A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta américa latina. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta américa latina. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de xullo de 2016

Celebramos acción simbólica de apoio aos povos da América Latina contra o imperialismo

Na tarde de onte, 25 de xullo, día da Patria Galega, a militancia de Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista realizamos unha acción simbólica nas escaleiras da Alameda de Compostela na que contamos coa presenza destacada de compañeiras e compañeiros da Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil e militancia diversa de organizacións soberanistas galegas que a só uns metros festexaban o noso día nacional no recinto do Festigal. 

Velaquí o manifesto desta acción e a imaxe coa que queremos, desde Galiza, enviar o noso apoio ás dignas causas do povos da América Latina que enfrentan a nova vaga de ataques imperialistas.

 


MANIFESTO FÓRA IMPERIALISMO DA AMÉRICA LATINA

Os últimos anos teñen sido marcados, na América Latina, por unha nova vaga de agresións imperialistas que teñen o seu precedente naquel infausto Plan Cóndor que nas décadas de 1970 e 1980 arrasou o continente suramericano, matou milleiros de persoas e fixo desaparecer centos de milleiros polas súas ideas políticas e por se organizaren para dar aos seus países gobernos de progreso. 

Despois daquilo, o cambio de século trouxo de novo ventos de autoorganización popular permitindo importantes vitorias que se sumaban á resistente Cuba, con gobernos progresistas e de esquerda que impulsaron diferentes programas de transformación social, redistribución da riqueza, expansión dos servizos públicos básicos e aumento do control sobre os recursos naturais. Políticas, todas elas, rexidas pola idea da soberanía dos pobos e por unha concepción antiimperialista e multipolar do mundo. A concreción da ALBA-TCP a partir de 2004 e as importantes vitorias á hora de reorientar, cando menos en parte, a CELAC, a OEA ou UNASUR — até entón dirixidas directa ou indirectamente desde os despachos da oligarquía estadounidense — colocaron o continente nun camiño de segunda independencia que o capital transnacional dos Estados Unidos e da Unión Europa non podía permitir. Non é casual que en México, cun goberno-monicreque, o asasinato sistemático de profesorado e alumnado fique impune mentres en Venezuela, calquera cousa é empregada para abrir un conflito político de carácter internacional contra a revolución bolivariana. 

Por iso, a guerra mediática contra Venezuela, o intento de asasinato de Zelaya, os golpes de estado institucionais contra os gobernos de Paraguai e Brasil, o hostigamento permanente contra Ecuador e Bolivia ou as agresións do FMI e o Banco Mundial contra o goberno da Arxentina, o control exaustivo sobre Perú, México, Colombia, Haití, Porto Rico, etc. non poden ser interpretados como pezas soltas, nen explicados unicamente por causas internas. Todas estas accións non son outra cousa que manobras ofensivas nunha guerra non convencional lanzada polo imperialismo para recuperar o control dun continente inmensamente rico que, despois de décadas, comezaba de novo a estar nas mans dos seus pobos.

Desde Galiza, un pobo tamén en loita contra a expatriación dos nosos recursos, contra as políticas de españolización que destrúen a nosa cultura, contra o colonialismo centralista que nos nos impide desenvolvernos, nos empobrece e nos expulsa do noso país, queremos expresar, mediante esta acción simbólica, o noso apoio ás dignas causas dos pobos da Nosa América, aos seus gobernos revolucionarios ou progresistas, e tamén ás organizacións de todo tipo que en Chiapas, en Oaxaca, na selva colombiana ou no territorio mapuche continúan loitando polos seus dereitos colectivos.

Vivan os pobos que loitan!
Fora imperialismo da América Latina!


Subscrebe a nosa axenda solidaria!

mércores, 14 de outubro de 2015

Os povos coa Venezuela: Integración latinoamericana. A hora dos povos

A continuación reproducimos, verquido para o noso idioma, o comunicado da campaña internacional "Os povos coa Venezuela", da que Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista fai parte.
Tócanos a nós, compañeiros e compañeiras, ser os parteiros do novo tempo, os parteiros da nova historia, os parteiros da nova integración, os parteiros da ALBA, a Alternativa Bolivariana para as Américas, para os povos da América, unha verdadeira integración libertadora, para a liberdade, para a igualdade, para a xustiza e para a paz. Só nós, unidos, podemos facelo e, ademais, soterrar o capitalismo para parir o socialismo do século XXI, un novo proxecto histórico socialista.   
Discurso do Comandante Chávez na Contracimeira do Non á ALCA realizada no Mar da Prata, en 2005. 


Hugo Chávez apostou, desde a súa chegada ao goberno, pola integración latinoamericana e caribeña. Froito deste esforzo, a República Bolivariana de Venezuela tense convertido en vangarda da unidade no continente, a través da criazón de iniciativas de integración rexional como a Alianza Bolivariana para os Povos da nosa América—Tratado de Cooperación dos Povos (Alba-TCP), a Unión de Nacións Suramericanas (Unasur), o ingreso da Venezuela ao Mercado Común do Sul (Mercosur), e a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (Celac) — este último formado en Caracas en 2012.

