A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta donbass. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta donbass. Amosar todas as publicacións

sábado, 20 de setembro de 2014

Nova concentración solidaria coa Ucraína antifascista


Mentres en Minsk, Rusia e a OSCE acordaban onte, 19 de setembro, unha retirada das tropas das fronteiras de Donetsk e Lugansk, desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, coa colaboración da Liga Estudantil Galega, chamamos diversos colectivos sociais, políticos e sindicais a unha concentración en denuncia das agresións fascistas contra a autoproclamada Novorossia como parte dun ataque maior, de carácter imperialista, centrado sobre Rusia e co pano de fondo do fin da unipolaridade do mundo.

A concentración, como acto final das xornadas de solidariedade co Donbass organizadas en Vigo, que incluían tamén unha palestra na libraría Andel da cidade, reuniu unhas cen persoas e colectivos baixo o lema central "Solidariedade Internacionalista coa Ucraína Antifascista" e palabras de orde como "Imperialismo fora da Ucraína", "Non son pro-rusos, son antifascistas" ou "Unión Europea, unión imperialista".





mércores, 17 de setembro de 2014

Comezaron as xornadas antifascistas de Vigo

Na tarde de onte, 16 de setembro, comezaron na Libraría Andel as xornadas antifascistas organizadas por Mar de Lumes e pola Liga Estudantil Galega, co primeiro dos actos, consistente nunha palestra onde se falou da situación na Ucraína desde a súa xénese no Maidan ás derivacións que está a ter neste momento, cando todas as evidencias apontan a que o conflito – malia concentrar a súa fase bélica na Ucraína e Novorossia – vai moito alén destes territorios e pode atinxir xa un plano global.

De fondo, opera a necesidade do imperialismo occidental, cos Estados Unidos á cabeza, de impedir a reaparición de Rusia como axente de primeiro nível no plano xeopolítico e de protexer os seus intereses expansivos na Europa do Leste, cos sucesivos alargamentos da Unión Europea.

O coloquio posterior, con interesantes intervencións dalgunhas das 70 persoas que acudiron ao acto, enriqueceu a reflexión con outras liñas de análise interesantes como os picos da enerxía, a presenza do capitalismo ultraespeculativo e a súa relación coas guerras e mesmo a análise das consecuencias que as sancións da UE á Rusia e da Rusia á UE poden ter para povos como o galego.

O seguinte acto das xornadas será a concentración antifascista organizada en solidariedade co Donbass, que se realizará en Vigo o día 19, diante da porta do MARCO.