A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

Pobos: Siria

A ameza dun inminente ataque imperialista contra Siria, baseado en mentiras popularizadas pola propaganda occidental, obriga a deterse un momento para tratar de enxergar o qué é a Siria e de onde é que vén o conflito en medio a tanto caos informativo e aos relatos propositadamente confusos que venden os grandes medios de comunicación. Só así, coñecendo as orixes e os motivos que levaron a esta situación, é posíbel facer unha valoración non contaminada do conflito e tomar una posición ao respeito.

A Siria que non nos contan

A Siria é un país do Oriente Próximo, con acceso ao mar Mediterráneo e fronteiras co Líbano, Israel, Xordania, o Iraque e a Turquía. A Síria ocupaba, en orixe, toda a rexión do levante do mar Mediterráneo. Porén, como aconteceu con toda a África e boa parte da Asia, as súas fronteiras actuais foron definidas en oficinas europeas. No caso particular de Siria, nun despacho de París, pois foi protectorado francés até 1946. Este dato, por si mesmo, pode explicar xa en grande parte o papel que a Franza está a xogar de cara ao vindouro ataque imperialista e neocolonial contra o país.

En abril de 1946, a Franza é obrigada a se retirar do protectorado e é estabelecida unha república parlamentar independente, mais moi instábel, con continuos golpes de Estado durante vinte anos. Desde 1970, o país pasa a ser gobernado polo Partido Árabe Socialista Al-Baath, que orixinariamente mantivo un programa socialista e laico que colocou a Siria —xunto coa Libia— á cabeza do desenvolvimento social no sul do Mediterráneo. Como característica do socialismo árabe, a posición do partido Baath foi sempre panarabista. De aí que a Siria teña xogado historicamente un papel importante na defensa da causa palestiniana e se teña configurado como un contrapeso histórico á puxanza de Israel, patrocinada polos Estados Unidos.

Por outras palabras: a Siria, da man do partido Baath, ten funcionado desde a década de 1970 como un importante actor antiimperialista na rexión, cun papel similar ao que hoxe en día pode xogar Venezuela no caso da América do Sul. Non estraña, polo tanto, que os Estados Unidos e a UE teñan intereses proprios en tirar de diante o partido Baath e tamén a coalición Frente Nacional Progresista que goberna o país.

A perda de apoio do partido Baath

Nos últimos tempos, a presenza da ideoloxía socialista no partido Baath tense diluído en parte e apareceron problemas evidentes de conexión co pobo sirio. A última reforma constitucional, que aumentou significativamente as liberdades políticas e sociais é mostra dos esforzos do partido Baath por non perder, definitivamente, o apoio da maioría da poboación. Unha poboación que, mesmo así, votou moi maioritariamente a candidatura encabezada por Al-Assad nas últimas eleccións.

O que permaneceu, porén, intacto do grande proxecto do partido Baath foi o seu laicismo, e tamén e o seu antiimperialismo. Especialmente o primeiro explica en grande medida tamén a forte oposición dos grupos relixiosos integristas, non só da Siria como doutros países da rexión, ao ponto de que líderes de Al-Qaeda no Iraque teñan chamado a aniquilar o presidente al-Assad nunha especie de guerra contra o demo e teñan enviado importantes continxentes de opositores armados estranxeiros que hoxe nutren algúns dos grupos denominados «rebeldes», entre eles al-Nusra, brazo armado de al-Qaeda na Siria.

As revoltas populares que comezaron en 2011 e que derivaron en guerra civil, sen dúbida, estiveron participadas tamén por este tipo de organizacións, xunto con outras que no seu momento se colocaran na oposición do partido Baath, mais que diante da situación actual, se teñen colocado novamente do lado do goberno, clarificando os dous bloques antagónicos.

Por unha parte, o bloque gobernamental, co presidente Bashar al-Assad á cabeza e coa colaboración de todas as forzas antiimperialistas e de esquerda do país, algunhas delas críticas, como o Partido Comunista Sirio, mais cuxa análise conclúe que é necesario apoiar o goberno fronte ao que se considera unha invasión imperialista.

Imaxe dunha reunión do grupo de "Amigos da Siria", a plataforma
que agrupa os países occidentais e as monarquías do Golfo que
queren invadir o país.

Por outra parte, o bloque opositor —o autoproclamado rebelde—, formado por un conxunto complexísimo de organizacións que van desde desertores do exército regular sirio (que criaron o Exército Libre Sirio) até jihadistas iraquianos, afganos, turcos, etc. Para entender quen son os opositores sirios, recomendamos a leitura do artigo Quem são os rebeldes sírios? publicado pola revista Contrapoder.info.

