobo e "referendo ilegal" a un acto lexítimo de expresión da democracia. Neste sentido, á luz dos feitos acontecidos nos últimos días denunciamos e condenamos a aplicación encuberta do artigo 155 da Constitución e a conculcación sistemáticas dos dereitos individuais e colectivos en Catalunya. En particular, no día de hoxe, queremos condenar expresamente as detencións de cargos da Generalitat a gravísima escalada no estado de excepción imposto a Cartalunya. Neste sentido, ao longo do día de hoxe convocaremos concentracións de solidariedade nas principais cidades e vilas do país.

Vigo: 20h Farola Urzaiz
Ferrol: 20:30h Praza Armada (diante Edificio Xunta)
Lugo: 20h Subdelegación do Goberno
A Coruña: 20h Subdelegación do Goberno
Pontevedra: 20h Subdelegación do Goberno
Compostela: 20:30h Praza do Toural
Ourense: 20h Subdelegación do Goberno

Anunciamos ademais que desde a Plataforma Galiza con Catalunya temos convocada unha manifestación nacional para o vindeiro día 30 de setembro con saída ás 12h na Alameda de Compostela baixo o lema "Democracia é decidir" onde nos queremos sumar aos desexos do pobo catalán para decidir libremente o seu futuro sen mais limitacións que as que eles e elas decidan democraticamente.



Subscrebe a nosa axenda solidaria!

martes, 25 de xullo de 2017

Galiza con Catalunya, pola independencia e pola democracia

Hoxe, no marco do Día da Pátria Galega, celebramos o primeiro acto da nova andadura da Plataforma Galiza con Catalunya. Fixémolo cunha acción simbólica en Compostela no que se fixo público un manifesto de apoio ao pobo de Catalunya e ás súas institucións lexítimas, que apostan em dar voz ás persoas para que poidan decidir o seu futuro, fronte á violencia e as ameazas do Estado. Nesta acción insistimos tamén no noso compromiso coa defensa do dereito de autodeterminación, unha das bases do noso traballo internacionalista. Até o 1 de Outubro, a Plataforma continua aberta a incorporacións de mais organizacións que asuman este III Manifesto.



III Manifesto de solidariedade Galiza con Catalunya

A situación política en Catalunya é de máxima excepcionalidade. A suspensión da autonomía por parte do Estado e o uso da forza e da coerción física para impedir a inevitábel declaración de independencia do pobo catalán pairan no ar. Mais xa non só como posibilidades remotas ou certas, senón como ameazas constantes dun rexime decrépito e entolecido que chama "referendum ilegal" á democracia e "desafío secesionista" ao dereito de autodeterminación.

Para os poderes españois, a posibilidade de que as nacións que non recoñecen envereden polo camiño da independencia e da soberanía non é unha opción. Mais tampouco o é calquera "encaixe" que non sexa o da súa progresiva españolización, en todas as ordes da vida. A realidade, porén, é teimuda. E a imposibilidade de pór cancelas á vontade popular que desbordou hai tempo as marxes apunta de maneira clara cara á crise do modelo do "todo atado y bien atado", situando nas declaracións de independencia destas nacións a verdadeira panca que pode acabar de fracturalo por completo. De aí as ameazas e a violencia, reaccións primarias e antipolíticas de quen necesita perpetuar a dominación. Porque, para os poderes centrais, non é só unha cuestión territorial; está todo en xogo.

O Estado, cego ante o seu propio ordenamento xurídico e cego tamén ante a lexislación internacional á que di acollerse, demóstrase incapaz de permitir calquera exercicio democrático real que vaia contra a unidade e a indivisibilidade que a ditadura fascista de Franco estebeleceu e a falsa Transición apuntalou. En Catalunya é evidente; mais tamén o é en Euskal Herria, onde España se nega a avanzar no proceso de paz malia todos os pasos dados pola sociedade basca e as súas organizacións políticas; e por suposto tamén en Galiza, onde a ilegalización de ideas e a violencia — máis branda ou máis dura — pretenden instalarse como norma.