Retomando o soño bolivariano da Patria Grande, estes novos mecanismos de integración baséanse en novas lóxicas como a solidariedade, a cooperación, a equidade ou o respecto á soberanía e autodeterminación dos povos. Un camiño aberto cara á solución de problemas estruturais como a pobreza, o desemprego e a exclusión social, que enfermaban a toda a rexión.

A vitoria da Revolución Bolivariana fai dezasete anos puxo sobre a palestra a urxente necesidade de crear unha axenda alternativa conxunta para enfrontar a hexemonía imperial de EEUU sobre o noso continente. Sen dúbida, a derrota do proxecto neoliberal e imperialista do ALCA (Área de Libre Comercio para as Américas), formulado por EEUU na I Cimeira das Américas, realizada en Miami en 1994, constituiu unha vitoria para os povos que se uniron pola defensa da súa soberanía contra un tratado que desencadease o aumento da pobreza, o saqueo das nosas fontes de riqueza e a profundización das desigualdades. Mentres se enardecían as loitas contra o ALCA, desde Cuba e Venezuela partiu a iniciativa solidaria da creación da ALBA, como espazo de integración e complementariedade para o desenvolvemento humano e social, ademais de político e económico, priorizando a educación, a saúde, as loitas ambientais e o combate contra o analfabetismo, a fame e a exclusión social. O 14 de decembro de 2004, os presidentes Hugo Chávez e Fidel Castro asinaron a primeira declaración conxunta na Habana, á que se han ir sumando outros gobernos progresistas da rexión como Bolivia, Nicaragua, a Mancomunidade de Dominica, Antigua e Barbuda, Ecuador, San Vicente e As Granadinas, Santa Lucía, San Cristóbal e Neves e Selecta.

No ano 2008, mentres se desataba a forte crise económica en EEUU que atinxiría case todo o mundo capitalista, en todos os países de ALBA e Petrocaribe produciuse un crecemento do 25% do Produto Interno Bruto (PIB), que permitiu manter e incrementar os seus índices de desenvolvemento humano. En materia educativa, máis de 5 millóns de persoas foron alfabetizadas; Cuba, Venezuela, Bolivia e Nicaragua foron declaradas libres de analfabetismo, e máis do 90% das nenas e nenos están escolarizadas/os. No que respecta á saúde pública, máis de 7,5 millóns de persoas foron atendidas gratuitamente e lévanse graduado máis de 21.000 médicas/os comunitarias/os integrais.

A política internacional da Revolución Bolivariana, baseada na solidariedade e a complementariedade, foi apoiada polos líderes progresistas e os povos da rexión, e continuada polo actual presidente da República Bolivariana, Nicolás Maduro, quen participou como chanceler de Venezuela, xunto ao Comandante Chávez, durante estes anos de creación de acordos, convenios e organismos internacionais para integración dos povos.

Neste outubro, mes que lembra a invasión e o saqueo sufrido polos povos orixinarios que habitaban o continente precolombino, mes transformado polas nosas revolucións en Resistencia Indíxena, a campaña "Os povos coa Venezuela" quere lembrar o carácter integrador e solidario que tivo desde o seu nacemento a Revolución Bolivariana.

Organismos como a Unasur, Petrocaribe, a Alba ou a Celac son exemplos do profundo proceso transformador que viviron durante estes anos Latinoamérica e o Caribe. O Comandante Chávez, e o seu chanceler e actual presidente Nicolás Maduro, lideraron eses esforzos colectivos, xunto a Evo Morais, Rafael Correa, Fidel Castro e outras e outros líderes rexionais, promovendo e abrazando a unidade dos povos. Todos comprenderon que a integración non era só un método de vinculación comercial, senón un proceso cultural e social que pasa pola concreción dunha identidade común latinoamericana.


Para adesións e máis información:
- Correo: LosPueblosConVenezuela@gmail.com
- Facebook: Los Pueblos con Venezuela
- Twitter: @PueblosConVzla

Subscrebe a nosa axenda solidaria!

xoves, 26 de marzo de 2015

México insurxente: non esquecemos!

Onte, día 25, celebramos xunto coa Liga Estudantil Galega na Universidade da Coruña unha nova acción explicativa sobre a situación en México, co gallo da desaparición dos 43 estudantes normalistas en Ayotzinapa, no estado de Guerrero. 




O compañeiro Manolo Pipas, internacionalista galego que coñece perfeitamente a realidade mexicana — non só en Guerrero, como tamén nos estados de Oaxaca ou Chiapas — explicou a situación e ligouna claramente a un proceso que non pode ser entendido por si só, senón no conxunto das violencias institucionais exercidas polo Estado federal en connivencia cos intereses das oligaquías mexicana e dos Estados Unidos.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!