O importante, en todo caso, é ter claro que o feito de que a oposición e as súas mobilizacións —evidentemente lexítimas— derivasen nunha guerra con todas as letras, non é un feito inevitábel. Nese bloque opositor, algunhas das organizacións que o nutriron e nutren tiveron desde o inicio a vontade de derivaren o conflito social en guerra, sen dúbida ningunha. Por que, se non, habían estar a Gran Bretaña e as monarquias absolutistas do Golfo enviando armas e dando apoio loxístico a unha oposición que maioritariamente non quixese terminar combatendo a morte?

Hai unha vontade evidente de guerra neses grupos e tamén nas potencias estranxeiras que os apoiaron e os encirraron contra o goberno sirio. Polo tanto, a situación actual en Siria non pode denominarse de “guerra civil”, senón de “guerra imperialista”, pois o apoio estranxeiro tampouco ten nada a ver coas espectativas iniciais dos opositores, senón coa perspectiva de controlar o país após a morte de Al-Assad. Exactamente do mesmo xeito que hoxe fan coa arrasada Libia, convertida nunha especie de reino de taifas onde os líderes locais que no seu día receberon o apoio loxístico e militar estranxeiro hoxe continúan matándose entre si e matando a poboación das zonas que controlan pola forza, co único obxectivo de continuaren controlándoas.

Fabricando a escusa

O discurso occidental que explica a situación en Siria di, mais ou menos, o seguinte: a Siria é un país gobernado por un ditador intratábel e sanguinario que leva anos e anos masacrando o seu pobo por algún motivo —non aclarado, por suposto— e que ademais é amigo de outras ditaduras da zona (Irán), de grupos terroristas como Hizbollah e de toda canto goberno faga parte do Eixo do Mal e ameace a paz mundial. Como ese ditador é o demo en persoa e os pobres opositores —eses que arrancan os corazóns dos seus inimigos derrotados aínda vivos— son incapaces de o derrocaren, pois a comunidade internacional, que sempre actúa desinteresadamente para levar a paz e a democracia a todos os lugares do mundo, non ten outra opción que ir alí, invadir o país e restaurar a orde natural das cousas.

Ese é o discurso que pretenden que nos creamos. Así de infantil e maniqueo. E, porén, quen teña permanecido atento a outras invasións como a de Afganistán, o Iraque, ou a Libia, sabe que isto ten pouco a ver coa realidade.

Bases norteamericanas rodeando Siria e Irán
A guerra entre o goberno e os opositores non é, pois, unha guerra por liberdade ningunha nen contra ditadura ningunha. É unha guerra polo control dun país con importantes reservas de gás natural e outros recursos e cunha posición xeoestratéxica que o torna un obxectivo primario para quen pretender controlar a rexión. Controlar a rexión significa non só posuir a soberanía sobre as persoas que alí viven, senón tamén e fundamentalmente controlar o paso de mercadorías, algunhas delas de vital importancia para os países occidentais que patrocinan esta nova vaga neocolonial.

De aí que Israel e os Estados Unidos, coa axuda da Unión Europea e das monarquías absolutistas do Golfo Pérsico (principalmente, Arabia Saudita e Catar) teñan organizado todo un dispositivo de propaganda para deteriorar a imaxe do goberno sirio ao mesmo tempo que continúan armando e dando suporte aos «rebeldes».

É a incapacidade deses opositores para derrocar pola forza o goberno eleito de Bashar al-Assad o que levou as potencias occidentais e os seus aliados na rexión a se decidiren pola intervención directa no país, dicindo estaren alarmados por unha guerra que dura xa dous anos, que causou 100.000 vítimas mortais e centos de milleiros de refuxiadas e refuxirados. Puro cinismo.

Para xustificaren a intervención militar directa, os países occidentais están empregando a mesma estratexia propagandística que xa tiñan usado contra Muammar Gaddafi e o goberno libio no seu día. A diferenza do que tiñan feito con Saddam Hussein, dedicáronse e dedícanse aínda a criar a imaxe dun monstro sádico que xustifique a necesidade de levar ao país a democracia e a liberdade. Trátase dun discurso maniqueo que é ben doado de difundir polos medios de comunicación principais e que serve para convencer as persoas menos informadas de que a invasión patrocinada polos Estados Unidos non é imperialista, senón puramente humanitaria. Sobre a fabricación desa mentira, paga a pena ler o artigo A invención do monstro do gás sarín.

Máis información: