A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

venres, 9 de xuño de 2017

Así foron as palestras sobre os procesos emancipatorios catalán e basco fronte ao desafío unionista español

Dentro da liña de traballo de apoio aos procesos de emancipación nacional dos pobos sen Estado que Mar de Lumes está a desenvolver com organización de solidariedade internacionalista, desta volta trouxemos a Galiza dous vultos destacados de Euskal Herria e dos Países Cataláns para falar dos procesos soberanistas destes pobos fronte ao desafío do unionismo español. 

Albert Botran, deputado da CUP no Parlament de Catalunya e Niko Moreno, militante da esquerda abertzale e membro da área internacional de Sortu estiveron connosco en dous concorridos actos, celebrados o día 7 de xuño en Vigo e o 8 en Compostela. Neles, partillaron ideas, experiencias e análises sobre a situación de subalternidade que enfrentan os pobos dentro do Estado español e sobre a única saída posíbel: a ruptura democrática. 

En concreto, Albert Botran falou da rápida evolución da opción independentista no seu país en relación á cada vez máis clara imposición forzada do proxecto unionista estatal e puxo en perspectiva os pasos dados pola sociedade catalá até tornar maioritaria a posición favorábel a exercer o dereito a decidir. 

Niko Moreno, pola súa vez, explicou a aposta do paso da estratexia político-militar á vía exclusivamente política e contrapuxo este avanzo coas reticencias encontradas do outro lado da mesa, especialmente no caso do Estado español. Ademais, caracterizou o papel do PNB na actualidade como principal traba contra unha vía basca á independencia e como punta de lanza do proxecto unionista tamén en Cataluña. 

Botran e Moreno tiveron tamén ocasión para referirse ás contradicións de ambos os procesos e ao papel xogado pola "nova" esquerda española, que formalmente apoia a celebración de referendos, pero que no día a día se confirma como unha rémora que xoga, ao mesmo tempo, cos chamados á convivencia e coa indefinición calculada do seu propio proxecto político. 

Estas xornadas remataron en Compostela o día 8, xusto na véspera de que, tal como previsto, o governo catalán anunciase a data e contido do referendo que celebrará, a pesar de toda a oposición do aparato do Estado, o día 1 de outubro coa pregunta: Quere que Cataluña sexa nun estado independente en forma de república? — un anuncio que desde Mar de Lumes recibimos con entusiasmo. 

Subscrebe a nosa axenda solidaria!