A caridade é humilhante porque se exercita verticalmente, desde a cima; a solidariedade é horizontal e implica respeito mútuo.
— Eduardo Galeano
Amosando publicacións coa etiqueta persecución xudicial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta persecución xudicial. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de xaneiro de 2016

Máis unha vez: o internacionalismo non é delito!

Durante o día de onte, 27 de xaneiro, nove militantes internacionalistas foron detidos no Estado español por, alegadamente, faceren parte da estrutura militar do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK), que a Unión Europea e a propia España decidiron incluír nunha lista de «organizacións terroristas» en 2001, na secuencia da famosa e demostradamente perversa “guerra contra o terror”. Desde Mar de Lumes, como organización galega de solidariedade internacionalista — canda outras organizacións irmás de todo o mundo — vimos denunciando esta lista, os fundamentos ideolóxicos sobre os que asenta e as detencións e xuízos políticos que derivan da súa mesma existencia. Mais queremos, nesta ocasión, facer algunha breve reflexión ao caso.

Primeiro: mesmo asumindo o disparate de considerar o PKK unha organización terrorista, as persoas detidas nesta operación están acusadas formalmente de se integraren nas YPG, as milicias curdas que están a loitar contra o Daesh na Rojava, isto é, en territorio estatal sirio. É a campaña mediática que sempre vén parella a este tipo de accións represivas a que está a confundir deliberadamente o PKK coas YPG. De modo que España, a través do seu tribunal político non só está a criminalizar a solidariedade internacionalista coas organizacións que de facto están a conseguir importantes avanzos militares — por certo, recoñecidos por Rusia, os Estados Unidos e a propia UE — contra o autoproclamado Estado Islámico, unha das peores ameazas para a paz e a vida no Oriente Medio. Ademais, teima en seguir unha doutrina xudicial simplista e ridícula que se basea en considerar que todo o que teña a ver co Curdistán ten a ver consecuentemente co PKK. Esta “teoría da contorna”, que España xa aplicou sen reparos en Euskal Herria e en Galiza para ilegalizar organizacións incómodas para os seus intereses de Estado, e que foi denunciada por innúmeras organizacións internacionais de dereitos humanos, gaña agora unha nova e perigosa dimensión internacional.

En segundo lugar: España está a colocarse, na práctica, na mesma trincheira que Turquía, un dos principais promotores da doutrina da contorna aplicada ao caso curdo, mais tamén un dos aparatos estatais que non dubidou en amañar as últimas eleccións, e tamén as anteriores (segundo fixo pública a OSCE, entre outras) para impedir a entrada do pró-curdo Partido Democrático dos Povos (HDP) no parlamento turco, que tenta ilegalizar esta nova ferramenta electoral, e que está, segundo todos os indicios, por tras de accións de terrorismo de Estado como o atentado á bomba contra a manifestación pola vida de Ancara en outubro pasado, con case un centenar de vítimas mortais e mais de 240 persoas feridas. A elección española dos seus aliados non é unha cuestión menor, especialmente se se considera que entre eses aliados figuran tamén reximes como o de Arabia Saudita, os Emiratos Árabes Unidos, Catar, e outros financiadores demostrados do propio Daesh.

Por último, a detención destes nove militantes e a acusación de integraren un pretendido aparato militar (dentro do Estado español, enténdese) do PKK ten outra lectura en clave estatal. Revela, de feito, a fraca saúde das liberdades civís no conxunto do Estado español, en particular a liberdade de pensamento e a liberdade de asociación. España, que decidiu servirse da ilegalización de formacións políticas para tentar paralisar o independentismo en Eukal Herria ou en Galiza, confirma con esta última acción represiva que non está disposta a cambiar de métodos, e que a criminalización da disidencia democrática, da mobilización social ou da práctica do internacionalismo vai continuar a ser o seu modus operandi habitual.

Por todo isto, desde Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista só podemos expresar o noso rexeitamento a estes métodos represivos e criminalizadores, e, de novo, facer explícita a nosa solidariedade co povo curdo e coa súa loita contra a desaparición.

Subscrebe a nosa axenda solidaria!