A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

sábado, 3 de marzo de 2018

Así se falou da actualidade e do futuro inmediato da Catalunya en Compostela, na Coruña e en Ourense

Esta semana, Albert Botran (membro do Secretariado da CUP e deputado do parlamento catalán na anterior lexislatura) estivo en Galiza para explicar a actualidade do proceso político en marcha no seu país. O obxectivo non era outro que partillar reflexións e análises da situación ás que doutro modo sería case imposíbel acceder desde fóra de Catalunya, visto o comportamento dos grandes medios de comunicación, máis preocupados en ocultar os debates e facer todo xirar á volta da legalidade e de falsos argumentarios que en informar.

Acto na Fac. de Políticas da USC, no serán do día 28 de Febreiro.


Esta terceira visita de Botran a Galiza en dous anos — a cuarta se contamos coa súa presenza nos actos do Día da Patria de 2017 — prodúcese nun momento en que o Estado está a radicalizar a súa aposta pola baza da represión, e no que, de maneira consecuente con isto, se está a tornar cada vez máis difícil dar un debate a serio sobre os motivos para optar pola independencia. Uns motivos que, como lembrou o propio Botran, son principalmente de tipo instrumental, a diferenza do que trasladan os medios españois, que insisten en presentar o conflito como dun caráter unicamente identitario e egoísta.

Nesta ocasión, as xornadas desenvolvéronse na Facultade de Políticas de Compostela, na de Socioloxía da Coruña e no Centro Social A Galleira de Ourense, e congregaron máis de cento e cincuenta persoas interesadas en ultrapasar ese bloqueo informativo e en participar, como sempre nos actos organizados por Mar de Lumes, através de preguntas, reflexións e críticas persoais que enriqueceron as ideas apontadas polo convidado.

Encontro universitario na Fac. de Socioloxía da UdC, na mañá do día 1 de Marzo.


Botran defendeu a fortaleza do movemento independentista, verdadeiro motor do proceso, que vai moito alén das organizacións partidarias e que se ten tornado un auténtico movemento de masas que aínda medra cada vez que hai espazo para debater. En consecuencia, insistiu tambén na reivindicación política dos pasos dados até o de agora, pondo en valor a declaración consecuente de Mireia Boya no Tribunal Supremo e as posibilidades de confrontar o discurso do Estado coa saída de Anna Gabriel para o exilio. Por último, reivindicou o papel feito pola solidariedade internacionalista, vehiculada no noso país através da Plataforma Galiza con Catalunya, deixando á marxe o papel dunha esquerda española incapaz, salvo pequenas excepcións, de se situar fronte ao bloque monárquico e do 155.

Esta visita enmárcase dentro do intenso programa de actividades que desde Mar de Lumes vimos realizando nos últimos anos en solidariedade co pobo catalán e en apoio ao exercicio do seu dereito de libre determinación.

Acto no C. S. A Galleira de Ourense na tarde do día 1 de Marzo. 


Subscrebe a nosa axenda solidaria!