A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano

venres, 4 de decembro de 2015

Tres verdades sobre as eleccións venezolanas do día 6

Este domingo, 6 de decembro, mentres no Estado español é celebrada unha constitución que dá continuidade no esencial aos principios do rexime franquista, na Venezuela terán lugar unhas eleccións de vital importancia. O que se dirime non é só a composición e a correlación de forzas na Asemblea Nacional, senón se o país poderá continuar polo camiño da revolución e do socialismo do s. XXI, ou se, pola contra, volve aos tempos de saqueo e alleamento dos seus recursos, de democracia de cartón e de entrega total da soberanía aos intereses do imperialismo.

O que se xoga nas eleccións do 6D

Nun momento en que está a arroiar de xeito particular a habitual guerra mediática desatada tanto dentro como fora da Venezuela para desestabilizar o goberno do PSUV e propiciar a súa caída, desde Mar de Lumes, como organización galega do movemento internacionalista, xulgamos interesante destacar algunhas ideas que non han aparecer no grande circo das corporacións mediáticas.

En primeiro lugar, a loita política que hoxe se dá na Venezuela xa non responde á situación común na maioría de países, na que uns poucos partidos se desputan a administración do mesmo sistema económico, social e político. Ao contrario, nestas eleccións, apoiar a opción do goberno significa continuar na revolución cara ao denominado socialismo do século XXI; apoiar a outra, en troca, significa a cancelación inmediata do camiño andado nos últimos anos e a volta radical do neoliberalismo. O que está en xogo, pois, é o sistema económico e, portanto, social, que rexerá o país, con ligazón directa para outros países e povos da rexión. Por iso, polos intereses económicos e xeopolíticos que están en xogo é polo que as eleccións na Venezuela resultan centrais e o capitalismo transnacional está empeñado en tombar o goberno, pola vía eleitoral ou por calquera outra.

A guerra mediática

Nestas circunstancias, a Venezuela leva anos a sofrer os ataques destes grupos de poder unicamente interesados en volver converter o país nunha fonte de recursos cos que aumentar as marxes de lucro. Uns grupos que demostraron, ademais, non teren limites para se apoderar novamente do goberno. As guarimbas, a queima de centros de atención médica primaria, o asasinato de líderes políticos do chavismo como Robert Serra, os planos para bombardear o Palacio de Miraflores (sede do goberno nacional) ou para producir levantes armados en sectores corruptos do exército son exemplos destas prácticas antidemocráticas e criminais.

Cando os seus instigadores e organizadores foron detidos e encarcerados, os grupos mediáticos dentro e fora do país decidiron consideralos como «presos políticos», difundindo o concepto de «rexime totalitario» coa intención de desprestixiar o goberno. Encher páxinas ou horas coas idas e vindas de familiares e avogados deses presos, e non dedicar un segundo ou unha liña ás políticas reais do goberno non é unha casualidade. A estratexia violenta e a estratexia mediática destes grupos de poder demostra que a vía eleitoral non é máis que unha vía secundaria no seu intento por recuperar o goberno.

As acusacións de manipulación

Na estratexia de desprestixiar o goberno, tómase a parte polo todo e sostense que a oposición (toda a oposición) venezuelana está encarcerada, o que sería, entre outras cousas, imposíbel de facer. Pero non só: tamén se asegura que o goberno manipulará as eleccións do 6 de decembro. Porén, as eleccións na Venezuela son, en cada ocasión, monitoradas in situ por organizacións internacionais, delegacións de diferentes países (entre eles, o Estado español), e interventores e apoderados de todos os partidos que se apresentan. Nunca organismo ou delegación internacional ningunha denunciou unhas eleccións celebradas desde que Hugo Chávez foi investido presidente do país.

Por outra parte, é falso que o goberno controle as eleccións, que poida adiantalas ou atrasalas (tal como suxeriu o ex-presidente español Felipe González) ou manipulalas de calquera xeito, porque a súa convocatoria e o seu funcionamento non dependen do goberno, senón do Consello Nacional Eleitoral (CNE), un órgao independente creado pola Constitución venezolana, con funcionamento e orzamento propios, e sobre o cal o goberno non ten atribucións ou competencias de ningún tipo. Malia todo, as oligarquías e os grupos de presión económica invocaron a pantasma do fraude en todas as eleccións celebradas, mesmo atacando a lexitimidade do CNE ou a funcionalidade do proceso cando non gañaron as súas teses, e obviando os informes favorábeis dos observadores internacionais en cada unha das convocatorias.

Galiza coa Venezuela

Na realidade, a Venezuela posúe hoxe un dos sistemas eleitorais máis participativos do mundo. Tamén dos máis auditados e contrastados. En absoluto se pode dicir que o goberno manipule os resultados, por ser tecnicamente imposíbel e polo seu compromiso demostrado co respeito pola vontade popular. Cando en decembro de 2007 Hugo Chávez perdeu o referendo para profundizar na revolución — coa dereita invocando o fin da propiedade privada e da patria potestade dos fillos se o chavismo gañaba aquela elección —, os resultados foron respeitados e a reforma constitucional paralisada. Chávez e o seu goberno, sen embargo, continuaron aparecendo como «rexime totalitario», o que comproba que o resultado é irrelevante e que o obxectivo da oligarquía capitalista dentro e fóra da Venezuela é parar a revolución.

Frente a este obxectivo, desde Mar de Lumes denunciamos non só a violencia promovida por estes grupos desde hai meses, como tamén a presenza de axentes non venezolanos que responden á estratexia desestabilizadora que xa vimos (e continuamos a ver) aplicada noutros lugares do planeta que o imperialismo pretende controlar. Os movementos de solidariedade de todo o mundo están estes días coa Venezuela fronte á inxerencia estranxeira. E desde Galiza, como non pode ser doutro xeito, tamén a solidariedade se posiciona no mesmo bando, no do respeito pola soberanía dos povos e no dun futuro bolivariano e de paz para a Venezuela.


— Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista

Subscrebe a nosa axenda solidaria!