Sabemos, por iso, que España é irreformábel. A experiencia do pobo catalán deixouno tamén claro. A única saída ao círculo vicioso é, polo tanto, a acumulación de forzas de ruptura. Cada pobo terá, para iso, a súa estratexia, mais non hai dúbida de que o referendo do día 1 de outubro é fillo dese traballo, da mobilización popular e dunha folla de ruta o suficientemente clara. Por iso hoxe, as organizacións que facemos parte da Plataforma Galiza con Catalunya nos colocamos do lado de quen pula polo referendo. É a nosa maneira de nos colocar do lado da democracia.

Desde Galiza, conscientes do episodio histórico e das oportunidades a quebra catalá abre tamén para o noso pobo, animamos a toda a comunidade galega nese país irmán a facer, o 1 de outubro, o mesmo que nós facemos hoxe: dicir Si ao referendo, Si á Catalunya como Estado independente en forma de República e Si á democracia. Estamos convencidas de que máis cedo que tarde unha oportunidade semellante se abrirá ao alcance das nosas mans.

Agora Galiza
Bloque Nacionalista Galego
Briga
Causa Galiza Centro Social Gomes Gaioso
Colectivo Nacionalista de Marín
Confederación Intersindical Galega
Erguer. Estudantes da Galiza
Fundaçom Artábria
Galiza Nova
Isca!
Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Movemento Galego ao Socialismo
Xebra



Subscrebe a nosa axenda solidaria!

venres, 9 de xuño de 2017

Así foron as palestras sobre os procesos emancipatorios catalán e basco fronte ao desafío unionista español

Dentro da liña de traballo de apoio aos procesos de emancipación nacional dos pobos sen Estado que Mar de Lumes está a desenvolver com organización de solidariedade internacionalista, desta volta trouxemos a Galiza dous vultos destacados de Euskal Herria e dos Países Cataláns para falar dos procesos soberanistas destes pobos fronte ao desafío do unionismo español. 

Albert Botran, deputado da CUP no Parlament de Catalunya e Niko Moreno, militante da esquerda abertzale e membro da área internacional de Sortu estiveron connosco en dous concorridos actos, celebrados o día 7 de xuño en Vigo e o 8 en Compostela. Neles, partillaron ideas, experiencias e análises sobre a situación de subalternidade que enfrentan os pobos dentro do Estado español e sobre a única saída posíbel: a ruptura democrática. 

En concreto, Albert Botran falou da rápida evolución da opción independentista no seu país en relación á cada vez máis clara imposición forzada do proxecto unionista estatal e puxo en perspectiva os pasos dados pola sociedade catalá até tornar maioritaria a posición favorábel a exercer o dereito a decidir. 

Niko Moreno, pola súa vez, explicou a aposta do paso da estratexia político-militar á vía exclusivamente política e contrapuxo este avanzo coas reticencias encontradas do outro lado da mesa, especialmente no caso do Estado español. Ademais, caracterizou o papel do PNB na actualidade como principal traba contra unha vía basca á independencia e como punta de lanza do proxecto unionista tamén en Cataluña. 

Botran e Moreno tiveron tamén ocasión para referirse ás contradicións de ambos os procesos e ao papel xogado pola "nova" esquerda española, que formalmente apoia a celebración de referendos, pero que no día a día se confirma como unha rémora que xoga, ao mesmo tempo, cos chamados á convivencia e coa indefinición calculada do seu propio proxecto político. 

Estas xornadas remataron en Compostela o día 8, xusto na véspera de que, tal como previsto, o governo catalán anunciase a data e contido do referendo que celebrará, a pesar de toda a oposición do aparato do Estado, o día 1 de outubro coa pregunta: Quere que Cataluña sexa nun estado independente en forma de república? — un anuncio que desde Mar de Lumes recibimos con entusiasmo. 

Subscrebe a nosa axenda solidaria!